Concurso de gandos celebrado en Carballo no ano 1911. Público presenciando a cualificación dun becerro por parte dos veterinarios Ignacio Varela, Santos Romero e Rof Codina. Cedida por Diego Conde e extraída do libro de Juan Rof Codina, «Estudio de 50 vacas gallegas del Concurso de Ortigueira», Revista Veterinaria de España 6, n.o 6 (febrero de 1912): 220.

Concurso de gandos celebrado en Carballo no ano 1911. Público presenciando a cualificación dun becerro por parte dos veterinarios Ignacio Varela, Santos Romero e Rof Codina. Cedida por Diego Conde e extraída do libro de Juan Rof Codina, «Estudio de 50 vacas gallegas del Concurso de Ortigueira», Revista Veterinaria de España 6, n.o 6 (febrero de 1912): 220.

Cen anos da ‘creación’ da Rubia Galega, un emblema do país

En 1917, o veterinario Rof Codina sentou as bases morfolóxicas desta raza produtora de carne, crucial para a economía de Galicia

Se houbera que facer unha lista simbólica sobre as maiores sinais de identidade de Galicia, a raza Rubia Galega estaría nas primeiras posicións. É un elemento clave para entender a economía, a cultura popular, o refraneiro, a literatura e a vida cotiá do país. O proceso de selección e mellora xenética da rubia é unha historia de séculos, e que continúa na actualidade. Hai agora cen anos, en 1917, o veterinario Juan Rof Codina publicou a monografía sobre a raza bovina galega, un fito capital para a xénese da especie cárnica por excelencia do noso territorio.

Nesta obra, que fora premiada o ano anterior pola Asociación de Gandeiros do Reino, é “onde se poñen de manifesto dun xeito efectivo as bases do morfotipo do que logo sería a Raza Rubia Galega”, explica Diego Conde Gómez, doutor en Veterinaria, membro do grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da USC e gran coñecedor da figura de Rof Codina.

Portada da obra publicada por Rof Codina en 1917. Cedida por Diego Conde Gómez.

Portada da obra publicada por Rof Codina en 1917. Cedida por Diego Conde Gómez.

Non en tanto, segundo sinala Conde, a historia vén de máis atrás. A mediados do século XIX é cando se pode comezar a falar na existencia dunha raza de vacún do país “na que se puideran definir unhas características concretas”. Ata ese momento, “a cabana bovina galega estaba constituída por un mosaico heteroxéneo cun único denominador común: o carácter polivalente no seu aproveitamento”. Así, as vacas valían para producir carne, para dar leite e como animal de carga na agricultura. Por este motivo, era difícil levar adiante un proceso de selección xenética.

Non en tanto, é neste período, a mediados do XIX, cando Galicia empeza a exportar gando vacún de carne ao mercado inglés, coincidindo con algunhas iniciativas para adaptar ao gando cara un aproveitamento cárnico. Posteriormente, como explica Diego Conde, este pulo exportador entrou en crise. Os produtores galegos precisaban, por tanto, mellorar a raza para que a calidade da carne fose mellor e, dese xeito, competir nos mercados internacionais.

Trinta anos antes de que Rof Codina publicase a súa monografía, a Real Sociedade de Amigos do País de Santiago elaborou un informe no que se establece a necesidade de mellora da raza da vaca galega. O texto, segundo conta Conde, “comeza a explorar cales serían as liñas ideais para realizar estas mudanzas, xa fose por selección en pureza de raza ou por cruzamento con razas estranxeiras”.

Esta decisión – pureza ou cruzamento –  marca o principal debate que mantiveron os produtores no momento no que se empezou a traballar sobre a mellora da raza. “Contrasta co consenso case unánime que existía nese momento sobre a necesidade de conseguir unha raza vacún propia para o país, que mantivera a súa tripla aptitude – carne, leite e carga – para dar solución ás necesidades dos labregos”, expón o investigador de Histagra.

Os gandeiros xogaron un papel clave e protagonista na xénese da raza

Nove anos despois do informe dos Amigos do País, o ribadense Juan Suárez Casas marca en 1896 os primeiros patróns de actuación: establece un plan de mellora integral, “que non soamente se centraba na evolución dos animais, senón tamén na súa alimentación, na sanidade e nas condicións hixiénicas das estabulacións”. Propón unha dobre vía, tanto de selección en pureza como cruzamento con razas foráneas.

Comezan a xurdir entón as primeiras experiencias de investigación na Escola de Veterinaria de Santiago e na Granxa Agrícola-Experimental da Coruña, xermolo do actual Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Pioneiros coma os veterinarios Pedro González, Demetrio Galán e Juan de Dios González Pizarro, ou o enxeñeiro agrónomo Hernández Robredo, estableceron as bases para que ditos centros comezasen coa experimentación zootécnica da raza, a través de diferentes ensaios dirixidos a escoller os medios e procedementos máis axeitados a prol da súa mellora.

Concurso celebrado en Cuntis no ano 1935. Cedida por Diego Conde.

Rof Codina, nun concurso celebrado en Cuntis en 1920. Cedida por Diego Conde e extraída de “Concurso de ganados de Cuntis”, Vida gallega, nº 158 (11-10-1920): 16.

Co paso dos anos e segundo as necesidades e demandas dos mercados, as características foron definíndose. “Pasouse primeiro pola mellora para a produción de cebóns a principios do século XX, a exploración da capacidade leiteira nos anos 20 e 30 e, finalmente, a partir da posguerra, afondouse nas propiedades que consolidaron á rubia galega como raza de aptitude cárnica”.

E neste contexto, chegan as aportacións de Rof Codina, que comeza a categorización científica da raza bovina galega. Elabora unha descrición obxectiva, con datos biométricos, que permite comezar coa mellora dos animais segundo un estándar racial determinado. Anos despois, no 1933, este proxecto consolídase co Libro Xenealóxico da Raza Bovina Galega.

“É un caso de éxito na transferencia tecnolóxica” sinala Diego Conde

Xa pasado o ecuador do século XX, en 1969, nace a Asociación de Criadores da Raza Rubia Galega (Acruga), que hoxe continúa co labor de consolidar a raza mediante a súa protección e promoción.

Foi un longo proceso grazas ao que hoxe en día existe un animal cunhas “características extraordinarias” como produtor de carne. “Unhas excelentes calidades maternais, moi bos ritmos de crecemento e alto rendemento das súas canais”. Ao mesmo tempo, ten unha gran capacidade de adaptación a diferentes medios e é mansa, o que facilita enormemente o seu manexo. Do mesmo xeito, ten uns trazos compatibles para o cruzamento industrial con femias de produción láctea.

Para Diego Conde, a participación dos gandeiros foi clave para conseguir que a Rubia Galega sexa unha sinal de identidade. “É un caso de éxito na transferencia tecnolóxica. Os grandes cambios foron consecuencia da concreción práctica das propostas técnicas e investigadoras. Así, o éxito e o fracaso das achegas innovadoras sobre as demandas dos gandeiros acabaron definindo a raza que existe na actualidade. “Foi unha raza pensada para dar solución ás necesidades do labrego e ás propias esixencias que estes ían marcando en función das demandas do mercado”.

O futuro

O traballo de perfeccionamento xa é centenario, pero queda moito por facer. Actualmente, un dos desafíos é a “enorme presión e competencia” doutras razas estranxeiras de aptitude cárnica. “Desde todos os ámbitos hai que favorecer medidas que axuden á consolidación da raza, non só no país, senón tamén no seu proceso de internacionalización”. Conde considera que “os gandeiros teñen que volver ser protagonistas” para que haxa un diálogo fluído cos centros de investigación, de maneira que non soamente se poidan coñecer as necesidades reais, senón que ademais se implanten nas explotacións as innovacións que se vaian acadando.

Unha das vantaxes competitivas da nosa raza autóctona reside na calidade nutritiva da súa carne. “Estudos recentes demostran que os modelos produtivos cos que se obteñen as carnes de tenreira galega proporcionan un produto cuns perfís de ácidos graxos ideais, podendo chegar a ofrecer un carácter protector fronte a enfermidades cardiovasculares”.

A calidade nutritiva da carne pode ser unha aliada contra as doenzas cardiovasculares

“A rubia galega ten un enorme potencial de futuro”, conclúe Diego Conde. “Dispoñemos dunha raza con extraordinarias propiedades maternais, índices de fertilidade e prolificidade por riba da media do resto de razas cárnicas”, sinala. Ademais, mantén uns bos rendementos lácteos, o que permite que xa existan iniciativas de produción diferenciada de queixos de rubia galega, complementadas coa produción de becerros. En reforzar esa liña maternal reside, segundo Conde, unha das partes máis importantes do futuro da raza.

Respecto ao cruzamento industrial, “hai estudos recentes que amosan que a rubia ofrece resultados moi favorables nos índices de fertilidade, conversión e conformación de crías respecto a outras razas, como a limusín ou a azul belga.

 

Unha resposta a “Cen anos da ‘creación’ da Rubia Galega, un emblema do país”

  1. Ramón Torrado López

    Procedo dunha familia de tratantes de gando. Meu avó e os seus oito fillos adicåronse toda súa vida a selección da Rubia Galega. Era admirable ver o coidado con que seleccionaban os ejemplares para formar parellas exactamente iguais. Gustaríame informarme de este tema.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.