O Polycommander, envolto en chamas e fume tras o seu sinistro.

O Polycommander, envolto en chamas e fume tras o seu sinistro.

A marea negra do Polycommander

En 1970, o petroleiro incendiouse e verteu na ría de Vigo 18.000 Tm de petróleo na primeira gran traxedia ecolóxica de Galicia

A memoria común fala ás veces do afundimento do Polycommander, o petroleiro noruegués que provocou a primeira gran marea negra en Galicia. Pero a realidade é que non afundiu. De feito, volveu navegar, baixo outro nome. Fagamos polo tanto repaso dalgúns mitos e lendas sobre a catástrofe desatada o 5 maio de 1970. Na que se verteron 18.000 toneladas de petróleo ‘Light Arabian‘ na ría de Vigo e se viviu un dramático incendio que desbordou ós servizos de rescate.

Buques tentan apagar o incendio do Polycommander.

Buques tentan apagar o incendio do Polycommander.

É lugar común que o “Polycommander”, en plena viaxe entre Sidón (Líbano) e Donges (Francia), se accidentou ao entrar na ría de Vigo. En realidade, embarrancou nas Cíes cando xa abandonaba a ría viguesa, despois de facer unha escala de urxencia para desembarcar a unha doente, a camareira Karin Alstad, que foi ingresada nunha clínica da cidade.

O accidente produciuse ás 4.20 horas na illa de Monteagudo, na boca norte das Cíes. Sobre as causas, mantéñense aínda hoxe acendidas disputas. Son moitas as testemuñas que afirman que o capitán do petroleiro estaba completamente borracho. De feito, asegúrase que non estaba na ponte de mando, xa que era incapaz de saír do seu camarote. Pero outras fontes apuntan a un erro do temoneiro, que atrasou un cambio de rumbo, sen prever a inercia do buque cargado de combustible.

O capitán da Mariña Mercante Tomás González, autor dunha monografía sobre o accidente, apunta ao práctico do porto: “Aínda que o capitán é o responsable en todo momento da seguridade do seu buque, aínda con práctico a bordo, este é un perfecto coñecedor da ría e dos seus perigos, polo que tamén ten parte de responsabilidade“. E sospeita que puido haber problemas de comunicación: “Descartado un fallo de máquinas, que non aconteceu, ou un inaceptable despiste do práctico e do capitán, a causa máis probable puido estar nas dificultades do idioma entre o capitán e o práctico, polo que na ponte de mando non se entenderon as súas indicacións”.

O petroleiro xa tivera outro accidente en Aruba no que derramou crú

O certo é que o “Polycommander” toca fondo e se rompen os tanques 5 e 6, vertendo á ría 18.000 toneladas de cru “LightArabian”, un terzo das 49.414 toneladas que transportaba.

O petroleiro incendiouse, houbo explosións e a ría amenceu cunha densa nube de fume negro. É común tamén a lenda de que, naquel inferno, houbo mortes. Pero non é certo. Os 39 tripulantes que viaxaban a bordo do “Polycommander” foron rescatados. Tampouco houbo mortos entre os participantes no rescate e extinción do incendio, pero si feridos. Mariñeiros dun remolcador sufriron queimaduras durante os traballos.

A meirande parte do cru puido ser rescatado e transvasarse ao petroleiro “Albuera“, así como ao “Campaláns“, “Campollano” e “Camponalón“.

O buque provocou unha formidable nube de fume.

O buque provocou unha formidable nube de fume.

Dous meses e medio estivo o “Polycommander” embarrancado nas Cíes, ata que foi desencallado, o 20 de xullo de 1970. Foi adquirido entón por armadores gregos, que pagaron 28 millóns de dólares polo barco chamuscado. Non obstante, non abandonaría a ría ata moito máis tarde. Porque foi fondeado fronte a Barra para unhas primeiras reparacións ata que, en outubro, zarpou co remolcador “Nisos Delos” rumbo ao Pireo, nunha accidentada singradura que o obrigou a pedir axuda en Xibraltar.

O “Polycommander” foi reconstruído e volveu navegar, baixo o nome de “Yanxilas“, prestando servizo ata 1985 en que foi a despezamento.

O petroleiro noruegués provocou a primeira gran marea negra de Galicia. Pero non foi a primeira vez na que se verteu petróleo na costa galega. Na ría de Vigo, por exemplo, xa antes sufriran accidentes e derramado cru fronte ás Cíes o “Janina” (1957) e o “Yanxilas” (1965). Este último curiosamente tiña o mesmo nome que máis tarde adoptaría o “Polycommander”.

O de Vigo non foi o primeiro accidente do buque noruegués. Porque meses antes, o 7 de febreiro de 1969, xa derramara 200 toneladas de petróleo en Aruba, na Antillas, noutro sinistro.

O Goberno franquista negou a marea negra, que chegou a saír no ‘New Yorker’ 

O que é seguro é que o accidente tivo repercusión mundial. En 2010, os Estados Unidos desclasificaron documentos nos que o seu Departamento de Estado pedía a Madrid información sobre as consecuencias ambientais do sinistro. Malia as presións do lobby petroleiro, Washington temía -con razón- que os súperpetroleiros puidesen provocar grandes catástrofes. Así ocurriría durante as seguintes décadas. O sinistro chegou a ser portada da revista “New Yorker” en maio de 1973, nunha reportaxe sobre os perigos do transporte masivo de petróleo en barcos.

En España, aínda baixo a ditadura, as autoridades negaron a marea negra. No mesmo verán de 1970, co “Polycommander” aínda á vista, abundan as reportaxes nos diarios sobre o magnífico estado das praias. E as declaracións de políticos na mesma liña. Tampouco se difundiu nunca o efecto dos dispersantes que chegaron dende Reino Unido e que foron fumigados sobre a ría. Ata 1972, incluían produtos aromáticos hoxe prohibidos que son catastróficos para a vida mariña. E altamente nocivos para ser humano, podendo provocar a morte.

Pero disto sabían pouco os nenos que, nos anos 70, xogaban na praia de Samil  e escoitaban as súas nais advertirlles: “Non xogues na beira do mar, que che vas manchar de pichi! “. 45 anos despois do accidente, aquel “pichi” pasou a chamarse, tras a traxedia do ‘Prestige‘ o ‘chapapote’. As 18.000 toneladas de “Arabian Light” que foron vertidas na ría de Vigo seguen aí, nas praias, nas rochas ou no fondo do mar. Onde non, nunca houbo un pecio do “Polycommander“.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.