Sábado 20 Abril 2024

O Sáhara pasou a ser un deserto de súpeto hai 5500 anos

O Sáhara non sempre foi sinónimo de deserto. A comunidade científica ten rexistros que demostran que cando menos houbo tres períodos nos que foi unha zona húmida. O máis recente deles, chamado Período Húmido Africano, estímase que se desenvolveu entre hai 10.000 e 5000 anos. Un grupo de investigadores de varias institucións europeas, entre os que está o físico da Universidade de Vigo Luis Gimeno, veñen de facer público en Nature Communications un estudo no que se argumenta por primeira vez que o remate deste último Período Húmido Africano se produciu de forma “abrupta e simultánea” hai arredor de 5500 anos como consecuencia do arrefriamento que tivo lugar nas latitudes altas e medias do planeta.

Luis Gimeno.
Luis Gimeno.

O estudo publicado este mércores en Nature Communications leva por título Rapid termination of the African Humid Period triggered by northern high-latitude cooling e está asinado, ademais de por Luis Gimeno, por paleoclimatólogos e meteorólogos de diferentes institucións académicas e investigadoras de Alemaña, Francia e Países Baixos, como son James A. Collins, Matthias Prange, Thibaut Caley, Britta Beckmann, Stefan Mulitza, Charlotte Skonieczny, Didier Roche e Enno Schefuß. “É unha satisfacción poder publicar os resultados do traballo nunha publicación deste prestixio entre a comunidade científica. Conseguir facelo xa é un aval sobre a súa relevancia”, destaca o investigador do Environmental Physics Laboratory EPhysLab da Universidade de Vigo.

Publicidade

Segundo explica Luis Gimeno, co obxectivo de avanzar na comprensión do funcionamento do clima, este proxecto centrouse en pór luz no debate científico sobre se o Período Húmido Africano rematou de forma abrupta ou prolongada, entendendo por abrupta durante un período de entre 100 e 200 anos e prolongada durante máis de 1000 anos. Para responder a esta pregunta, apunta, o estudo partiu da análise, por parte fundamentalmente dos paleoclimatólogos, de “testemuños cronolóxicos que poden usarse como indicadores de precipitacións”. Concretamente, analizouse a presenza de determinados isótopos na cera cuticular de plantas antigas, obtidas de sedimentos do Golfo de Guinea, en combinación con modelos informáticos do sistema climático. Os isótopos permitiron coñecer as precipitacións en Camerún e no Sahel-Sáhara central nos últimos milenios e amosaron, segundo os investigadores, unha rápida aridificación arredor de hai 5500 anos.

O Período Húmido Africano rematou de xeito abrupto hai 5.500 anos

Alén desta corroboración, o carácter novidoso e relevante do estudo, comenta Luis Gimeno, radica en que nel “lanzamos por primeira vez e argumentamos a hipótese de que foi unha desertización simultánea en toda a franxa do Sáhara e o Sahel”. Segundo explica o físico do campus de Ourense, responsable desta parte do proxecto, durante a investigación detectaron que os rexistros de precipitacións obtidos nas mostras no Golfo de Guinea e noutros puntos do Sáhara e o Sahel, dispoñibles por outras investigacións, “compartían fontes de humidade, que todos eles tiñan unha fonte común”.

Deste xeito, no estudo detállase o mecanismo físico de precipitación que permite entender este fenómeno. “Nesa época houbo un arrefriamento grande da atmosfera nas rexións polares e extratropicales, nas latitudes altas, que trouxo consigo cambios na circulación atmosférica, nas correntes de aire tropicais que transportan a humidade na rexión estudada”, comenta o investigador. Concretamente, sinala, o Jet Africano Este, situado ao norte, fíxose máis forte e o Jet Tropical Este, situado máis ao sur, fíxose máis débil. Este arrefriamento reduciu as precipitacións na rexión e, en combinación con outros mecanismos complexos de retroalimentación climática, inclinaron o sistema húmido cara a aridificación.

“O que nos está a dicir este estudo é que o que ocorre nas latitudes altas e medias do planeta ten moita influencia nas latitudes baixas, algo a ter en conta cando estamos vivindo un quecemento da atmosfera superior nas latitudes polares e extratropicais que nas tropicais”, comenta o investigador. Neste senso, o proxecto foi financiado pola Deutsche Forschungsgemeinschaft no programa Análise Integrado de Dinámicas Climáticas Interglaciares (Interdynamic) co obxectivo de identificar os posibles mecanismos que desencadean cambios abruptos nas condicións climáticas actuais.

“Con este estudo poderíamos demostrar que os pequenos cambios nunha área poden ter un grande impacto en lugares remotos, algo que debería considerarse en futuras avaliacións das proxeccións climáticas”, comenta o líder do proxecto, Enno Schefuß, do Marum-Centro de Ciencias Ambientais Mariñas da Universidade de Bremen, Alemaña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas