A UVigo participa nun proxecto europeo para combater as infeccións máis perigosas do mundo

Dous equipos do CINBIO traballarán na formulación e administración dos medicamentos ao tracto gastrointestinal a través da nanotecnoloxía

A resistencia antimicrobiana está designada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como unha das principais ameazas do noso tempo, superada unicamente polas cardiopatías ou os accidentes cerebrovasculares. Introducir unha nova clase de indutores do sistema inmunolóxico, capaces de mellorar os mecanismos de defensa microbiana innatos do corpo humano, para combater a resistencia antimicrobiana e reducir a incidencia das 13 infeccións bacterianas máis perigosas do mundo.

Este é o principal obxectivo co se pon en marcha o proxecto europeo IN-ARMOR (Therapeutic Epigenetic Enhancement of the Innate Immunity to Effectively Combat Antimicrobial Resistance), unha iniciativa financiada ao 100% pola Unión Europea a través do programa Horizon Europe e coordinado cientificamente pola University of Iceland, completando o consorcio outras oito universidades e institutos de investigación, que colaboran con sete socios médicos e industriais, representando así a dez países da Unión Europea, entre os que se atopa o CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo.

Publicidade

IN-ARMOR botou a andar en maio e prolongarase ata finais de abril de 2027, formando parte do consorcio, ademais da Universidade de Vigo, o Karolinska Institute (Suecia), o Servicio Madrileño de Salud (España), Akthelia Pharmaceuticals (Islandia), Acondicionamiento Tarrasense Associacion (España), University of Jyvaskyla (Finlandia), VibioSphen (Francia), RijkSuniversiteit Groningen (Países Baixos), Obelis s.a. (Bélxica), Tecnologías Avanzadas Inspiralia (España), Enamine (Ucraína), Biokeralty Research Institute AIE (España), Betthera s.r.o. (República Checa), NUVISAN GmbH (Alemaña), e a University of Tampere (Finlandia).

Por parte do CINBIO, participa persoal investigador dos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos, cun orzamento de 390.000 euros para o seu paquete de traballo.

Publicidade

Achega galega

O obxectivo principal de IN-ARMOR baséase na optimización dunha plataforma de fármacos xa desenvolvida, empregando o deseño molecular de fármacos asistido por ordenador e modelos in silico que simulan procesos dixestivos utilizando métodos numéricos e computacionais, en conxunto cun sistema de administración de fármacos baseado na nanotecnoloxía. A terapia desenvolvida será validada preclinicamente para comprobar a súa seguridade e eficacia in vitro e in vivo, co fin de completar todos os requisitos dos medicamentos en investigación. A perspectiva a longo prazo é mellorar o tratamento antimicrobiano a través dunha plataforma de fármacos que dirixa epixeneticamente o sistema inmunolóxico innato para producir a defensa do sistema.

O proxecto está dividido en oito paquetes de traballo, sendo o de formulación e administración de medicamentos o que está liderado por persoal investigador dos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos, ambos pertencentes ao CINBIO. “O obxectivo principal do traballo”, explican desde o centro, “é o desenvolvemento de estratexias baseadas na nanotecnoloxía para a administración e liberación de fármacos ao tracto gastrointestinal”.

Para isto, tratarán de enfocar as estratexias de preparación de nanopartículas para aproveitar ao máximo as facilidades que ofrece a vía oral, como son a non invasividade e a autoadministración. “Sintetizar fármacos que superen as barreiras fisolóxicas, atendendo á velocidade de liberación e de entrega dirixida do fármaco, así como a degradación controlada no tracto gastrointestinal, supón un gran reto”, detalla o persoal investigador do CINBIO implicado no proxecto.

As científicas e científicos do CINBIO realizarán a síntese de diferentes nano-transportadores de fármacos, seguindo diferentes estratexias, como por exemplo as nanopartículas poliméricas (caracterizadas pola facilidade para encapsulas fármacos hidrofóbicos), as nanopartículas lipídicas sólidas (que teñen maior capacidade de carga e biocompatibilidade) e as nanopartículas de sílice mesoporosa (cun volume de poro determinado e capacidade para ser funcionalizadas superficialmente).


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia