Catro dos beneficiarios do programa: José Andrés Santiago, María Aranguren, Rosana Simón e María Dolores Torres. Foto: Duvi.
Catro dos beneficiarios do programa: José Andrés Santiago, María Aranguren, Rosana Simón e María Dolores Torres. Foto: Duvi.

A UVigo mantén 16 talentos científicos grazas ao seu programa de retención

A iniciativa permite a continuidade dos investigadores Ramón y Cajal, Marie Curie, Juan de la Cierva e posdoutorais da Xunta de Galicia

16 investigadoras e investigadores de todos os ámbitos do coñecemento beneficiaranse este ano do Programa de retención de talento investigador da Universidade de Vigo. Co obxectivo de facilitar a continuidade da actividade desenvolvida polo persoal investigador incorporado a través dos programas de doutoras e doutores Ramón y Cajal, Marie Curie, Juan de la Cierva e programas de axudas posdoutorais da Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo puxo en marcha hai anos este e outros programas orientados á captación e consolidación do persoal investigador que desenvolve a súa actividade na institución académica. As e os investigadores Juan Antonio Añel, María Aranguren, Alejandro Cabrera, Inmaculada de la Calle, Francisco Javier Deive, Adolfo Fernández, Iria Fernández, Susana Magadán, Sandra Martínez, Ana Querejeta, Antonio Riveiro, Rogelio Santiago, José Andrés Santiago, Rosana Simón, David Tizón e María Dolores Torres son as e os beneficiarios do programa de retención de talento que permite formalizar contratos de tres anos de duración, como persoal laboral temporal a tempo completo, na modalidade de investigador distinguido.

“Ser beneficiaria deste programa supón un gran impulso para a miña carreira e unha motivación para seguir dedicándome á investigación”, explica a bioquímica Rosana Simón Vázquez, que sinala que a gran problemática que sofren as e os investigadores en España é a dificultade para desenvolver as súas carreiras e acadar unha praza como investigador titular ou profesor de universidade a unha idade temperá. A investigadora do Grupo de Inmunoloxía, que traballa na actualidade no desenvolvemento de vacinas e terapias baseadas no uso de nanosistemas para a liberación controlada de antíxenos ou fármacos, considera este tipo de políticas “moi positivas, pero deben ter cunha verdadeira proxección de futuro, xa que se non é así acabarán sendo unha axuda máis á contratación temporal de investigadores”.

Pola súa  banda, para a bióloga María Aranguren Gassis ser beneficiara deste programa “supón a oportunidade de avanzar na miña carreira investigadora en dous sentidos: en primeiro lugar permitíndome optar a ser investigadora principal do meu propio proxecto, contribuíndo a asentar a miña liña de traballo e, en segundo lugar, achégame a tranquilidade de poder dedicar o meu tempo de traballo á investigación e á docencia sen ter que ocupar horas na procura de novas oportunidades laborais cara a un final de contrato inmediato”. No Grupo de Oceanografía Biolóxica, María Aranguren céntrase no estudo das respostas do fitoplancto mariño á interacción de diferentes factores ambientais que se ven alterados no océano debido ao cambio climático. “Actualmente estou a traballar no estudo da resposta de diatomeas mariñas da cambios simultáneos en temperatura e dispoñibilidade de nitrato, tanto deste o punto de vista das resposta a curto prazo (aclimatación) como a longo prazo (adaptación evolutiva)”, detalla a investigadora.

Campus de Pontevedra

No campus pontevedrés, foi seleccionado no Programa de Retención de Talento o investigador do grupo de dx5 (Digital & Graphic Art Research) da Facultade de Belas Artes, José Andrés Santiago Iglesias. “É unha satisfacción persoal e algo polo que estou agradecido á Universidade”, salienta dun programa que garante “a continuidade das liñas abertas na actualidade e nas que vimos traballando desde hai moito tempo”. Durante os próximos tres anos, Santiago traballará na consolidación e crecemento da liña de investigación Estudos transdisciplinares sobre o cómic que, no seo do grupo dx5, impulsou en 2016 como contratado posdoutoral do Plan I2C da Xunta de Galicia, tras completar unha estadía de dous anos como investigador na Kyoto Seika University de Xapón.

Afondar, desde unha perspectiva interdisciplinar, no estudo dun medio “de máxima actualidade e relevancia socioeconómica” é o propósito central desta liña de traballo, que prestará “especial atención á materialidade e características formais” da banda deseñada. A investigación abranguerá tamén o estudo daquelas iniciativas que combinan “as peculiaridades lingüísticas, formais, narrativas e conceptuais” do cómic “con outras manifestacións do mundo da arte”, á vez que tratará de “proporcionar un marco teórico e conceptual a unha forma artística que carece dun corpus académico sólido en lingua castelá”. Investigador do grupo dx5 desde o ano 2005, Santiago buscará tamén ao abeiro deste proxecto “mellorar e consolidar” a proxección internacional dunha liña de investigación na que se enmarcan tamén iniciativas como o proxecto de investigación sobre cómic de campo expandido, hiperlibro de artista e animación que o grupo dx5 desenvolve co financiamento do Ministerio de Economía.

En Ourense: un novo impulso á carreira investigadora

A enxeñeira química María Dolores Torres Pérez é unha das investigadoras beneficiarias do programa no campus de Ourense. Ela salienta como a súa participación neste programa supón “un novo impulso para poder seguir medrando e desenvolvendo a miña carreira investigadora nesta universidade”. Na súa opinión, esta iniciativa de retención de talento constitúe “unha grande oportunidade que nos ofrece a Universidade de Vigo” pois permítelles ás e aos beneficiarios continuar coas súas traxectorias investigadoras e docentes “co foco posto en poder alcanzar unha pronta estabilización”. No seu caso, indica, “a priori ábrese un novo período de 3-5 anos de estabilidade para poder dar continuidade aos proxectos iniciados dentro do Programa Juan de la Cierva no Grupo EQ2 Biomasa e Desenvolvemento Sostible así como participar en novos retos científicos”.

A súa principal liña de investigación, detalla a investigadora da Facultade de Ciencias, céntrase na termorreoloxía de sistemas biopoliméricos para desenvolver innovadoras matrices funcionais xelificantes de interese para a comunidade científica. “Nesta nova etapa pretendemos ampliar o campo de investigación de xeito internacional e multidisciplinar cara o desenvolvemento de procesos multiproduto utilizando tecnoloxías respectuosas co medio ambiente e baseándonos no concepto de biorrefinería”, indica María Dolores Torres.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.