Venres 26 Abril 2024

Un equipo de Ferrol acha un novo modo de fabricar envases con residuos orgánicos

Investigadores da UDC traballan nun proxecto europeo para obter produtos para o sector do envasado e a embalaxe no eido da alimentación

Un total de sete investigadores do Grupo de Polímeros do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol traballan no proxecto europeo Waste2BioComp: Converting organic waste into sustainable bio-based components, que coordina o Centro Tecnolóxico da Industria Téxtil e do Vestiario de Portugal (CITEVE).

Deste xeito, o obxectivo que perseguen é transformar os residuos orgánicos en materias primas coas que fabricar novos produtos a escala industrial nos eidos do téxtil, calzado ou no do envasado de alimentos frescos cumprindo coas normativas de calidade, compostaxe e reciclaxe da Unión Europea.

Publicidade

Equipo de investigación

A profesora e investigadora da Universidade da Coruña (UDC), María Belén Montero Rodríguez lidera un equipo no que tamén participan os seus homólogos Rebeca Bouza Padín, Maite Rico Varela e Luis Fernando Barral Losada. Completan o grupo de traballo, a investigadora posdoutoral, contratada ao abeiro da convocatoria “Talento Investigador” do Campus Industrial de Ferrol, Zoia Haholkina, e os estudantes do Programa de Doutoramento en Física Aplicada, Danny Robert Moncada Villalobos e Anja Schmidt.

Desenvolvemento do proxecto

O traballo do equipo da UDC dentro deste proxecto estará orientado, exclusivamente, ao desenvolvemento e obtención de produtos para o sector do envase e da embalaxe no eido da alimentación.

Na primeira fase do proxecto europeo, o persoal investigador do Campus Industrial de Ferrol traballa desde o Laboratorio de Polímeros, situado na antiga Escola Universitaria Politécnica de Serantes, na preparación de nano/micro partículas a partir de Polihidroxialcanoatos (PHAs), uns biopolímeros completamente verdes que se obteñen a partir de residuos orgánicos e que son completamente amigables co medio ambiente, biodegradables e biocompatibles.

Estas nano/micropartículas serán incluídas en filmes que tamén serán empregados polo equipo da UDC a partir deses PHAs. Nesas partículas encapsularanse determinadas substancias activas, antimicrobianas e antioxidantes que se irán liberando co paso do tempo e/ou uso para manter frescos e en óptimo estado os alimentos envasados.

Está previsto que nos vindeiros meses, o equipo liderado pola profesora e investigadora María Belén Montero Rodríguez se traslade ata o Laboratorio de Plásticos (LabPlast), situado no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), para continuar co seu traballo.

Na segunda fase, crearán cadanseu prototipo, un para filmes flexibles e outro para bandexas ríxidas, ambos de aplicación no sector da alimentación. Estes modelos serán completamente verdes durante todo o seu ciclo de vida, desde a súa produción ata o seu descarte, e terán a capacidade de manter os alimentos frescos e en bo estado por máis tempo. O obxectivo desta segunda etapa será o de producilos a escala industrial cumprindo coas normativas de calidade, compostaxe e reciclaxe da Unión Europea.

Finalmente, ao remate do proxecto, presentaranse e produciranse os prototipos de aplicación en tres campos de traballo: no sector do téxtil, fabricando novos tecidos e máscaras; no do calzado, elaborando soletas e solas; e no do envase e da embalaxe, producindo filmes flexibles e envases ríxidos.

O proxecto inclúe tamén ensaios de biodegradación para todos os prototipos e a compostaxe de residuos, así como a posta en marcha de actividades formativas dirixidas á comunidade universitaria, especialmente, ao persoal investigador e ao alumnado de programas de doutoramento e máster vinculados con esta temática.

Financiamento

Waste2BioComp: Converting organic waste into sustainable bio-based components  está financiado pola Unión Europea a través do Horizon Europe Framework Programme e conta cun orzamento de 5.861.763 euros. En suma, participan 13 organizacións de diferentes países: Portugal, España, Alemania, Italia, Francia e Suíza. A Universidade da Coruña é o único organismo español participante e dispón dun orzamento de 373.386 euros e 36 meses para levar a cabo a súa parte correspondente do proxecto europeo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo