Venres 26 Abril 2024

O galego Felipe Criado, novo presidente da Asociación Europea de Arqueólogos

A European Association of Archaeologist (EAA), a segunda asociación de arqueólogos máis importante do mundo despois da Society for American Archaeology, elixiu un arqueólogo español como o seu presidente para os próximos tres anos: Felipe Criado Boado, profesor de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, onde dirixe o Incipit (Instituto de Ciencias do Patrimonio). O nomeamento fíxose público durante a conferencia anual desta asociación, celebrada en Glasgow (Escocia). O proceso electoral abrírase en xuño.

O Incipit pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
O Incipit pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Felipe Criado Boado, quen releva no cargo a Friedrich Lüth, director de relacións internacionais do Instituto Arqueolóxico Alemán, márcase como obxectivos para esta nova etapa “responder aos retos que a actual situación de crise en Europa formula tamén á arqueoloxía e ó patrimonio cultural, adaptar a organización da EAA ao rápido crecemento que está a experimentar, profesionalizar a súa xestión, e afondar nas relacións cos outros continentes”. “Pretendo falar por e para todas as arqueólogas e arqueólogos europeos, e facer que a EAA contribúa, dende a arqueoloxía, a crear unha Europa máis social, consciente do seu pasado compartido e mestizo“, sinala.
A Asociación Europea de Arqueólogos fundouse en 1994 en Liubliana (Eslovenia), tendo lugar a súa primeira conferencia anual en Santiago de Compostela en 1995. Naquel momento participaran na reunión de Santiago 550 persoas; na reunión celebrada en Glasgow participaron 2.100 delegados.

Na reunión da asociación arqueolóxica en Glasgow participaron 2.100 delegados

O seu obxectivo fundacional era integrar as persoas que se dedican á arqueoloxía en Europa tanto no campo da investigación coma da xestión e administración do patrimonio arqueolóxico, e a divulgación e museos. Igualmente reúne os arqueólogos indistintamente de que traballen coa prehistoria máis remota, ou coa arqueoloxía do pasado contemporáneo; prehistoriadores, protohistoriadores, arqueólogos clásicos, medievais e profesionais da arqueoloxía histórica están presentes na Asociación.
Entre as súas liñas de actuación figura a organización dunha conferencia anual para debater sobre os temas arqueolóxicos de actualidade e presentar as últimas investigacións na área; a publicación trimestral da revista European Journal of Archaeology, unha das máis destacadas do mundo en arqueoloxía; e a concesión do premio (The EAA Heritage Prize), que se outorga ás persoas ou institucións que destacaron na conservación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico. EAA está recoñecida como órgano consultivo polo Consello de Europa.

Convocatoria da reunión da EAA en Glasgow.
Convocatoria da reunión da EAA en Glasgow.

“Defínese por ser unha entidade moi dinámica e plural, cun gran nivel de debate interno e converxencia inter e transdisciplinar. Crea, polo tanto, un ámbito de encontro intelectual moi atractivo e de grande importancia para o progreso da arqueoloxía en Europa”, destaca Felipe Criado Boado.
Na actualidade, está integrada por 2.500 membros de 53 países, entre eles, España. Ademais pasaron por ela outras 6.500 persoas. Conta con máis de vinte grupos de traballo, entre os que figuran os dedicados á Arqueoloxía Pública, Lexislación patrimonial, Arquivos e documentación arqueolóxica, e Arqueoloxía e xénero.
Entre os seus socios cóntanse os arqueólogos máis representativos de toda Europa e outros países, como Estados Unidos, Rusia, China, Xapón, Sudáfrica e países latinoamericanos e africanos. A EAA teñen un comité executivo formado por oito membros, todos eles elixidos polos socios. A súa actual tesoureira é Margaret Gowen, inglesa que traballa en Irlanda, e o seu secretario Marc Lodewijckx, belga.

Publicidade

Felipe Criado dirixe o Instituto de Ciencias do Patrimonio con sede en Santiago

Felipe Criado Boado (Santiago de Compostela, 1960) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (1982) e doutor en Arqueoloxía pola USC (1989).
Foi profesor titular de Prehistoria na USC (1991-2000) e no 2001 incorporouse ao CSIC como Profesor de Investigación, concretamente, ao Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, onde dirixiu o grupo de Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe. En 2010 o CSIC creou o Instituto de Ciencias do Patrimonio con sede en Santiago de Compostela, no que se integraron os membros do citado grupo de investigación, e nomeou a Felipe Criado Boado o seu director.
Autor dunha ducia de libros e monografías científicas e 150 artigos, foi o investigador principal en máis de 130 proxectos de investigación e desenvolvemento e coordinou o Programa Consolider de Investigación en Tecnoloxías para a Conservación e Revalorización do Patrimonio Cultural, que aglutinou a 14 grupos de investigación e contou cun financiamento de seis millóns de euros.

Os pasados presidentes da EAA foron:

. Prof. Kristian Kristiansen, catedrático de arqueoloxía da Universidade de Gutenburgo, Suecia, e un dos máis preeminentes arqueólogos europeos. É especialista en prehistoria recente e protohistoria e na difusión de pobos, culturas e ideas na protohistoria europea. Recentemente saltou á prensa internacional un traballo dirixido por el sobre a “rapaza de Egtved, Dinamarca,”
. Prof. Willem Willems, catedrático de arqueoloxía da Univerisidad de Leiden, Holanda. Especialista en arqueoloxía clásica, un dos redactores da “Carta de La Valetta sobre a protección do patrimonio arqueolóxico”, aprobado en 1992, coñecido como “Convención de Malta” e que foi a responsable da creación e consolidación do mercado profesional en arqueoloxía e con iso do gran desenvolvemento desta disciplina durante os últimos 25 anos. O prof. Willems faleceu no pasado nadal repentinamente.
. Prof. Anthony Harding, catedrático de Exeter, Reino Unido, especialista en prehistoria recente de Europa do Leste.
. Prof. Friedrich Lueth, de Berlin, Director de relacións internacionais do Instituto Arqueolóxico Alemán, especialista en neolítico e megalitismo e ao que recentemente (maior 2015) dedicou a súa conferencia e premio anual a Prehistoric Society do Reino Unido como recoñecemento á súa traxectoria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A reconquista da oliveira galega: “As súas características botánicas fana única no mundo”

Este venres presentouse o ‘Grupo Operativo’ do CSIC que traballa na recuperación do oliveiral tras séculos abandonado na comunidade

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia