A Comisión Europea prorroga ‘in extremis’ o glifosato por só 18 meses

A Comisión Europea aprobou este mércores unha prórroga de 18 meses para a utilización do glifosato nos estados membros da UE. Este herbicida, que se emprega na agricultura e no mantemento de estradas e vías férreas, entre outras utilidades, está no centro da polémica entre ecoloxistas, científicos e institucións desde que un informe avalado pola OMS o sinalase como “probablemente canceríxeno“.

A decisión da Comisión Europea tomouse in extremis, xa que a anterior prórroga expiraba este venres 30 de xuño. Ata o de agora non houbera acordo debido as reticencias de varios países membros, entre os que estaban Alemaña, Francia ou Italia. Ao longo deste ano, houbo varias votacións nas que non se acadou a maioría suficiente para dar luz verde ao herbicida. Aínda que estas votacións non eran vinculantes, a Unión Europea pretendía chegar a un consenso entre todos os países. Pero finalmente non foi posible. As últimas dúas negativas do pleno da Comisión, que tiveron lugar os días 6 e 24 deste mesmo mes, obrigaron a este organismo a renovar o permiso. Nun comunicado, a Comisión lamentou que os estados membros “non estaban dispostos a asumir a responsabilidade” desta decisión.

Publicidade

Recomendan prohibir os produtos con glifosato que utilicen coadxuvante POE-amina de sebo

Aínda que a prórroga saiu adiante, estableceranse unha serie de limitacións no uso do glifosato. A Axencia Europea de Productos Químicos (ECHA) deberá realizar un informe antes de finais de 2017 no que se determinarán os efectos do glifosato na saúde humana. A Comisión Europea terá en conta este informe para alargar ou retirar o permiso. A maiores, a decisión do organismo europeo contén tres recomendacións que tamén limitan o uso do glifosato. Estas suxerencias serán agora debatidas entre os países membros, e a Comisión traballará para que sexan adoptadas “tan pronto como sexa posible”. En primeiro lugar, aconsella prohibir os produtos baseados en glifosato que utilicen coadxuvante POE-amina de sebo, un composto sobre o que hai “preocupacións respecto á súa toxicidade”. En segundo lugar, o organismo europeo tamén recomenda aos países membros que “minimicen” o uso do glifosato en parques públicos, zonas de xogo infantil e xardíns. E, por último, tamén se aconsella minimizar ou uso deste herbicida nas labores previas á colleita de produtos agrícolas.

A polémica sobre o glifosato tomou forza nas últimas semanas en Galicia debido á súa utilización nas gabias de estradas e vías férreas para eliminar a maleza que medrou durante a primavera. Algúns concellos, como Ponteareas, xa se teñen declarado “libres de glifosato”.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pequenas modificacións químicas permiten inverter o xiro na secuencia do ADN

Unha investigación sobre o comportamento da molécula da vida podería axudar a entender a resposta das células canceríxenas ante o sistema inmune

Na busca do talón de Aquiles do cancro, do envellecemento e da infección a través da IA

O proxecto AQilles do CiQUS emprega a simulación computacional para explotar as vulnerabilidades das células afectadas

Un estudo galego descobre a primeira cirurxía oncolóxica nun cranio exipcio de 4.000 anos

O historiador da USC Edgard Camarós demostra que nas sociedades antigas xa se intentaba tratar ou explorar o cancro

Pode un fungo curar o cancro?

Os cogomelos do xénero 'Ganoderma' atribuíselles a aparecente capacidade de tratar os tumores, pero non todo é o que parece