Xurxo Mariño, durante unha das etapas da súa viaxe. Foto: Eli Couto.

Xurxo Mariño, durante unha das etapas da súa viaxe. Foto: Eli Couto.

Xurxo Mariño: a volta ao mundo dun neurocientífico galego

O científico conta os seus 11 meses de viaxe arredor do mundo en 'Terra', un libro que explica o mundo desde a ciencia

Por que poden uns simples térmites construír illas? Que se sente ao camiñar sobre lava que acaba de volverse sólida? Como é o idioma de clics vocais que empregan os san de Namibia? É certo que os remuíños de auga xiran en sentido contrario no hemisferio sur? Como se formaron os Andes, Hawai ou o canón do Colorado? Todo isto ten resposta en Terra, de Xurxo Mariño (Foz, 1969) un dos libros que inaugura a colección Xerais Básicos Ciencia. É crónica de viaxes e, ao mesmo tempo, unha lección de xeoloxía, xeografía, historia, bioloxía, química ou da teoría da evolución, entre outros moitos saberes. O científico e divulgador galego narra nesta obra a volta ao mundo que deu coa súa compañeira Eli Couto entre outubro de 2013 e setembro de 2014, con saída e chegada en Santiago de Compostela.

Portada de

Portada de “Terra”.

– Como experto en neurociencia, que pegada deixa no cerebro unha experiencia coma esta?

Calquera experiencia diaria deixa unha pegada. É a nosa memoria autobiográfica. Todos nós nos recoñecemos ao espertar cada día porque temos un “eu” que sustenta a nosa existencia. Así que a viaxe modificou o meu “eu” na medida na que modificou a miña memoria autobiográfica. Cando consegues ter unha visión global do mundo, porque o pisaches, interpretas moitas cousas do día a día doutro xeito. Por exemplo, algo que pode parecer paradoxal: o parecidos que somos todos os seres humanos, e o diferentes que son cada unha das culturas. Pero no fondo todos somos homo sapiens. No século XIX, os grandes exploradores aínda manexaban con naturalidade o concepto de raza e de “salvaxes”, pero isto foi desaparecendo porque a xente se foi coñecendo e entrando en contacto.

Se tivese que buscar un cambio, é que agora interpreto o mundo dunha forma máis aberta, comprendo mellor as cousas, porque atopas explicacións que antes non tiñas. Camiñando por outras cidades, comendo outros alimentos, cheirando outros olores, ves que o normal é que sexamos distintos a nivel cultural; o raro sería que todos os pobos que se espallasen polo planeta desen lugar a unha única cultura.

– Di no libro que a viaxe é unha procura “de moitas desas historias que non me contaron na clase”. Hai unha carencia, tanto na ensinanza científica como na sociedade en xeral, desa capacidade de ilusionarse, de ter curiosidade?

Desde logo que si. Imos ver, está claro que depende dos profesores. Pero o problema é que teñen que loitar contra un programa ríxido. Non sei cal pode ser a solución para facelo doutro xeito, pero o certo é que un programa ríxido obriga a que os mestres teñan como obxectivo completar os contidos e que os alumnos os aprendan para pasar de curso. E iso borra todas as posibilidades que poidan ir xurdindo fóra diso; borra a imaxinación e a curiosidade.

Cando eu era rapaz, pasou o cometa Halley. Ningún profesor fixo un mínimo comentario, nin se organizou ningunha excursión para velo. Hai dúas actividades totalmente gratuítas, das que podemos gozar todos case á porta da casa: a observación das estrelas, con só mirar ao ceo, e a xeoloxía, o coñecemento das rochas, achegándonos a calquera zona rochosa. Na escola tampouco me ensinaron nada diso.

E estou falando só de cousas que están á porta da casa, imaxina cantas cousas poderían incentivar a imaxinación dos nenos, dos mozos e dos adultos polo mundo adiante, pero que non se estimulan porque non están no programa.


Un “san” explica, na súa lingua de clics, para que empregan as herbas da sabana. Vídeo: Xurxo Mariño.

– Durante o percorrido xorde o conflito entre as ciencias e os mitos.

Vese sobre todo en países de América Latina totalmente absorbidos polo misticismo. Hai unha combinación de crenzas ancestrais e relixión católica que é asombrosa. En Ecuador, por exemplo, é rechamante a cantidade de tendas e de libros de sanadores e outras babecadas polo estilo. Como se aquí foses paseando pola rúa do Franco, por Príncipe ou pola rúa Real, e en vez de bares e comercios iso estivera cheo de tendas de curandeiros, vendendo todo tipo de remedios anticientíficos.

Ao documentarme sobre estes hábitos que ía vendo, descubrín, por exemplo, que en Ecuador a xente non recorre á medicina como primeira opción. Como aquilo está cheo de curandeiros, é máis fácil (non sei se máis barato) acceder a eles que aos médicos.

– No libro hai moitos momentos de mera contemplación; varias horas fitando uns animais, ou unha paisaxe, ou o ceo. É necesaria hoxe en día esa calma?

Ao longo da nosa vida, moi poucas veces nos paramos a pensar, a reflexionar en serio. O estilo de vida occidental fomenta a dispersión mental e as distraccións constantes, co estrés, as redes sociais… Pero cando estás cinco días no deserto de Kalahari, e ves as Nubes de Magalláns e pensas que iso nunca se ve en Europa, a cabeza despéxase e fas reflexións que non farías doutro xeito. Os momentos de relaxación son importantísimos.

“Os que vivimos en Galicia somos bastante afortunados”

– Ao regresar de dar a volta á Terra, como se ve a terra propia?

Os que vivimos en Galicia somos bastante afortunados. Isto xa o pensaba antes de marchar, e sigo a pensalo. Estamos no hemisferio norte, que desde o punto de vista de moitas comodidades e da esperanza de vida, axuda bastante. Estamos nunha latitude media, sen invernos moi duros nin veráns moi calorosos e non temos problemas de desertización. Amais, estamos nun país que ten unha boa calidade de vida, que é quen de manter un bo equilibrio entre o traballo e o goce da gastronomía, o ocio ou a cultura.

Así que, despois de coñecer todos eses lugares, se me dixeran de marchar a outro sitio, escollería un clima temperado coma o de Galicia. Nunca iría a unha zona tropical. Moitas veces véndense como exemplos de paraíso, coas palmeiras, as praias… Pero ao chegar alí, non molan un carallo. Para empezar, non teñen estacións, e as estacións son fermosísimas. Hai cousas desagradables, como a calor combinada coa humidade, que che deixa cun estado permanente de sopor. Sempre estás suando, e a roupa non seca. E pola outra banda, se vas ás zonas polares, hai moito frío, e dúas estacións moi marcadas. Meses de sol, si, pero tamén meses de escuridade case absoluta.


Camiñando xunto a un guía sobre a lava fresca do Kilauea, en Hawai. Vídeo: Xurxo Mariño.

– Un tópico: Que experiencia quedou especialmente gravada?

Hai varias. Por exemplo, a primeira vez que vin un rinoceronte negro. Foi algo inesperado, en plena noite, no medio da sabana, en Namibia. Estabamos ao lado dunha poza no Parque Nacional de Etosha, nun sitio protexido por un valado, para que os humanos se poidan achegar. E apareceron de súpeto, dous rinocerontes, facendo movementos moi bruscos, porque teñen un carácter moi especial.

Outro momento extraordinario foi unha combinación de abraio e medo, cando me acheguei a lava do volcán Kilauea, en Hawai. O sitio cheiraba a xofre, ía moita calor, había explosións de metano. Era unha paisaxe de fantasía.

Ou no glaciar Pía, na Terra do Fogo, derrubouse unha parede enorme, como se caese diante de nós a fachada da Catedral no Obradoiro. Tivemos que correr monte arriba, porque se formou un pequeno tsunami.

– Que supón o nacemento da colección Básicos Ciencia?
Pois que a cultura galega madurou. Xa era hora, e deuse un paso extraordinario. Noutros países ves que hai coleccións moi interesantes sobre divulgación científica. Unha sociedade moderna que queira ter cidadáns con pensamento crítico debe aportarlles os coñecementos básicos para que xurdan esas reflexións. Así que a divulgación científica en galego é algo que estabamos agardando, non para nós, os científicos, senón para os cidadáns, para que teñan á súa disposición este coñecemento na súa lingua.

Con todo, aínda hai mentes estrañas que pensan que non se pode facer ciencia en galego, ou ensinar matemáticas en galego. Pasan cousas rarísimas. Como dicía Manuel Bragado, a colección tamén pretende facer un labor normalizador, para incorporar á linguaxe termos científicos que agora mesmo non se empregan.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.