A UVigo lanza o seu calendario “onde queiras, pero coa lingua”

Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua. Este é o lema elixido pola Área de Normalización Lingüística para a campaña de promoción do galego do ano 2019, campaña que este ano fai unha forte aposta polo formato audiovisual, acompañando cada un dos meses por unha peza audiovisual especialmente deseñada e producida para o calendario da ANL.

“O formato audiovisual supón un paso adiante, na medida en que constitúe un deseño concibido para a súa distribución polas redes sociais”, explica Fernando Ramallo, director da área, que fai fincapé en que a idea é contribuír a visualizar un relato máis realista da situación do galego, dos prexuízos e das potencialidades que a lingua ten na sociedade, singularizado na universidade como espazo clave de creación dalgunhas das oportunidades necesarias para superar a situación actual. “Nese sentido, a creatividade do audiovisual, coa súa dramatización, permite fortalecer contidos centrais que nos axuden a comprender mellor a realidade sociolingüística”, recalca Ramallo.

Publicidade

Portada do calendario.

A campaña pretende, dunha banda, tratar algúns dos prexuízos lingüísticos máis “naturalizados” na sociedade, de tal xeito que non adoitan entenderse como tales, como que hai linguas máis útiles ca outras, ou que o galego só vale para a comunicación informal. “Doutra banda, queremos axudar a visualizar realidades sociolingüísticas que están chamadas a ter un papel clave no futuro da lingua, como o suxeito neofalante ou o potencial do galego no dominio da lusofonía”, explica o director da área.

O humor segue estando moi presente no calendario 

Publicidade

Este ano encargouse do deseño e da produción de todo o material, almanaque e vídeos o estudo vigués Desoños, que contou, entre outras, coa colaboración de alumnado formado na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Seguindo a estela doutros anos, nos que asinaban as viñetas recoñecidos humoristas gráficos galegos –Luis Davila no 2017 e Kiko da Silva en 2018-, o humor segue estando moi presente no calendario. “Non renunciamos ao humor; de feito, o papel da jocker é crucial para canalizar esa perspectiva; con todo, quixemos tamén tocar esa realidade dende unha panorámica, se cadra, máis natural, mobilizando unha argumentación promotora do galego na universidade”, apunta Ramallo, ao que engade que o enfoque da realidade sociolingüística dende o humor ten moitas posibilidades “na medida en que permite tratar imaxinarios sociais, estereotipos e prexuízos a partir de tópicos ben espallados socialmente”.

Un lema co que pór en valor o uso do galego na contorna universitaria
Co lema elixido este ano, Na Universidade… onde queiras, pero coa lingua, a ANL busca pór en valor o uso do galego na contorna universitaria. “En tanto que lingua oficial da universidade, non debe ter limitacións formais ou funcionais, aínda que a realidade non é tan favorable. Por iso queremos contribuír á súa expansión en toda a comunidade universitaria e nas diversas actividades de estudantes, persoal de administración e servizos e profesorado”, recalca Ramallo, que lembra tamén que a universidade é unha institución central na protección e na promoción do galego en tanto lingua minorizada que ten comprometido o seu futuro.

2000 exemplares a repartir en todos os centros

Xunto aos novos contidos audiovisuais a ANL mantén tamén o formato de calendario de parede no que cada páxina é un mes de 2019. En total editáronse 2000 exemplares que están a ser repartidos en todos os centros. Ademais, o calendario tamén se pode descargar do sitio web da Área de Normalización Lingüística. “En canto aos vídeos, cada mes divulgarase un  a través do código QR e do enlace web que se atopa en cada folla do almanaque”, recalca Ramallo.

E aquí podes descargar en pdf o novo calendario da UVigo

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Celta vs. Deportivo: dúas formas de reivindicar a lingua galega dende o fútbol

As estratexias de comunicación de ambos clubes buscan reforzar o vínculo coa afección e coa cultura do territorio a través do idioma