A especie principal clonada é o eucalipto globulus.

A especie principal clonada é o eucalipto globulus.

Científicos do CSIC en Galicia logran clonar e cultivar ‘in vitro’ o eucalipto

A técnica permite producir individuos idénticos xenéticamente con embrións creados por células de tecidos de follas e xemas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) conseguiu por primeira vez a clonación de exemplares adultos de E. globulus (eucalipto branco) e do híbrido E. saligna x E. maidenii  mediante a técnica de embrioxénese somática. A investigación que deu lugar a este protocolo realizouse durante os tres últimos anos nos laboratorios do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), centro creado polo CSIC en 1953 en Santiago de Compostela dedicado á investigación científico-técnica na área agroforestal.

Eucalipto xerminado in vitro no CSIC Galicia.

Eucalipto xerminado in vitro no CSIC Galicia.

“O eucalipto, que foi introducido a mediados do século XIX en Europa procedente de Australia, está presente na actualidade en máis de 90 países de todo o mundo, sendo a segunda especie forestal máis plantada despois do piñeiro. Isto débese fundamentalmente ao seu rápido crecemento, á súa elevada produción de biomasa e á súa resistencia á seca. Utilízase para a produción de madeira pero sobre todo para a produción de pasta de papel. A pesar do seu indubidable potencial, os seus detractores afirman que pode reducir as reservas de auga do chan ou provocar a degradación do mesmo. Ademais non debe utilizarse para substituír especies autóctonas”, explica a investigadora Elena Corredoira.

Neste contexto, o Grupo de Biotecnoloxía Forestal do IIAG, baixo a dirección Ana M. Vieitez, profesora de investigación do CSIC, subscribiu un contrato de investigación coa Empresa Foresta Mantenimiento de Plantaciones, dedicada ás explotacións forestais e cuxa sede central está en Madrid. No devandito proxecto contemplábase a produción, en laboratorio, de cultivos dunha das principais especies comerciais de eucalipto, E. globulus e do híbrido E. saligna x E. maidenii mediante a indución de embrións somáticos.

Este tipo de embrións non son produto da fusión de dous gametos, como na reprodución sexual, senón a través dunha célula somática, isto é unha célula dalgún dos tecidos da especie a reproducir. Aínda que é un xeito de clonación que pode facerse no laboratorio, a realidade é que os embrións somáticos tamén son comúns na natureza, en moitas especies vexetais.

Os embrións somáticos son idénticos xenéticamente ás árbores orixinais

Para levar a cabo o proxecto, os científicos do CSIC empregaron material vexetal de exemplares de eucaliptos seleccionados pola empresa en España baseándose nas súas características de crecemento e produción de biomasa. Logo, a partir de follas e xemas de brotes establecidos in vitro, lograron a indución de embrións somáticos.

“A embrioxénese somática é o proceso mediante o cal se xeran embrións que teñen a súa orixe en células somáticas [propias dos tecidos] da planta doante, as cales se reprograman mediante cambios na súa expresión xénica, e seguen un patrón de desenvolvemento similar ao do embrión cigótico, que ten unha orixe sexual”, explica Elena Corredoira: “Neste traballo, os embrións somáticos orixínanse dunha célula vexetativa dunha e non dunha célula inicial produto dun proceso de recombinación e fusión de gametos, polo que se conserva integramente o xenotipo da planta doante. Estes embrións somáticos son capaces de xerminar para producir plantas xeneticamente iguais ás do eucalipto orixinal”.

Este novo protocolo publícase no número 25 da revista Tree Physiology. Ademais, o grupo publicará proximamente o capítulo “Cultivo in vitro do eucalipto, en que estado nos atopamos?” no libro “Propagación vexetativa de especies forestais”, obra promovida pola Organización Internacional de Investigación Forestal (IUFRO) co obxectivo de reunir os últimos avances científicos no cultivo in vitro desta especie forestal.

O Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia ten a súa sede en Santiago

“A embrioxénese somática é unha tecnoloxía moi valiosa tanto para a clonación forestal como para a transformación xenética a través da incorporación de xenes que confiran resistencia a enfermidades ou outros factores abióticos que afecten o seu crecemento. Polo tanto, conseguir exemplares de eucalipto con esta técnica abre novas posibilidades para mellora xenética desta especie”, avanza a investigadora do CSIC Ana Viéitez.

O CSIC desenvolve en Galicia, desde fai máis de tres décadas e a través do Grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal do IIAG, investigacións básicas e aplicadas encamiñadas á mellora e micropropagación de especies forestais (carballo, castiñeiro, chopo, bidueiro, cerdeira, aliso, etc…)

O grupo, fundado polos investigadores  Ana Mª Vieitez e Antonio Ballester (recentemente xubilados) e actualmente dirixido por Mª Carmen San-José, logrou fitos científicos como a obtención chopos transxénicos capaces de eliminar do chan elevadas cantidades de trinitrotolueno e metais pesados ou a transformación xenética do castiñeiro coa sobreexpresión de xenes da propia especie capaces de aumentar a resistencia á enfermidade da tinta.

Conserva e mantén, nun banco de xermoplasma, nos laboratorios do IIAG, material elite de castiñeiros e carballos tanto de Galicia como doutras partes de España. Ademais, dispón tamén nas instalacións do citado instituto de investigación dun invernadoiro de última xeración destinado ao cultivo de plantas modificadas xenéticamente.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.