Venres 19 Abril 2024

Os centros singulares da USC abren as súas portas

CiQUS, CiTIUS, CiMUS e IGFAE amosarán os seus espazos, proxectos e experimentos punteiros nunha xornada que se celebrará o 20 de novembro

Química, física, tecnoloxías intelixentes e medicina molecular. Esas son as especialidades dos catro centros singulares da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que o vindeiro 20 de novembro abrirán as súas portas para dar a coñecer a súa actividade investigadora. Máis polo miúdo, os espazos aos que poderá acceder o público son os seguintes: o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). O obxectivo desta iniciativa é o de espertar as vocacións científicas nos máis novos e, sobre todo, que a sociedade valore a importancia da ciencia.

Charlas divulgativas

Así é que estes centros abrirán as portas non só para coñecer os espazos nos que se realiza a investigación, senón tamén para conversar co persoal investigador, entrar nos laboratorios e xogar a ser científico por un día. Así mesmo, cada un destes espazos celebrará charlas divulgativas para manter encontros de proximidade cos asistentes. No caso do CiQUS celebrarase a actividade Conversas cos nosos investigadores, nas que participarán Diego Peña, María Tomás, Moisés Gulías, Rebeca García, Francisco Rivadulla, Ester Polo, Eddy Sotelo e Manuel Ortuño. O relatorio permitirá coñecer de preto o traballo que desenvolven habitualmente no centro e os últimos avances nos seus respectivos campos.

Publicidade

O programa do CiMUS contempla entre as súas accións charlas divulgativas sobre as claves do xigantismo e novas abordaxes da man de Clara Álvarez; permitirá saber, grazas a Ángel Carracedo, que é e por que é importante a medicina personalizada; Fernando Domínguez responderá á pregunta de se o cancro é unha enfermidade hereditaria; e afondarase en por que durmimos, da man de Olga Barca. A programación poderá seguirse tanto de maneira presencial, en directo, como en streaming a través da súa canle de Youtube.

Afondar na investigación

Pola súa banda, o CiTIUS acollerá ao longo do día distintas conferencias que achegarán a investigación desenvolvida no centro a todos os públicos, incluíndo temáticas como a relación entre a Intelixencia Artificial, as imaxes e a saúde (María José Carreira), o agrupamento automático de condicións hidrográficas nas rías galegas (David Losada), a reflexión sobre o final dunha era coa chegada dos supercomputadores Exascale (Juan Carlos Pichel) ou a importancia crucial do desenvolvemento de chips (Paula López).

O programa do IGFAE ofrecerá distintas charlas divulgativas de Cristina Cabo, Xabier Cid, José Edelstein e Verónica Villa que abordarán dende a orixe do universo ata a recente detección de ondas gravitacionais, pasando polo nacemento da física nuclear e o descubrimento de partículas en aceleradores como o CERN; charlas que se retransmitirán en directo a través da canle de Youtube do IGFAE para quen non poida achegarse ao centro.

Para os máis pequenos

Para os máis pequenos da casa tamén haberá actividades adaptadas. Iso permitiralles coñecer máis de cerca que é iso da ciencia. Así é que o CiQUS lanza Xogando coa química, unha acción dirixida aos nenos que se baseará en obradoiros. Poderán descubrir a química dos polímeros ou a importancia que teñen os cambios de cor na química. Tamén poderán observar diversos fenómenos luminiscentes e entender como suceden; ademais de realizar coas súas propias mans algúns dos experimentos máis divertidos. Por outro lado, na aventura Infiltrados no Laboratorio, os asistentes coñecerán de primeira man o emprego de técnicas habituais e o funcionamento dalgúns dos equipos máis representativos do centro.

Aprender a elaborar un dentífrico natural ou saber máis do pH co que conta a lombarda será posible grazas aos obradoiros de Ciencia Divertida que ofrece o CiMUS. Para os máis maiores ofrecerá obradoiros de divulgación sobre ilusións sensoriais, plaquetas Dr. Jeckyll & Mr. Hyde ou autopistas da vida do sistema vascular; e haberá ocasión tamén para cargar mostras en xeles de agarosa.  Para os visitantes máis curiosos que queiran coñecer por dentro o traballo de campo, o CiMUS permitirá entrar na plataforma Innopharma dedicada ao descubrimento temperán de fármacos, ademais de contar cun tour virtual para achegar as súas instalacións.

A intelixencia artificial e a física

A principal novidade do CiTIUS nesta quinta edición de Ciencia Singular será a súa aposta polo aliñamento dos demostradores da xornada cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Baixo esta premisa, o encontro amosará de que xeito a investigación do CiTIUS está a contribuír co plan mestre, guiadas polo persoal do centro a través de múltiples eidos: dende o desenvolvemento de técnicas que promovan unha intelixencia artificial ética e transparente, ata a presentación de algoritmos de detección e seguimento automático de obxectos, pasando polo deseño de máquinas que entenden a linguaxe humana, ou como integrar unha intelixencia artificial nun circuíto integrado. A visita servirá tamén para achegar a robótica á xente programando un robot, manexando un brazo robótico como os que se empregan na industria, ou competindo contra un coche de Scalextric dotado dunha intelixencia artificial.

Os obradoiros e demostracións do IGFAE permitirán coñecer de forma práctica como funcionan as súas instalacións científicas. Para os máis pequenos, o IGFAE desenvolverá un obradoiro no que experimentarán a gravidade no espazo interterestelar e aprenderán conceptos como o espazo-tempo co videoxogo desenvolvido no centro Einstein Rocket. Os asistentes maiores construirán os seus propios detectores con pezas de Lego e observarán con cámaras de néboa as partículas cósmicas que bombardean constantemente a Terra. O programa da xornada complétase cunha exposición dunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar os isótopos dos elementos químicos en tres dimensións.


Para inscribirse pode premer na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Este mecanismo dana a capa dos nervios en doenzas como a esclerose múltiple

O estudo realizado por un equipo de investigación do CiMUS publícase este venres na prestixiosa revista ‘Science Advances'

A resistencia térmica dalgúns materiais pódese regular aplicando unha voltaxe

Un traballo do CiQUS abre novas posibilidades para o deseño de reguladores de temperatura e para o desenvolvemento de tecnoloxías máis eficientes e sostibles

Científicos galegos detectan dunha colisión entre dous obxectos a 650 millóns de anos luz

A observación das ondas gravitacionais destes elementos cósmicos fai sospeitar que o máis lixeiro é unha estrela de neutróns e o máis pesado un burato negro

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos