Xoves 18 Abril 2024

A USC abre a porta ás microdoazóns para financiar os seus servizos e investigacións

O programa "Sumo valor" pretende acadar máis recursos para mellorar os servizos cara ao estudantado e a sociedade

A USC anunciou este xoves o lanzamento dun programa de microdoazóns co obxectivo de crear un espazo de encontro que implique a empresas, institucións e a sociedade en xeral nas actividades, proxectos e servizos que a institución desenvolve en materia de investigación, cultura ou deportes, entre outros ámbitos. O reitor Antonio López e o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo, presentaron este xoves, no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), as liñas mestras desta iniciativa que se desenvolve baixo o lema ‘Sumo Valor.

López subliñou que esta iniciativa constitúe un “vínculo activo coa USC e un instrumento que reforza a nosa conexión coa sociedade”, facéndoa partícipe do desenvolvemento da investigación e do coñecemento xerado dende a Universidade. A iniciativa ‘Sumo Valor’ pon á disposición de quen o desexe, continuou o reitor, unha ferramenta que facilita realizar achegas.

Publicidade

Enténdense por microdoazóns a liberalidade ou dación dunha cantidade monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, sempre que tal cantidade ou o valor do ben non superen os 3.000 euros. Para as persoas físicas ou xurídicas que queiran facer unha microdoazón de bens, tanxibles ou intanxibles, ou de dereitos, ponse á súa disposición un formulario accesible desde esta web que deberán completar para que a Universidade poida valorar a súa posible aceptación ata o 31 de marzo de 2020.

A USC pretende cubrir con estas achegas o apoio a estudantado con dificultades económicas, ampliar as bolsas de comedor e de residencia

Liñas de actuación

Este programa de micromecenado busca facer partícipe a toda a sociedade, sinalou Antonio López, dos valores e principios cos que a USC quere acadar a súa misión de preservación, xeración, transmisión e difusión do coñecemento de xeito socialmente responsable. A través desta iniciativa, a USC pretende ampliar a oferta de apoio ao estudantado con dificultades económicas ou en risco de exclusión social, así como ampliar o número de bolsas de comedores e reducir o tarifado das residencias universitarias.

O programa ‘Sumo Valor’ tamén está dirixido a impulsar actividades culturais e deportivas. Esta liña permite participar na difusión da cultura da USC co obxecto de dar a coñecer á sociedade o seu patrimonio e as diversas actividades que desenvolve, así como favorecer o apoio da cidadanía á actividade deportiva e aos valores que a sustentan.

Esta iniciativa tamén aspira a fomentar a transferencia do coñecemento cara á sociedade mediante o impulso de actividades de difusión científica; así como dar pulo á actividade investigadora propiamente dita xa que, a través de microdoazóns, pode facerse partícipe á sociedade daquelas actividades ou proxectos científicos propios da USC, enfocados á procura dun desenvolvemento sustentábel mediante accións innovadoras e de clara vontade social.

De acordo coa normativa existente neste ámbito o mecenado poderá materializarse mediante doazóns, que poderán ser de diñeiro, de bens ou de dereitos, e os doantes poderán, se así o desexan, figurar nunha web de uso exclusivo para doazóns, sen prexuízo doutras distincións ou recoñecementos de que poidan ser obxecto.

Deduccións fiscais

No caso das persoas físicas, a combinación da dedución estatal máis a autonómica, cando se cumpran todos os requisitos, pode elevar a dedución no IRPF ata o 100% das cantidades doadas. Pola súa parte, os suxeitos pasivos do Imposto sobre Sociedades terán dereito a deducir da cota íntegra, minorada nas deducións e bonificacións previstas nos capítulos II, III e IV do Título VI da Lei 43/1995, do 27 de decembro, do Imposto sobre Sociedades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha ponte entre a cidadanía e a ciencia

O reitor da Universidade de Santiago felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

A USC lidera o ránking estatal das mellores universidades en Enxeñaría Ambiental

A clasificación elaborada por Research.com sitúa a institución compostelá no chanzo 112 do mundo e a Gumersindo Feijoo como primeiro na contorna estatal

Antonio López encara o seu segundo mandato na USC tras ser reelexido reitor

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, único candidato nos comicios, obtivo un total de 1.636 votos

A campaña para investigar a enfermidade de Pelayo recada máis de 40.000 euros

A iniciativa de científicas da USC para estudar enfermidades raras con modelos de peixe cebra obtivo unha gran resposta na plataforma Precipita