Caderno de bitácora:
Atlántico Norte/ 29 de xuño de 2016
Latitude: 45,41 graos Norte
Lonxitude: 18,7 graos Oeste
Aproximadamente a 533 millas náuticas do porto de saída en Vigo
Escrito a bordo por Irene Alejo, Susa Álvarez Fernández e Guillermo Francés, do equipo científico da Universidade de Vigo
09:00 h (GMT): O grupo encargado da mostraxe de sedimentos entra en acción e empezamos a preparar a draga “box-corer” para ser lanzada.
Hoxe a estación de mostraxe tocounos a unha boa hora, o que nos permitiu levantarnos e almorzar tranquilamente antes de empezar coa etiquetaxe e rotulado de bolsiñas e botes para a mostraxe do sedimento que esperamos ansiosos recolla a box-corer… Cada estación é unha sorpresa… Qué cantidade de material traerá esta vez?
Nunca estamos seguros de cando vai tocar a mostraxe, cada día vai variando, pero iso non é un problema. Sempre estamos preparados! E se toca pola noite, algúns aproveitamos os tempos de espera de baixada e subida da box-corer tentando aprender a facer chaveiros de bólas de coiro e cabos con Juan, o contramestre… É un artista… Quizais ao final da campaña consigámolo!
9:25 h: Box corer preparada para saír! Cargamos a caixa da draga onde virá o sedimento. Mario e Iván, os técnicos mecánicos da UTM, son os encargados de poñer a draga na auga. Os mariñeiros de cuberta son os responsables de manexar o chigre e o persoal da ponte encárgase de manter o barco na súa posición grazas ao sistema de posicionamento dinámico. Como vedes, cada manobra require que tripulación, técnicos e científicos esteamos perfectamente coordinados.
‘Cada manobra require tripulación, técnicos e científicos perfectamente coordinados’
Unha vez que a draga está na auga, o resto da manobra pasa á sala de control e todo queda en mans da pericia de Mario e Iván. Nesta fase a pantalla da ecosonda convértese nos nosos ollos para seguir a viaxe ao fondo de nosa box-corer.
10:43 h: A 4005 metros de profundidade a draga toca fondo. Este momento é crucial posto que hai que decidir a cantidade de cable que hai que seguir largando para asegurar que a caixa da draga se peche. Un exceso de cable podería supoñer que se enrede e perdamos o sedimento. Fronte á pantalla da ecosonda esforzámonos por axustar os parámetros para evitar ruídos na columna de auga e poder visualizar con nitidez o fondo.
Mentres a draga sobe a tensión flota no ambiente… Pecharía ben?… Qué espesor de sedimento recuperaría? Nestes momentos percibimos o apoio dos compañeiros que non puideron embarcar. Unha manobra errada ou un mal funcionamento da draga a esta profundidade supoñen tirar pola borda 5 ou 6 horas de traballo. Se isto ocorre, teremos que decidir se repetimos a manobra ou iniciamos o tránsito ata a seguinte estación. Evidentemente esta decisión ten consecuencias no noso plan de traballo e no dos compañeiros encargados de realizar os outros mostraxes.
11:55 h: Box-corer a bordo e pechada ¡A operación foi un éxito! Agora todo o “equipo lodo” está listo para empezar a segunda parte do noso traballo, da cal vos falaremos nunha seguinte entrada a este blog. Continuará…