Mapa do patrimonio rexistrado na web. Fonte: patrimoniogalego.net.

Mapa do patrimonio rexistrado na web. Fonte: patrimoniogalego.net.

A enciclopedia do patrimonio de Galicia acada os 10.000 bens catalogados

Desde 2011, o proxecto reúne na rede o inxente patrimonio cultural e histórico do país grazas á colaboración de decenas de voluntarios

Sete anos de traballo, uns 200.000 quilómetros percorridos e a colaboración de decenas de voluntarios fixeron posible o que é un fito para a catalogación do patrimonio galego. Esta semana, o portal patrimoniogalego.net anunciou que se acadaron os 10.000 bens culturais catalogados no portal.

O proxecto, nacido en 2011, ten por obxectivo recoller na rede, a través de sistemas de información xeográfica, todos os bens espallados polo territorio do país. “Como unha Wikipedia do patrimonio“, explican os seus autores. Poden consultarse os bens mediante diversas categorías: tipo, cronoloxía, por comarcas, concellos, tipo de acceso, se está cuberto ou non por maleza, etc.

A honra do ben número 10.000 recaeu no petróglifo da Laxe da Presiña, en Gondomar, que foi rexistrado por Óscar Franco. Cúmprese así o obxectivo inicial que se marcou en 2011 o equipo que puxo a andar o proxecto en 2011, encabezado por Manuel Gago. Nos vindeiros meses, para celebrar o fito dos 10.000 bens, xa se están a preparar actividades conmemorativas.

Eivas na xestión do Patrimonio

As eivas na xestión do patrimonio por parte da Xunta provocan que non exista información pública acerca dos Bens Culturais. Deste xeito, non hai datos precisos sobre o estado de conservación e difusión destes bens. Debido a estas eivas, os impulsores de patrimoniogalego.net organizáronse para poñer esta información a disposición da cidadanía a través da internet. Sen financiamento público, segundo explican, “foron quen de crear unha enorme cartografía do Patrimonio cultural de Galicia, mentres as administracións, obrigadas por lei á difusión pública do catálogo do Patrimonio, continúan sen ofrecer ferramentas accesibles para acceder a esta información alén das puntuais necesidades da lexislación urbanística”, denuncian.

Estes problemas de xestión e conservación amósanse noutro dos proxectos que se poden consultar na enciclopedia: a lista vermella. Aborda os bens que corren grave perigo “xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”. As persoas que colaboran na catalogación tamén poden colaborar no rexistro destes bens en perigo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.