A causa da ciencia

En España, 17 millóns de cidadáns manifestan ter interese e curiosidade pola actividade científica e tecnolóxica. Todo un castigo aos catastrofistas, recollido no recente estudo Los públicos de la ciencia que dirixiu o profesor da Universidad Rey Juan Carlos Luis Pablo Francescutti e editou a Fundación Dr. Antoni Esteve. É moi posible que esa sorprendente conclusión se confirme en experiencias como a vivida por GCiencia no seu primeiro ano de existencia, un período que se cumpre o 25 de novembro cuns resultados que venceron aos presaxios dos agoreros.

A ciencia interesa. Só así pódese explicar que un medio dixital, novo e especializado como este se consolidase en só 12 meses entre os grandes de Galicia en Internet, como oitavo medio de comunicación galego na rede e primeiro nativo dixital (datos do ranking Alexa de outubro de 2014). É un logro que non podiamos nin sospeitar os que o puxemos en marcha tras convencer coa nosa proposta o xurado do proxecto iProx, o que nos permitiu nacer. Xurdía unha revista dixital en pleno ébola xornalístico, ese virus que illa os profesionais da información na frustrante ausencia de medios nos que publicar. Os promotores de GCiencia non nos resignamos ao silencio, impelidos pola innata necesidade de comunicar que atrapa os xornalistas.

GCiencia naceu con dúas premisas fundamentais. A primeira, comunicar a ciencia, e a segunda, facelo coas ferramentas tradicionais do periodismo, esas que permiten entender o que acontece nun laboratorio a quen non pisou un xamais. En caso de dúbida fai periodismo, di o vello axioma da profesión, e experiencias como as vividas por esta web que cumpre un ano permiten concluír que si, que a divulgación científica é fundamental e que os esforzos dos investigadores por comunicar son encomiables. Pero tamén que nesa tarefa é necesaria e ata imprescindible a contribución dos que nos dedicamos a contar o que acontece no mundo, sexa un pleno do Congreso, un partido de baloncesto ou a aterraxe da sonda Philae a 510 millóns de quilómetros da terra.

Tan interesante foi constatar a sede de noticias sobre ciencia como o grao de desenvolvemento da investigación galega

Pero se interesante foi constatar a sede de coñecemento dos lectores, non menos resultou testar o grao de desenvolvemento da ciencia galega, auténtico foco das nosas informacións. Encontrar investigacións, proxectos e iniciativas que trasladar aos lectores foi o menor dos problemas de GCiencia dende que botou andar. Universidades, centros tecnolóxicos e empresas desafían día si e día tamén á endémica escaseza de recursos que caracteriza os novos tempos, producindo tal catarata de materiais que só cabe lamentar non dispoñer de máis medios para poder trasladala ao público que os está a esperar.

GCiencia encara un período crucial. Tras moitos meses nos que a súa principal preocupación consistiu en afianzar o seu crédito como medio de comunicación nacente, os últimos tempos permitiron enxergar a viabilidade dun proxecto a medio e longo prazo. Non é pouco, en tempos nos que os xigantes da información se cambalean. Un novo modelo dominado por medios de tamaño pequeno e carácter especializado ábrese camiño, e esa é a senda pola que esta web da ciencia galega quere transitar. GCiencia será un medio máis ou menos interesante ou máis ou menos necesario, pero ha de ser obrigatoriamente viable, e comeza a selo grazas ao apoio dos seus primeiros anunciantes e patrocinadores.

A consecución dun modelo de negocio que acompañe ás novas empresas xornalísticas sen comprometer a súa liña informativa é o principal cabalo de batalla desta nova era da profesión. Tras a publicación de miles de noticias e recibir máis dun millón de visitas, GCiencia encara o seu segundo ano co reto da sostibilidade, obxectivo para o que acaba de recibir a lombeirada do principal plan de divulgación estatal: as prestixiosas axudas para a cultura científica, tecnolóxica e da innovación que concede a FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), do Ministerio de Economía y Competitividad. Non foi doado. O proxecto tivo que superar un triplo e esixente filtro avaliador que en España só lograron vencer outros tres medios de comunicación –El País, a Axencia Efe e TVG- e en Galicia oito institucións en total, GCiencia incluída.

O apoio da FECYT permitirá sentar as bases de GCiencia no seu segundo ano de vida, un logroque hoxe queremos compartir cos que o fixeron posible. É unha categoría na que deben incluírse non só os colaboradores, bloguers e profesionais en xeral que contribuíron á súa consolidación, ou os propios científcos coa súa produción, senón tamén e sobre todo os lectores que cada día nos sorprenderon co seu apoio á causa de GCiencia, que non é outra que a causa da ciencia galega.

Lea o artigo en castelán

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.