O controvertido xerontólogo Aubrey de Grey, no seu primeiro turno de intervención. Foto: Leonor Parcero.

O controvertido xerontólogo Aubrey de Grey, no seu primeiro turno de intervención. Foto: Leonor Parcero.

Vive xa entre nós o primeiro humano inmortal?

Nova edición das Regueifas de Ciencia, con novo éxito de público e un interesante debate ético e científico sobre envellecemento e inmortalidade

Alguén que acuda ás Regueifas de Ciencia sairá, probablemente, con máis preguntas e dúbidas na cabeza das que tiña cando entrou. Porén, diso trata a ciencia. De facerse as preguntas axeitadas, de pensar, de rebater e argumentar. A nova edición desta iniciativa de divulgación científica, financiada pola Fecyt e impulsada pola USC, encheu de novo o auditorio da Facultade de Comunicación, con moita xente nova presente. Esta vez tocaba falar de ser ou non ser inmortal.

Se nun grupo de amigos, familiares ou compañeiros de traballo sae á palestra a posibilidade de non morrer, de vivir para sempre, é moi posible que todos nos situemos nun ou noutro bando en poucos minutos, despois de enumerar unha rápida lista de pros ou contras. E pasariamos, de seguro, un bo rato. Pero se se dá o luxo de ter en Santiago de Compostela a grandes expertos como Carlos Martínez, Aubrey de Grey, Vicente Bellver ou Richard Faragher, que poñen sobre a mesa os últimos avances en inmunoloxía e xerontoloxía, ou introducen dilemas básicos para a filosofía do dereito, a ética ou a política, ademais de pasar un bo rato, a nosa mente acaba sendo un pouco máis rica.

Debatiuse sobre os problemas éticos, sociais e políticos asociados á inmortalidade

E así foi. A pregunta era: “Debería a ciencia axudarnos a vivir para sempre?” A favor, é dicir, afirmando que sería posible prolongar a nosa vida durante centos ou miles de anos, Aubrey de Grey e Carlos Martínez Alonso. De Grey, un controvertido xerontólogo e impulsor da Fundación Sens, ten por obxectivo recadar fondos en todo o mundo para acabar co envellecemento e en consecuencia prolongar, sen data de caducidade, a vida humana. Para algúns, un gurú e visionario; para outros, un charlatán. Martínez, un dos maiores expertos españois en inmunoloxía, expresidente do CSIC, exsecretario de Estado de Investigación, científico máis que recoñecido.

En contra, ou polo menos, relativizando a importancia de prolongar indefinidamente a esperanza de vida dos humanos, Richard Faragher e Vicente Bellver. Faragher, bioxerontólogo británico, unha eminencia que investiga para mellorar a calidade de vida dos anciáns. Bellver, catedrático de Filosofía, membro de comités de bioética españois e internacionais.

E xurdiron, claro, moitísimas preguntas. Despois dunha breve presentación por parte de cada ponente, o moderador, Manuel Vicente, foi dando paso ás cuestións sobre as que xirou o debate, acompañadas de réplicas e contrarréplicas. Foron catro: “Existe un límite biolóxico para a vida humana?”; “Existe a tecnoloxía necesaria para poder vivir máis tempo?”; “Naceu xa o primeiro humano inmortal?”; e “Podemos permitirnos as consecuencias de vidas máis longas?”.

Calidade de vida ou ser inmortal?

En cada enunciado comezaron a desfilar os argumentos a un e outro lado do ring. Máis que sobre ser inmortal -concepto que rexeita, por certo, De Grey- o debate moveuse entre dúas prioridades: mellorar a calidade de vida e a saúde, por unha banda, ou estender, simplemente, a duración da vida humana, polo outro. Que hai que procurar antes? Unha é consecuencia da outra?

Para Martínez e para De Grey, a chave está en frear o envellecemento. “En só 100 anos, no mundo duplicouse a esperanza de vida freando as infeccións, grazas aos antibióticos e ás vacinas; e isto pode seguir avanzando moito”, apuntou o expresidente do CSIC. O xerontólogo británico sostén nas súas entrevistas e charlas que é inútil investir grandes cantidades en curas contra o Alzheimer ou o cancro, cando estes desaparecerían se se lograse frear o envellecemento cun novo enfoque investigador. “Non sería satisfactorio mellorar a saúde sen aumentar a esperanza de vida; a xente debe ter dereito a vivir o tempo que sexa posible”, engadiu De Grey.

Bellver, Faragher, Vicente, de Grey e Martínez. Foto: Leonor Parcero.

Bellver, Faragher, Vicente, de Grey e Martínez. Foto: Leonor Parcero.

Bellver e Faragher contraatacaban cunha visión máis próxima á ética que aos posibles avances científicos. “Un home é el e as súas circunstancias – dixo Faragher, citando a Ortega y Gasset – é a súa biografía, a súa mente e o seu corpo, e toda historia ten que ter un comezo e o seu final, cos seus acertos, as súas insatisfaccións e as súas sombras”. No mesmo sentido, Bellver dixo que a idea de ser inmortal é “indesexable, inxusta e imposible“. E resumiu: “Liquida a nosa estrutura narrativa, de nacer, crecer, morrer; habería que controlar a natalidade ou establecer un dereito ao suicidio; e fragmentaría a Humanidade, entre ‘inmortais’ e mortais”.

Foron xurdindo moitas outras ideas interesantes: De Grey afirmou que chegará o momento no que o corpo humano poida ser coma un coche: cun bo coidado e unha boa substitución de pezas, é dicir, cunha boa medicina, poderá durar moitísimo máis tempo, e incluso reverter o envellecemento. Carlos Martínez referiuse a algúns fármacos xa empregados en modelos animais e que demostran unha prolongación da vida, e tamén falou das posibilidades que xorden coa edición xenética a través do sistema CRISPR, que podería eliminar os xenes causantes do envellecemento e as súas doenzas asociadas. “Os mecanismos que preserven a xuventude serán a gran revolución”, dixo Martínez.

A este respecto, Faragher relativizaba a importancia destes métodos. “Si é certo que se poderá aumentar a esperanza de vida; pero como moito, 20 anos máis“. E Bellver introduciu os posibles problemas sociais que a vida indefinida podería xerar: “Como morrería a xente? Serían suicidios, accidentes, actos violentos, ou execucións impostas. Que se faría coa xubilación? Como se controlaría a reprodución? Como serían as relacións familiares?” E pechou: “O importante é ter unha vida plena de sentido e unha morte en paz”.

Cara o final da Regueifa entraron tamén no debate as cuestións sobre a posible superpoboación da Terra derivada dun aumento da esperanza de vida, e os problemas debidos ao desbordamento da capacidade de carga do planeta. E tampouco se esqueceron da importante parte da Humanidade que, hoxe en día, aínda morre prematuramente debido a problemas e enfermidades aínda letais no mundo subdesenvolvido mentres o Primeiro Mundo debate sobre inmortalidade.

Votacións

O público tamén aportou as súas cuestións, e Manuel Vicente coroou o acto cunha regueifa moi aplaudida polos espectadores. Antes de rematar, fíxose público, como é o habitual, o reconto de votos.

Pregunta: “Debería a ciencia axudarnos a vivir para sempre?”

Antes do debate:
– SI: 24%.
– NON: 64%.
– NON SEI: 12%.

Despois do debate:
– SI: 33 %
– NON: 61%.
– NON SEI: 7%.

3 respostas a “Vive xa entre nós o primeiro humano inmortal?”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.