A UVigo aplica un plan de medidas urxentes para reducir ata un 30% o consumo enerxético actual

A xestión da calefacción e da climatización e o axuste da iluminación son accións prioritarias

A Universidade de Vigo (UVigo) leva anos apostando de forma decidida polas enerxías renovables e a eficiencia enerxética, para lograr con iso unha importante redución do impacto que a súa actividade ten sobre o medio ambiente e unha menor exposición á escalada de prezos da enerxía. Con todo, a UVigo non é inmune á situación actual, o cal fai que se deban tomar medidas extraordinarias para conter o custo da enerxía que a institución académica consome.

O Consello de Goberno aprobou o pasado 28 de setembro un Plan de medidas urxentes de aforro enerxético, que se completará o vindeiro curso co Plan de medidas estruturais, e co Plan de sustentabilidade da UVigo, que ten o obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono total nun 9,5%. O Plan de medidas urxentes de aforro enerxético formulouse atendendo a catro factores clave: que as medidas teñan un efecto significativo na redución do consumo de enerxía; que non afecten a actividade académica; que preserven a salubridade e o confort dos postos de traballo do persoal e que manteñan plenamente o desempeño da actividade docente e investigadora. “Son medidas boas con independencia do prezo da enerxía, porque non podemos desperdiciala e temos que dar exemplo”, declarou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que avanzou que as medidas destinadas a reducir o consumo enerxético “viñeron para quedar”.

Publicidade

Redución da calefacción

Ao abeiro do eixo de Acción, o plan inclúe sete accións básicas como a xestión da calefacción e da climatización dos edificios, prohibición do uso de dispositivos de calefacción individuais eléctricos, apagado de computadores, equipos e maquinaria cando non se utilicen, así como axuste da iluminación interior e exterior. A calefacción acenderase a partir do 1 de novembro e ata o 15 de abril e só nos días nos que a previsión meteorolóxica de Meteogalicia cumpra simultaneamente unha temperatura máxima exterior igual ou inferior a 18ºC e unha mínima exterior igual ou inferior a 12ºC, coa excepción do caso do campus de Ourense, que por mor da súa maior oscilación térmica, considerarase habilitado para o uso da calefacción calquera día, dentro dos períodos establecidos, cunha mínima exterior igual ou inferior a 8ºC.

A temperatura obxectivo de confort dos espazos interiores de ensino e traballo queda fixada nun máximo de 19ºC e establécense dous horarios de calefacción: no tramo de mañá de 7.00 a 12.00 horas e pola tarde de 15.00 a 19.00 horas, mentres que os edificios administrativos só terán calefacción no tramo de mañá. Outras medidas son que non se climatizarán os espazos de circulación dos edificios e que as fins de semana a calefacción permanecerá apagada. En todo caso, a calefacción manterase o tempo necesario nos laboratorios, animalarios etc. que o requiran. “Non falamos de que vaiamos pasar frío nos postos de traballo, pero debemos adoptar medidas para non malgastar enerxía. Hai que abandonar malos hábitos e para acadar un novo equilibrio temos que imprimir un forte pulo na dirección do aforro”, declarou o adxunto ao reitor para as enerxías renovables e infraestruturas, Jacobo Porteiro, durante a presentación do plan.

Publicidade

Aire acondicionado

En canto ao uso do aire acondicionado, a temperatura obxectivo de confort será de 27ºC e establécese un período de uso entre o 1 de maio e o 30 de setembro, limitado aos días nos que a previsión meteorolóxica cumpra simultaneamente cunha máxima exterior igual ou superior a 28ºC e unha mínima exterior igual ou superior a 16ºC. Polo demais, queda prohibido o uso de calefactores individuais eléctricos co fin de evitar o elevado custo derivado do seu uso, ineficacia enerxética e risco de incendio; os equipos informáticos, instrumentación científica e resto de equipamento de alimentación eléctrica debe apagarse fóra dos horarios de apertura dos edificios, aínda que quedan excluídos aqueles que requiran de conexión continuada por razóns docentes e investigadoras; deberán desconectarse os termos eléctricos e quentadores de auga instantáneos en aseos e laboratorios e apagarase a achega de calor nas cortinas de aire.

A iluminación

No caso da iluminación interior e exterior, axustarase solicitándolle a toda a comunidade universitaria, e en especial ao persoal da conserxarías, que apaguen a iluminación nos espazos nos que non se use no caso de interiores, mentres que no exterior, limitarase e regularase a intensidade nas zonas de aparcadoiro nas horas centrais da noite e nas zonas de pistas deportivas nos períodos sen ocupación reservada. Pola súa banda, as medidas descritas nos eixos de organización e de sensibilización do plan inclúen, entre outras, a continuidade dos peches por motivos de aforro enerxético en Semana Santa e verán, estudándose a posibilidade de aplicalo tamén algúns días de Nadal e fin de ano; o control do consumo completando a implantación dun sistema de monitorización de consumos e produción de enerxía en todos os edificios da universidade; accións específicas para o servizo de limpeza e recomendacións para todas as persoas usuarias da institución para que apaguen as luces ao abandonar as dependencias, axustar os termostatos a temperaturas axeitadas ou usar as escaleiras en lugar dos ascensores.

A Vicerreitoría de Planificación e Sustentabilidade será a encargada de realizar o seguimento e avaliación deste plan que queda aberto para que se poidan establecer novas medidas de aforro e modificar propostas. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais