A bióloga coruñesa Alba Aguión xa é a subcampioa do mundo de monólogos científicos. Só o representante de Malasia logrou impoñerse á galega na final mundial do certame Famelab, celebrada no Energy Arena de Chestelham, no Reino Unido.
Aguión mudou desta volta o seu monólogo e elixiu como tema unha defensa das cigarras, sempre mal vistas nos contos populares fronte ás formigas. Nunha actuación en inglés, a bióloga galega, que xa foi a campioa de España neste certame, gañou o aplauso e as gargalladas do público.
Exipto, Australia, Grecia, Estados Unidos, Reino Unido, Suráfrica, Italia, Catar, Malasia, Polonia e Chipre foron os seus rivais na final, tras clasificarse en semifinais.
Alba Aguión, de 26 anos, é colaboradora de GCiencia, con artigos na bitácora ‘Ecoloxía Azul’. Famelab é un concurso internacional que pretende fomentar a divulgación científica a través de monólogos e que cultivou un gran éxito nos últimos anos, xa que desde 2007 se celebra en 25 países do mundo coa participación de máis 5.000 investigadores.
Aquí podes ver a actuación de Aguión na final en Chestelham:
Por favor, campioa, non *campeoa nin *campeona. Semifinais e non *semifinales. Elixiu e non *elixíu. Que […] se celebra e non *que […] celébrase. 5 erros nun texto de 174 palabras bota por terra a rigorosidade que se espera dun medio coma o voso.
Moitas grazas pola achega. No primeiro caso non corriximos porque é efectivamente ‘campeoa’. Non campeona nin campioa.
http://academia.gal/dicionario#searchNoun.do?nounTitle=campi%C3%B3n
Edito, porque é de moito interese. Ata o pasado venres 10 de xuño, o dicionario da RAG en liña sinalaba claramente o termo ‘campeoa’. Esta semana corrixiron e xa pon ‘campioa’, supoñemos que tras recibir algunha queixa. Non sabemos canto tempo levaba ese erro aí… pero é un máis deste dicionario. Queda editado a ‘campioa’ porque -por sorte e ás veces por desgraza- seguimos o criterio do dicionario da RAG.