Venres 19 Abril 2024

Facer ‘escrol’ coa barra de desprazamento

A barra de desprazamento [Dicionario da RAG; Digatic] dunha aplicación informática é un estreito rectángulo que aparece na parte dereita e/ou na inferior da pantalla cando se presenta nela un elemento (documento, imaxe, páxina web…) que non cabe no espazo destinado á súa visualización. Ao usala, podemos mover ese elemento á esquerda/dereita ou arriba/abaixo —segundo a barra que empreguemos— coa axuda da caixa de desprazamento, ou da frecha de desprazamento.

Todos estes nomes galegos copian e traducen os empregados en inglés (scrollbar, scroll box, scroll arrow…), igual que fan o portugués, o castelán ou o francés.

Publicidade

Por iso resulta sorprendente que, para referirse ao movemento que facemos con esa barra, o mesmo Dicionario galego das TIC que recomendaba barra de desprazamento, propoña usar escrol, adaptando simplemente o inglés scroll á pronuncia galega. Ou que lle chame escrol vertical á “barra vertical, que aparece na parte dereita da fiestra, que indica a parte do documento que está a ser visualizada dentro da fiestra”; é dicir, á barra de desprazamento que permite mover un elemento cara a arriba e cara a abaixo.

A nós isto parécenos incoherente, e como unha incoherencia é unha incoherencia, por moito que veña avalada pola Real Academia Galega, preferimos empregar desprazar cando se fala de “mover un documento ou calquera outro elemento nunha xanela dun dispositivo electrónico co fin de ver un fragmento concreto del”; e desprazamento, se nos referimos á “acción de facer ese movemento”.

Optar por estas dúas formas permite manter unha relación máis coherente entre os conceptos e os nomes que lles damos (desprazar > desprazamento > barra de desprazamento). Pero é que ademais, estes últimos son os máis coñecidos polos usuarios ao seren os que se empregan nos menús e nos manuais dos sistemas operativos e paquetes ofimáticos desenvolvidos por Microsoft, e nos que se basean en software libre.

Despois de todo isto, esperamos que quedarades convencidos de que non hai necesidade ningunha de usar “escrol” falando ou escribindo en galego, e de que termos construídos a partir da idea de desprazar (desprazamento -por scrolling-, barra de desprazamento -por scroll bar-, desprazamento infinito -por infinite scrolling-…) son máis transparentes, coherentes entre si, e encaixan mellor coa estrutura desta lingua.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pagar as autovías con recortes de Mafalda?

A vindeira medida sobre as peaxes por circular neste tipo de estrada pon o foco sobre a cuestión do futuro sistema de pagamento: por uso, ou por viñeta?

Ciclóns no Mediterráneo: os medicanes

O quecemento global está a provocar fenómenos ata agora pouco frecuentes, como os ciclóns que se xerarán no Mediterráneo central e oriental

Os termos que a erupción de La Palma saca á superficie

Estamos oíndo e lendo unha chea de expresións relacionadas con vulcanoloxía coas que tivemos que familiarizarnos a fume de carozo

Monopatinaxe, softbol e outros novos deportes olímpicos

Na hora da inauguración dos Xogos Olímpicos de Tokio, pousamos os ollos sobre eles e sobre os novos deportes que se incorporan a esta edición da competición