Martes 19 Marzo 2024

Cando os piratas turcos arrasaron a ría de Vigo

Hai case 400 anos, no outono de 1617, a ría de Vigo viviu un dos seus episodios máis tristes. Unha escuadra turca entrou a sangue e lume no Morrazo tras tentar en varias ocasións desembarcar en Vigo e tomar a praza. Aquela incursión pirata foi unha das máis cruentas e deixou un dramático rastro de mortes e violacións, ademais de numerosos prisioneiros que foron embarcados polos atacantes para ser vendidos como escravos. Compuxéronse versos ante a traxedia, como os que recolle Xosé María Álvarez Blázquez na súa Escolma de poesía galega: “Viñeron vos mouros arrenegados, alá de moi lonxe, lonxe, lonxe… Quen fora galgo, quen fora paxaro, quen fora vento!”.

Ataque dunha escuadra turca.

O 5 de decembro de 1617 xa circula por Vigo a noticia de que   once barcos piratas de bandeira turca fondearon ao abrigo das illas Cíes, fronte á costa de Baiona. O 7 de decembro, os piratas otománs tentan desembarcar en Coia, onde son rexeitados. Horas máis tarde, tentan poñer pé a terra na praia do Areal, pero se ven na obriga de regresar aos buques tras ser repelidos con intenso fogo de fusilería. O historiador José Espinosa destaca nesta acción a figura de Baltasar de Sequeiros e Soutomaior, primeiro conde de Priegue: “Atopouse no posto da Pedra e no da Gamboa e na súa beira, andando sempre a unha legua da auga pelexando en todas partes valientemente contra o inimigo, dando mostras de moi gran soldado…».

Publicidade

Ademais de poñerse á fronte das defensas, Baltasar de Sequeiros organizou a intendencia de Vigo, para que as tropas estivesen ben servidas. Así o conta Espinosa: “Como Procurador Xeral que era da vila, acudiu á ribeira do Berbés e tomou as chaves de todas as lonxas de peixe salgado que había nelas… para que todo servise de mantemento das xentes, facendo que se vendese a prezo moi baixo… e igualmente, para que non houbese falta de pan, tomou moita cantidade que tiña na súa casa para o seu sustento e deuno para a ocasión”.

Outros combatentes que se destacaron na defensa da vila de Vigo foron o cabo de mar Pedro de Guevara, os capitáns Fajardo e Pereira, e o alférez Juan Arias Arbieto. Pero o verdadeiro protagonista foi o pobo de Vigo, que combateu ferozmente, ás veces simplemente armado con pedras e paus. Os turcos facían primeiro fogo de bombardas sobre as praias e logo desembarcaban. Fixérono sucesivamente por toda a costa sur da ría viguesa, en Coia, A Laxe, Areal, Guixar e A Guía. Pero en todos estes puntos foron rexeitados.

En Cangas houbo cen mortos e 200 veciños foron levados como escravos

Así que, vistas as dificultades para saquear Vigo, puxeron o seu obxectivo na outra beira da ría. O 8 de decembro desembarcan en Domaio, arrasando a poboación, incendiando as casas e deixando un rastro de sete paisanos mortos e varios feridos e prisioneiros.

Pola tarde, os turcos tentan de novo tomar Vigo, para o que sitúan os seus buques en liña e realizan un intenso bombardeo. Pero volven ser rexeitados pola artillería e os fusís desde terra. Esa noite, os piratas decidirán fondear fronte a Cangas, onde desatarán o terror ao día seguinte.

O 9 de decembro de 1617, os piratas comezan a disparar os seus canóns contra Cangas á primeira hora da mañá, derrubando as casas de primeira liña, mentres algúns veciños fuxían cara aos montes. Pero a bravura da xente do Morrazo está máis que contrastada. Así que moitos quedaron, pero foron vítimas dun auténtica masacre.

Houbo máis de cen mortos durante o saqueo e innumerables feridos, moitos deles mutilados. Sucedéronse as violacións. E douscentos veciños foron feitos prisioneiros e embarcados para ser vendidos como escravos no norte de África.

Na colexiata de Cangas, os turcos queimaron os retablos e as imaxes relixiosas. Máis de 150 casas foron incendiadas e o saqueo estendeuse nos días sucesivos por todas as vilas do Morrazo.

Antes de abandonar a ría, os piratas fixeron un último intento de tomar Vigo, cun simulacro de desembarco na praia de Samil, que foi rexeitado por paisanos e forzas dirixidas polo capitán Gregorio Vázquez Ozores. Os turcos deixaron finalmente estes portos tras sementar un terror do que pronto se cumprirán catro séculos.

Como curiosidade, a partir deste ataque de piratas otomanos xurdiu o mito de María Soliño (ou Soliña). Din que moitas mulleres do Morrazo perderon a razón tras a traxedia, e que finalmente foron xulgadas baixo a acusación de bruxería. A realidade é que a ruina que chegou tras estes saqueos fixo que a pequena nobreza perdese moitas das súas rendas. Así, promoveron xuízos contra persoas que tivesen ‘dereitos de presentación’ en capillas e igrexas, que lles permitían recadar algunhas das esmolas. Tal era o caso de María Soliño, á que lle foi expropiado no seu xuízo o dereito de presentación que tiña na Colexiata de Cangas e na igrexa de San Cibrán de Aldán.

3 COMENTÁRIOS

  1. “que lle foi expropiado no seu xuízo o dereito de presentación que tiña na Colexiata de Cangas”

    Si no se explica que era eso del derecho de presentacion muchos nos vamos a quedar como estabamos. Aunque se intuye, por el contexto, que bueno no fue para la Soliño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Aparecen centos de medusas mortas na praia de Nerga

Unha das hipóteses que podería explicar o fenómeno é que as correntes e o vento levasen a case 200 exemplares a varar no areal de Cangas

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Confirmada a presenza do mosquito tigre en Cangas

Identificouse un exemplar neste concello, que xa se suma aos de Vigo e Moaña como municipios afectados por esta especie invasora

Así se viu a bóla de lume do foguete Soyuz que pasou este martes sobre Galicia

Decenas de persoas avistaron o obxecto, que se desintegrou sobre as 6.45 deste martes 28 de abril moi preto da costa galega