Diego de Guzmán narra a súa viaxe a Compostela a comezos do XVII.

Diego de Guzmán narra a súa viaxe a Compostela a comezos do XVII.

O ‘blogueiro’ do Camiño do século XVII

Un investigador de Santiago atopa o diario da peregrinación de Diego de Guzmán, capelán do rei Felipe III

Felipe III.

Felipe III.

Corría o outono de 1610 cando Diego de Guzmán, o capelán maior da corte do rei Felipe III ‘O Piadoso’, foi enviado a percorrer o Camiño de Santiago por mandato real e dar conta aos monarcas de todo o visto e oído na súa peregrinación dende Aranda do Douro (Burgos) a Compostela. Os seus escritos convérteno en algo semellante a un blogueiro de viaxes do século XVII con pluma e pergameo. Unha das cousas que chamou poderosamente a atención desta testemuña real foi considerar o voo do botafumeiro que, no seu vaivén, petaba unha e outra vez coa bóveda pétrea da catedral de Santiago soltando, na súa viaxe de ida e volta ao teito, anaquiños de carbón mesturados con incenso. Así o anotou De Guzmán no seu diario, impresionado polo ostentoso da cerimonia litúrxica e dando por normal o movemento esaxerado dun dos incensarios máis famosos do mundo.

“O máis probable é que o botafumeiro tropezase porque a corda -que meneaban os tiraboleiros da época- non fose dabondo grosa”, apunta Julio Vázquez Castro, profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago (USC). É seu o mérito de ter rescatado do esquecemento o diario inédito de Diego de Guzmán, un manuscrito de 25 folios de principios do século XVII que durmía nos arquivos da Real Academia da Historia de Madrid, dentro da colección Salazar. O investigador seguía as pegadas remotas que presupoñían a existencia dun relato documentando da viaxe dun emisario do rei ‘piadoso’ a Compostela.

De Guzmán viaxaba deitado nunha liteira cun séquito de 25 serventes

Buscouno, conta, máis pola intuición de que existise que coa esperanza de achalo pero logrouno, case inesperadamente. Despois de tres anos baixo da lupa investigadora, o contido deste diario viu a luz 405 anos despois nunha publicación editada en 2014 por Albarellos co apoio da Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia como ‘A peregrinación a Santiago de Diego de Guzmán. Diario inédito de 1610’.

En Compostela agardaban a visita de Felipe III durante aquel Ano Santo como parte do voto feito ao apóstolo Santiago de peregrinar tras a expulsión dos moriscos.

Explica Castro que os asesores reais aconsellaron ao monarca non viaxar polos perigos de atravesar unha Galicia espesa en fragas e escasa en camiños, exposto a animalias e bandoleiros. O Rei optou por enviar a Diego de Guzmán con suntuosos regalos para a catedral: uns altos candeeiros de prata -que remataron por fundirse no século XIX, apunta o investigador que lles seguiu a pista ata onde a documentación o permitiu- e unhas luxosas teas de seda con fíos de ouro e prata que foron un regalo dos Duques de Médici.

Debuxo de Santiago realizado a finais do século XVII.

Debuxo de Santiago realizado a finais do século XVII.

Diego de Guzmán non foi un peregrino ao uso. O Camiño ocupoulle algo máis dun mes, entre o 19 de setembro e ao 26 de outubro que regresou a El Escorial (Madrid). Fixo parte do camiño comodamente deitado sobre a liteira que cargaba o seu séquito -unhas 25 persoas- precedido dun alguacil que tiña a encomenda de adiantarse na viaxe para procurarlle os mellores apousentos e encher a súa mesa dos manxares que outros non catarían xamais. Anotou distancias, horas de partida e chegada, concisos apuntamentos do lugar e o número de habitantes, entre outros detalles urbanísticos ou monumentais, recolle Castro na súa publicación.

Despois de visitar a catedral, sábese que De Guzmán acudiu ao convento de San Francisco. De regreso á Corte Real, deixaba este apuntamento para a historia, feliz de ter regresado san e salvo: Le doy infinitas graçias [al Glorioso Apóstol Santiago] porque me ha traydo con salud y a todos los que binieron conmigo dessa santa romeria”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.