Martes 19 Marzo 2024

“Xogar ó xadrez ou falar idiomas pode retrasar o Alzheimer”

Un século despois do seu primeiro diagnóstico, o Alzheimer suma 36 millóns de doentes no mundo. E, en 2050, a súa incidencia multiplicarase por 5 ata alcanzar os 150 millóns de afectados. O vindeiro domingo, 21 de setembro, celébrase o Día Mundial do Alzheimer. E investigadores de Biocaps, proxecto do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, organizan hoxe martes un acto para falar de ciencia, atención sanitaria e coidados nos fogares. Será no Hospital Xeral, dende as 18.00 horas. O científico Roberto Agís-Balboa analiza a investigación que dende Galicia se fai desta doenza. Tras investigar nos EUA e Alemaña, dende Biocaps hoxe estuda o Alzheimer dende a epixenética.

-Que achega Galicia na investigación do Alzheimer e doutras enfermidades neurodexenerativas?

Publicidade

-Aquí temos grandes investigadores, como Ángel Carracedo, da Universidade deSantiago. El mesmo, xunto a Mabel Loza, impulsan Innopharma, unha plataforma de fármacos que nos ofrece 60.000 compostos diferentes para usalos en test sobre dianas de enfermidades como o Alzheimer. Outro fito para a investigación do Alzheimer en Galicia é Biocaps, do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, integrado pola Universidade de Vigo e o Chuvi. Lograron captar 4,6 millóns de euros da Unión Europea para ciencia biomédica. E eu destacaría o banco de cerebros do hospital do Meixoeiro, que nos permite investigar en tecidos.

“O banco de cerebros do hospital do Meixoeiro permítenos investigar en tecidos”

-Que bota en falta para investigar?

-No meu caso particular, un hándicap en Vigo é a falta dun animalario. Non hai problema, porque está concluido, equipado e en breve será inaugurado xunto ó Centro de Investigación Biomédica (Cinbio). Pero aínda non está dispoñible, polo que non podemos investigar con ratos, que é o que eu usaba ata agora en Alemaña.

-Aborda o Alzheimer dende a epixenética, unha perspectiva nova e de moda… Que amosa non toda a nosa vida vén predisposta nos xenes…

-Coa epixenética, intento buscar como o noso estilo de vida afecta á expresión dos nosos xenes. Todos temos un código xenético que herdamos e que é o mesmo dende o berce. Pero trátase das instrucións, do libro da vida, cuxas letras se fan ou non visibles ao longo dos anos conforme ao que fagamos, onde vivamos, como nos alimentamos, se fumamos ou non… É o exemplo dos xemelgos xenéticamente idénticos que padecen enfermidades distintas e que non son en absoluto iguais. As instrucións son as mesmas, pero cada un vive a vida dun xeito particular e os xenes exprésanse de forma diferente.

“Hai que evitar que a xente pense que tomar unha pastilla para durmir provoca Alzheimer”

-Este verán xurdiu a noticia de que tomar ansiolíticos pode acelerar o Alzheimer…

-Hai unha publicación recente sobre o tema, que alerta sobre as benzodiazepinas. Outros estudos sinalaron ao ibuprofeno. E algúns falan da diabete. Poden ser factores que contribúan, pero hai que ser cautos cos titulares. Estanse a facer achados importantes, pero necesitamos tempo. E evitar que a xente chegue a pensar que tomar unha pastilla para durmir vai rematar por provocarlle Alzheimer. Iso non é exacto e, polo tanto, non pode comunicarse desa forma.

-Outros avances sinalan que ter unha mente activa pode conter a enfermidade…

-É certo. Hai publicacións sobre o tema. E sábese que, por exemplo, xogar ao xadrez, falar varios idiomas ou ter unha vida social rica poden atrasar o Alzheimer. Isto é epixenética, que é a miña área de investigación actual. Estudar como a vida que levamos afecta á expresión de xenes.

-Pero a causa do Alzheimer segue a ser un misterio…

-É aínda un misterio, si. Aínda que se avanza en varias hipóteses. A causa do Alzheimer descoñécese, pero sabemos que é multifactorial. Que hai moitas razóns. Pero temos que seguir investigando. Avanzamos, pero o único evidente é que o principal factor desencadeante é o envellecemento.

“O número de casos no mundo vai multiplicarse por 5 no ano 2050”

-O Alzheimer anúnciase como un problema sociosanitario moito máis grave no futuro…

-Vai a máis. En España, hoxe 1 millón de persoas padecen Alzheimer. No mundo son 36 millóns. Pero sabemos que, en menos de catro décadas, o número de enfermos se quintuplicará. Espéranse 150 millóns de enfermos de Alzheimer en 2050.

-Hai máis recursos para investigar cancro que Alzheimer… É correcto?

-Invístese dez veces máis en investigar cancro. Talvez porque, se non se trata, é mortal de necesidade. Mentres que o Alzheimer semella que teña uns efectos máis longos no tempo. O enfermo non morre inmediatamente, pero pode chegar a perder a súa identidade, a súa propia vida, a súa memoria, todo o que o identifica como ser humano. Ti non es ti. Deixas de selo. E isto é tan grave como a morte. Coa agravante de que os familiares, os coidadores, sofren un impacto emocional tremendo. Moitos deles rematan en depresión. Co que, analizado en termos sociais, sanitarios e económicos, o impacto é enorme. Por iso fan falta máis recursos para investigar.

-Pois vivimos un momento en que o que falta é investimento…

-Neste país hai diñeiro para rescatar bancos e autoestradas en quebra, pero non o hai para ciencia. Viuse cando o CSIC case entra en quebra o ano pasado. Necesitaban máis de 100 millóns e déronlle 60 e de mala gana. Os investigadores están a marchar. Ou abandonando a ciencia. Cando temos a xeración máis brillante, o mellor momento en ciencia que tivo nunca España. Cando, dentro duns anos, queiramos recuperar o tempo perdido será imposible. Por non falar da precariedade, da falta de futuro para a carreira investigadora. A xente mellor formada deste país vive cunha incerteza tremenda. E iso os que traballan. Moitos emigran ou déixano.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo test pode detectar o alzhéimer cunha precisión do 90 %

Unha investigación internacional con participación española desenvolveu unha proba que identifica un biomarcador clave chamado p-tau217

O IDIS e o IIS Galicia Sur investigan a relación entre estilo de vida e deterioración cognitiva no alzhéimer

Biomarcadores en sangue e o uso da intelixencia artificial poderán axudar na detección temperá desta doenza neurodexenerativa

É o alzhéimer un novo tipo de diabetes?

Trátase dunha hipótese aínda non confirmada, pero algúns sinais suxiren que podería existir un vínculo entre estas dúas enfermidades

Sonia Villapol: “En 2050 haberá tres veces máis pacientes de alzhéimer”

Entrevistamos á científica galega co gallo do décimo aniversario de Gciencia: "Aválavos o contido de calidade. Outros medios cópianvos sen avergoñarse"