Venres 26 Abril 2024

A USC acolle un violín do século XVIII que pertenceu ao músico Andrés Gaos

O instrumento será unha das pezas que tomarán parte na exposición de homenaxe ao compositor galego, no marco do ano dedicado á súa figura

A USC recibiu este venres 15 de febreiro o violín do século XVIII incluído no legado do compositor e violinista coruñés Andrés Gaos, e que a partir de agora permanecerá custodiado na Biblioteca América da USC logo do proceso de restauración realizado polo luthier Xosé Catoira. Trátase dun violín alemán da contorna da escola de Mittenwald, que revela a influencia dos modelos da familia Klotz, e que se atopaba moi deteriorado polo paso do tempo e a falta de mantemento. Logo de entregalo á USC para a súa custodia, Xosé Catoira someteuno hai un ano a un proceso integral de rehabilitación seguindo as correntes e técnicas máis avanzadas neste campo.

O instrumento recibiuno o reitor Antonio López nun acto celebrado no Colexio de San Xerome ao que tamén acudiu o propio luthier Xosé Catoira, actuando como testemuñas do acto a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco; a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a directora da Biblioteca Xeral, Mª Isabel Casal; así como membros do grupo Organistrum da Área de Musica da USC que están coordinando os numerosos actos a celebrar ao longo de 2019 en homenaxe ao compositor e violinista galego.

Publicidade

Acto de entrega do violín. Foto: Servimav/USC.
Acto de entrega do violín. Foto: Servimav/USC.

Como sinala Xosé Catoira, o proceso de restauración tivo como obxectivo claro “realizar unha intervención absolutamente respectuosa co instrumento orixinal” co fin de “devolver o violín ao estado en que debeu tocalo Andres Gaos a finais do século XIX, realizando as actuacións necesarias para que poida volver a soar nas salas de concertos actuais”.

Paralelamente á finalización do proceso de restauración realizado en colaboración co Consello da Cultura Galega (CCG), e dentro das actividades conmemorativas do Ano Gaos 2019, en breve entregarase o instrumento ao violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia Florian Vlashi para a preparación dun concerto a realizar na sede do propio CCG o día 1 de abril no que estará acompañado polo pianista Julio Mourenza e no que interpretarán a ´Sonata para violín e piano’ e a ´Romanza´ do músico coruñés.

Logo desta actuación, o violín pasará a integrarse na exposiciónO Universo Musical de Andrés Gaos’ cuxa inauguración está prevista para o 2 de abril no Colexio de Fonseca. Esta é unha mostra conformada fundamentalmente por numerosas pezas descoñecidas ata o momento procedentes do Fondo Andrés Gaos, doado á Biblioteca América polo fillo do músico, Andrés Gaos Guillochón. O violín restaurado será exhibido ao carón dun violín de Federico Loechner, que tamén pertenceu a Gaos e que tamén se custodia na USC así como o Gavatelli e o violín Moor-Gaos, cedidos polo concello da Coruña. A mostra trasladarase igualmente á Coruña, onde se poderá visitar durante os meses de outubro e novembro na sede da AFundación.

Nos actos do Ano Gaos 2019 colaboran coa USC, Afundación, a Corporación de Radio Televisión de Galicia, os concellos da Coruña e Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, a Real Filharmonía de Galicia e a Orquestra Sinfónica de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Un tratamento da USC para deixar de fumar logra a abstinencia do 77% de participantes

O estudo demostra que o uso de recursos tecnolóxicos, como as videochamadas e aplicacións móbiles, son efectivos para abandonar o tabaco

Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións