banco de galicia

Explorando o Banco de Galicia: ciencia marina

O grupo Ecoloxía Azul repasa a importancia deste monte submarino cunha gran riqueza natural

Con este post iniciamos unha serie de tres entradas dedicadas ao Banco de Galicia, declarado zona LIC a través daa Decisión de Execución (UE) 2015/2373 da Comisión de 26 de novembro de 2015 pola que se adopta a novena lista actualizada de lugares de importancia comunitaria da rexión bioxeográfica Atlántica (Código LIC: ESZZ12001).

O Banco de Galicia foi declarado como Lugar de Importancia Comunitaria en 2015.

Para a súa redacción baseámonos en grande medida na tese doutoral de noso amigo ye colaborador Rafael Bañón (tese completa disponible aquí).

Rafa Bañón examinando una quimera del género (Hydrolagus). Foto: Xulio
Rafa Bañón examinando unha quimera do xénero Hydrolagus. Foto: Julio Valeiras/INDEMARES-IEO

Banco de Galicia é un monte submarino de orixe non volcánica localizado na marxe continental de Galicia, a uns 200 km da costa, cunha superficie similar á da Provincia de Lugo (1844 km2 con 75 km de longo por 58 km de ancho). O cumio deste monte submarino está situado nos 625 m, no sureste do banco.

Un monte submarino é unha elevación do fondo mariño que dende a súa base ten unha altitude de cando menos 1.000 m e non chega a alcanzar a superficie (Froese e Sampang, 2004; White e Mohn, 2004). O coñecemento da existencia do Banco de Galicia remóntase ao ano 1964, coa publicación dun estudo xeomorfolóxico da zona (Black et al., 1964). As primeiras investigacións levadas a cabo nesta contorna están dirixidas a estudos xeomorfolóxicos con descricións batimétricas (Sibuet et al., 1978).

Durante as primeiras prospeccións pesqueiras foron capturadas de xeito accidental corales de profundidade e gorgonias sobre os que se atoparon adheridas diversas especies de moluscos. Este feito deu como resultado un primeiro informe sobre a riqueza malacolóxica do banco, onde se listaron diferentes especies de braquiópodos e moluscos gasterópodos e bivalvos (Rolán and Gándaras, 1980*; Rolán and Pedrosa, 1981*).

Captura dominada por peces del género Alepocephalus y erizos de lápices (Cidaris). Fuente: Julio Valeiras
Captura dominada por peixes do xénero Alepocephalus e ourizos de lápices (Cidaris). Fonte: Julio Valeiras/INDEMARES-IEO

Posteriores campañas de investigación realizadas na zona permitiron o descubrimento de numerosas especies marinas novas para a ciencia: o monoplacóforo Laevipilina rolani (Warén and Bouchet, 1990), os solenogastros Urgorria compostelana (García-Alvarez and Salvini-Plawen, 2001), Hemimenia cyclomyata, H. glandulosa, Neomenia oscari y N. simplex (Salvini-Plawen, 2006), os crustáceos Uroptychus cartesi (Baba and Macpherson, 2012) e Petalophthalmus papilloculatus (San Vicente et al., 2014), a esponxa carnívora Chondrocladia robertballardi (Cristobo et al., 2015) ou o gasterópodo Aforia serranoi (Gofas et al., 2014), entre outros.

Foi o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) a primeira institución científica en levar a cabo campañas científico-pesqueiras co obxecto de avaliar a composición e abundancia de especies de interese pesqueiro no Banco de Galicia. As especies máis representativas atopadas nestas campañas foron: reloxo mediterráneo (Hoplostethus mediterraneus) mostradas con artes de arrastre e brótola de lama(Phycis blennoides), tomás (Epigonus telescopus), congrio (Conger conger) e mora (Mora moro) con palangre.

Bandejas de muestras obtenidas en los fondos sedimentarios del Banco de Galicia. Fuente: Alberto Serrano/ECOMARG-IEO
Bandeixas de mostras obtidas nos fondos sedimentarios do Banco de Galicia. Fonte: Alberto Serrano/ECOMARG-IEO

Xa na década dos anos 90 o Instituto Español de Oceanografía (IEO C.O de Vigo) continuou a labor investigadora na área cunha serie de campañas experimentais: con palangres nos anos 1997-1998 e con arrastre de fondo nos anos 1998-1999. Nestas campañas destacaron especies de tiburóns de fondo como o quelvacho negro (Centrophorus squamosus) o quelvacho (Centrophorus granulosus) con palangre de fondo, alfonsino (Beryx splendens) con palangre pedra-bola e reloxo mediterráneo (Hoplostethus mediterraneus) con arrastre de fondo (Piñeiro et al., 2001).

Campañas de investigación realizadas no banco de Galicia dende 1980 ata 2011, tanto de carácter exploratorio, con barcos de pesca comercial, como de investigación oceanográfico-pesqueira, realizadas en buques oceanográficos. Fuente: tese doutoral Rafael Bañón Díaz.

Desafortunadamente foi una catástrofe medioambiental, como o afundimento do petroleiroPrestige” o 19 de novembro de 2002, o que impulsou o desenvolvemento de numerosos novos estudios científicos. Todos os centros de investigación mariña de Galicia participaron e foron publicados diversos traballos sobre a xeomorfoloxía, polución mariña e dinámica oceanográfica da zona (Albaigés et al., 2006; Ercilla and Vilas, 2008).

ECOMARG e INDEMARES son os dous últimos proxectos de investigación, liderados polo Instituto Español de Oceanografía (C.O de Santander), dentro dos que se realizaron campañas oceanográficas no Banco de Galicia no periodo 2009-2011. No seguinte documental faise referencia aos principais resultados do proxecto INDEMARES (sección dedicada ao Banco de Galicia a partir do min 38:15).

A vindeira entrada será dedicada ao historial pesquero do Banco de Galicia. Seguide atentos.


*Referencias (sin hipervinculo en el texto principal)

Rolán, E. & Pérez-Gándaras, G. 1980. Moluscos recolectados en el Banco de Galicia. IIM-CSIC, 7 pp.

Rolán, E. & Pedrosa, G.P.G. 1981. Molluscs collected at the Galicia Bank (Spain). La Conchiglia, 13: 6–10.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.