Unha xornada de portas abertas ‘virtual’ nos centros singulares da USC

A rede de centros singulares da universidade (CiTIUS, CiQUS, CiMUS e IGFAE), ofrece charlas dos seus investigadores e un percorrido polas instalacións

Un ano máis, e por cuarta edición, a rede de centros singulares de investigación da Universidade de Santiago de Compostela celebra a súa xornada “Ciencia singular”, un encontro no que CiTIUS, CiQUS, CiMUS e IGFAE abren as súas portas á cidadanía para achegar o seu labor. Porén, por mor da pandemia, esta edición celebrarase de forma virtual. Mais o encontro busca reformularse para que, a través da rede, a cidadanía poida coñecer as instalacións e os seus investigadores e investigadoras.

O evento quere, deste xeito, amosar “o valor engadido que esta Rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global”, apuntan dende a organización. Cada centro presentará o seu vídeo institucional e, a maiores, varios investigadores explicarán as sías liñas de traballo.

CiQUS

O investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), Diego Peña Gil, realizará unha breve introdución ao mundo molecular, da síntese química á manipulación atómica. Como fabricar nanoferramentas e os seus usos será o eixo da charla virtual que impartirá a investigadora Beatriz Pelaz. A loita contra o SARS-CoV-2 tamén estará presente na programación ofertada por este centro singular da USC a través dos relatorios en liña que ofrecerán Rebeca García Fandiño e José Manuel Martínez Costas, abordando este último o seu traballo na elaboración dunha vacina contra a Covid-19. Asemade, a xornada permitirá “infiltrarse” nos laboratorios do CiQUS e acceder a múltiples experimentos como ‘Un volcán na cociña’ ou ‘Arco da vella química’, entre outros.

CiMUS

A subdirectora científica do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), Mabel Loza, será a encargada de dar a benvida en liña  aos participantes que opten por visitar de xeito virtual este centro. As charlas divulgativas da propia Loza, Ángel Carracedo e María José Alonso, todas elas centradas na loita contra a Covid-19, nutrirán, xunto aos relatorios de José Luis Labandeira sobre o Parkinson e Miguel López, sobre a obesidade, unha xornada na que tamén se poderá realizar unha vista virtual polos diferentes laboratorios. Asemade, os e as participantes tomarán parte en obradoiros virtuais sobre distintas temáticas, como por exemplo, que é e para que serve unha PCR.

CiTIUS

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) propón para esta primeira edición virtual de ‘Ciencia Singular’, un innovador formato de visita ao centro a través dun evento en directo en Youtube conducido polo recoñecido divulgador de ciencia Javier Santaolalla, descrito por algúns medios como “o maior divulgador científico español na rede”. Membro do programa ‘Órbita Laika’ de TVE e do grupo Big Van Ciencia dende 2013, Javier é tamén creador das canles de ciencia en Youtube ‘Date un Vlog’, ‘Dáte un voltio’, e ‘Date un mi’. O sábado 28 participará xunto aos investigadores do CiTIUS na xornada ‘Ciencia Singular’ para falar de Intelixencia Artificial centrada nas persoas, Tecnoloxías Intelixentes perante a COVID, e moitos outros contidos de grande interese.

IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) tomará parte en ‘Ciencia Singular’ a través de diversos relatorios en liña a cargo do seu persoal investigador. Alejandro Vilar abordará ‘A gravidade (cuántica) nun holograma’, mentres que Cristina Cabo pronunciará a charla ‘Do corazón da materia ao interior das estrelas’. Como oír buracos negros grazas ás ondas gravitacionais será o eixo da intervención de Juan Calderón, mentres que Alessandra Gioventù descubriranos o universo das partículas. A xornada concluirá cun trivial en liña baixo a premisa ‘Canto sabes do IGFAE?’.


Toda a programación da xornada poderá seguirse a través da páxina web do evento, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.