Venres 26 Abril 2024

As universidades de Vigo e Santiago, entre as máis importantes do mundo

Destaca na clasificación Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, da UVigo, no posto 51 e Odontoloxía e ciencias orais, da USC, no chanzo 101

Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2022 é a clasificación das mellores universidades do mundo en 54 materias de investigación. Está elaborado por Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU (máis coñecido como ránking de Shanghai). Este ano, entre as 500 mellores universidades atópanse a Universidade de Vigo (UVigo) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), clasificadas en diferentes categorías.

O GRAS basea as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño de arredor de 1.800 universidades de ata 96 países de todo o mundo en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación e colaboración internacional. O criterio para identificar as publicacións, foros e premios de maior prestixio parte dunha sondaxe a 1.424 docentes en todo o mundo de 110 universidades e 18 países.

Publicidade

UVigo, un referente mundial en 12 categorías

No GRAS 2022, a UVigo está un ano máis entre as 500 mellores universidades en 12 categorías. Destaca a posición que ocupa en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, onde se consolida entre as 75 mellores universidades do mundo e ocupa o posto 51 empatada a puntos con outras 24 entidades. Como novidade, a UVigo inclúese por primeira vez como unha das 400 universidades referentes en Ciencias Políticas.  Ademais, a UVigo tamén se posicionou no ránking con Oceanografía, situándose entre as 200 mellores (151-200); en Xestión Turística e Enxeñaría de Telecomunicación entre as 300 mellores (tramo 201-300); en Ciencias Políticas e Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, entre as 400 referentes (301-400); e en Ecoloxía, Ciencias da Terra, Biotecnoloxía, Ciencias Agrícolas, Educación e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas entre as 500 mellores (401-500).  

Un ano máis, volve estar entre as institucións referentes nos ámbitos de Educación e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas, onde entrou por primeira vez o pasado ano. Pola contra, respecto a 2021 deixa de estar presente nas categorías de Ciencias Atmosféricas, Enxeñaría Química e Enxeñaría Civil, onde entrara por primeira vez o pasado ano. Na maior parte de categorías, a posición da UVigo mantense, descendendo lixeiramente en Ecoloxía e Oceanografía. No contexto universitario español, a UVigo sitúase no terceiro posto, empatada con outras institucións académicas, nos ámbitos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Enxeñaría de Telecomunicación; no sexto posto en Oceanografía e Ciencias Políticas; no sétimo posto en Enxeñaría Eléctrica e Electrónica e no noveno posto en Ciencias da Terra.

Respecto ao resultado acadado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, o coordinador Jesús Simal do grupo AA1 de Investigacións Agroambientais e Alimentarias da UVigo, recalca que a Universidade de Vigo mantén o seu liderado no Sistema Universitario Galego como a mellor posicionada neste ámbito científico e como está desde “hai anos” no posto 51 mundial, empatada con outras 24 institucións. Consolidada esta posición, subliña que o reto agora “é mellorar esta posición para situarnos entre as 50 mellores do mundo, onde xa apareceriamos nunha posición concreta”.

Odontoloxía e ciencias orais, a mellor clasificada da USC

A USC tamén foi unha das universidades máis destacadas do mundo nun total de quince ámbitos científicos. Así, en Odontoloxía e ciencias orais a Universidade ocupa o chanzo 101-150 a nivel mundial, situándose na segunda posición da contorna estatal. A segunda área máis destacada da USC é a de Ciencias veterinarias, no mesmo intervalo internacional e na oitava posición entre as universidades españolas incluídas na clasificación.

Outros eidos que acadaron boas posicións foron Farmacia e Ciencias farmacéuticas, Ciencias políticas, Física, Hostalaría e Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía

Outros eidos que acadan posicións sobranceiras son Farmacia e Ciencias farmacéuticas que ocupa o intervalo 151-200 (posición 4-5 de España), mentres que Ciencias políticas sitúase no posto 201-300 (4-5 de España), igual que Física (chanzo 8-11 de España), Hostalaría e Xestión do turismo (intervalo 16-20 de España) e Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía (19-27). Séguenlles no intervalo 301-400, Ciencias ambientais e Enxeñaría, así como Biotecnoloxía, situándose as dúas no banzo 5-10 da clasificación española do ránking. Materias tamén destacadas no intervalo 301-400 son Química (posto 11 na clasificación estatal), Ciencias agrícolas (11-19 de España) e Matemáticas (banzo 12-15). No 401-500 destacan Ciencias biolóxicas (12-18 na contorna estatal), Educación (14-22) e Ecoloxía (19-24).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores centros de investigación oceanográfica internacional

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos