Venres 19 Abril 2024

Galicia recupera do exilio ó mellor físico novo de Europa

Foi portada nos principais medios de comunicación de toda España, pero non polos seus traballos e méritos académicos, senón pola polémica que suscitou a decisión da Secretaría de Estado de Investigación de denegarlle a bolsa Ramón y Cajal por non ter “nivel suficiente” ao que naquel preciso momento, no ano 2013, fora nomeado o mellor físico novo de Europa pola Sociedade Europea de Física. Dous anos despois daquela controvertida decisión tomada pola comisión nacional de expertos da secretaría dependente do Ministerio de Economía y Competitividad, Diego Martínez Santos (Foz, 1982) volverá a traballar en Galicia logo de recibir do European Research Council (ERC) unha bolsa Starting Grant que vai desenvolver na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

En 2013, a Secretaría de Estado de Investigación denegoulle a bolsa Ramón y Cajal por non ter “nivel suficiente”

Martínez mantivo hoxe unha reunión co reitor Juan Viaño e o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, para concretar o seu retorno o próximo trimestre a través do programa Oportunius de captación de talento promovido pola Xunta de Galicia. No encontro tamén participaron Carlos Salgado, vicerreitor de Internacionalización que tamén xestiona outra bolsa Starting Grant na Facultade de Física compostelá, e o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey. O físico chegará procedente do Instituto Nacional de Física Subatómica de Holanda (NIKHEF), onde vén desenvolvendo o seu traballo investigador.
Con esta incorporación, a USC sumará dous equipos de investigación con financiamento Starting Grant traballando nos experimentos que a institución docente compostelá desenvolve no Large Hadron Collider (LHC) do CERN, o máis grande e potente acelerador de partículas do mundo. O proxecto de Martínez Santos vai estender o alcance científico do LHCb (un dos experimento do LHC con participación da USC) máis alá do seu deseño orixinal, coa modificación do detector para poder seleccionar e estudar mesóns lixeiros con estrañeza, que achegarán información complementaria dos mesóns con beleza, informa a USC.

Publicidade

Young Experimental Physicist Prize

Doutor en Física pola USC, Diego Martínez Santos foi premiado co Young Experimental Physicist Prize correspondente a 2013 que outorga bienalmente a European Physical Society. O galardón premia o destacado labor dun ou máis físicos experimentais novos –nacidos a partir do 1 de xaneiro de 1978– no campo da Física de Partículas e/ou Astrofísica de Partículas. Como explicou o xurado, o galardón concedido a Martínez subliñaba a súas “destacadas achegas á activación e posta en marcha do experimento LHCb e as análises conducentes á primeira evidencia da rara desintegración de B0s→μ+μ−”.
O que fai “particularmente relevante” a desintegración da partícula Bs en muóns é que “a taxa de desintegración é sensible a aspectos moi interesantes dende o punto de vista físico como por exemplo a existencia doutros bosóns de Higgs máis pesados que o descuberto”, ademais de poder dar pistas sobre a natureza da materia escura, “un dos crebacabezas que a física actual aínda non resolveu”, explicaba o investigador.

Oportunius

A captación de talento investigador galego, así como a formación de científicos con potencial para conseguir as mencionadas bolsas do ERC son o eixo fundamental de desenvolvemento do programa Oportunius. Neste senso, e segundo sinalou a Xunta de Galicia, a aspiración do programa é incorporar a 24 investigadores de referencia ao Sistema Galego de I+D para desenvolver liñas punteiras e competitivas a nivel internacional dende Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O comportamento humano altérase de xeito notorio en grupos de máis de 180 persoas

Unha nova análise matemática permite comprender como cambiará unha empresa ou unha rexión por medrar de tamaño

A forza dos raios: mortais nun radio de dez metros e inofensivos dentro dun coche

A presenza da gaiola de Faraday provoca que o campo electromagnético dentro dun condutor en equilibrio estático sexa nulo

O exdirector do CERN: “Somos tres partículas en distintas combinacións. Todo é física”

“O desafío actual é comunicar o que se está facendo”, afirma Rolf-Dieter Heuer, director do acelerador de partículas cando o descubrimento do bosón de Higgs

“A ciencia exoplanetaria axuda a comprender o excepcional que é a vida na Terra”

A astrofísica galega Minia Manteiga comparte cartel con Mariano Barbacid nun encontro no CERN de investigadores europeos