Ángel Carracedo, na súa clase aberta na presentación do Premio Contar a Ciencia.

Ángel Carracedo, na súa clase aberta na presentación do Premio Contar a Ciencia.

Carracedo: ‘A pseudociencia triunfa por unha mala divulgación científica’

O científico da USC avogou por que científicos e xornalistas traballen xuntos para comunicar mellor

As dificultades que atopan os científicos en Galicia para divulgar o seu traballo ós cidadáns foi o eixo da Clase Aberta ofrecida hoxe na facultade de Xornalismo polo catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago, Ángel Carracedo. “A pseudociencia triunfa por unha mala divulgación científica; as eivas de comunicación que existen no mundo da ciencia fan que, ás veces, os cidadáns caian nas mans das pseudociencias”, sinalou Carracedo, quen animou aos estudantes de xornalismo a tratar de contribuír a unha mellor difusión dos proxectos nos que traballan os grupos de investigación científica en Galicia.

Ángel Carracedo.

Ángel Carracedo.

Nunha charla moi animada na que interviron varios estudantes coas súas preguntas, Carracedo explicou que actualmente a comunicación sobre proxectos científicos faise de xeito moi “desigual” e sen cumprir uns estándares establecidos. “Os científicos saben moito sobre as súas investigacións pero non saben comunicalas e os xornalistas saben comunicar pero non saben moito sobre cuestións científicas. Creo que eles teñen que implicarse máis na tarefa de difundir a ciencia e tamén os medios”, indicou.

Carracedo, que presentaba deste xeito a III edición do premio Contar a Ciencia, organizado por “la Caixa” e GCiencia coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades, animou ós estudantes a poñerse en contacto cos grupos científicos existentes en Galicia para difundir os seus proxectos. Recomendoulles, ademais, que pregunten sen medo ós científicos e avogou por unha maior presenza de expertos en temas científicos nos medios de comunicación. “É vital contar o que fai a ciencia para entender o mundo que nos rodea e ser libres”, engadiu.

Carracedo animou aos futuros xornalistas a ‘preguntar sen medo aos científicos’

O prestixioso científico galego apuntou tamén a necesidade de que os científicos melloren as súas habilidades comunicativas e expresou o seu desexo de que no futuro haxa máis programas audiovisuais con contidos dedicados á ciencia e que os medios escritos dediquen máis espazo aos mesmos. “A diferenza entre o científico e o xornalista é que o primeiro trata de explicar o porqué das cousas e o segundo limítase a transmitir os feitos. Hai moitos puntos de conexión entre ambas as dúas disciplinas”, concluíu.

Ademais de Carracedo, no acto interviu o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, que destacou a importancia de iniciativas como Contar a Ciencia para mellorar a formación dos estudantes de Xornalismo galegos. Pola súa banda, o responsable de Comunicación de “la Caixa” en Galicia, Anxo P. Romariz, suliñou o interese desta entidade por acompañar iniciativas que unen eidos coma o xornalismo e a ciencia.

Aquí podes consultar as bases do III Premio Contar a Ciencia

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.