A UVigo volve reducir as súas emisións de CO2 por persoa

A pegada de carbono é unha medida do impacto ambiental que estuda as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, medidas en kg de CO2 equivalentes. Esta é unha ferramenta de grande utilidade, polo que a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo leva dende 2002 estudando o impacto derivado das actividades da institución. No informe correspondente ao 2017 constátase a tendencia decrecente das emisións anuais, con 0,95 toneladas de CO2 eq/persoa, fronte ás 0,97 do ano anterior.

Evolución das emisións por anos. Fonte: Duvi.

Dende a OMA lembran que en 2016 produciuse unha actualización moi importante dos factores de emisión empregados, e este cambio na metodoloxía tende a aumentar as emisións de CO2 asociadas ás diferentes variables. Así, tendo en conta este cambio, a tendencia das emisións continúa sendo decrecente, unha senda que comezou en 2008, cando se produciron 1,09 t CO2 eq/persoa segundo os novos factores de emisión. Cunha redución media anual do 2,66%, o mínimo histórico acadouse en 2015, cunhas emisións de 0,92 t CO2 eq/persoa.

Publicidade

Con todo, e a pesar desta senda de redución das emisións por persoa dentro da Universidade, o resultado total da pegada de carbono incrementouse no ano 2017 con 23.337 toneladas de CO2 equivalente, fronte ás 22.873 en 2016. Isto é consecuencia de dous factores fundamentalmente. Por unha banda, o incremento do número de persoas que formaban parte da Universidade de Vigo en 2017 e, por outra, a posta en marcha de novas instalacións de investigación, como o Cinbio, o Cacti e o MTI, que repercutiron nun aumento do consumo eléctrico. Non obstante, atendendo ás emisións por persoa (0,95 toneladas de CO2 equivalentes) as cifras redúcense respecto ao 2016.

Por campus, Vigo produciu 16.133 t CO2 eq, o que representa o 69% do total das emisións da Universidade. Pola súa banda, o campus de Pontevedra emitiu 3 903 t CO2 eq e o campus de Ourense 3 301 t CO2 eq. A mobilidade foi a responsable do 55% do total das emisións da Universidade, mentres que o consumo de enerxía eléctrica é do 19%, un valor que varía moito en función do campus, xa que en Vigo o consumo de enerxía eléctrica produce o 20% das emisións totais e no campus de Ourense o 26%, pero en Pontevedra só representa o 9%. O terceiro factor é a edificación, ao que corresponde o 17%, mentres que o consumo de gasóleo C é responsable do 5%, o consumo de papel do 1% e a xestión dos residuos, o consumo de auga e o consumo de gas natural conforman o 3% restante.

Publicidade

A pegada ecolóxica da Universidade de Vigo no ano 2017 foi de 7935 hectáreas globais equivalentes. Tendo en conta que o número de persoas da Universidade de Vigo no ano 2017 foi de 24.529, obtívose un resultado final de 0,3235 gha/persoa, un resultado inferior á do ano 2016, que era do 0,3298 gha/persoa.

Datos de emisións do estudo da OMA.

Tendo en conta as 79 hectáreas de bosque que conforman os campus, estimouse que para o ano 2017 a biocapacidade de absorción de CO2 dos bosques na UVigo foi de 116 gha, o que significa un déficit de 0,319 gha/persoa. O feito de que exista unha grande extensión arborada e vexetal no campus principal de Vigo é moi beneficioso, segundo remarcan dende a OMA, xa que actúa como sumidoiro das emisións de CO2.

Por outra banda, tamén fan fincapé en que a pegada ecolóxica por cada persoa en España en 2017 estimouse en 3,8 gha/persoa (Global Footprint Network 2014), polo que ao comparalo cos datos da Universidade de Vigo “pode observarse que esta mantén un compromiso firme co medio ambiente”. No informe, os técnicos da Universidade tamén fan unha comparativa con outras universidades españolas e europeas e, “mesmo tendo en consideración as emisións asociadas á mobilidade, o resultado da pegada ecolóxica da UVigo mantense dentro do intervalo inferior de valores”. Neste sentido tamén destacan o “perfil científico-técnico da Universidade de Vigo”, con escolas e centros de investigación de alto impacto como o Cinbio, o Cacti ou o Citi, que implica maior gasto de recursos e xeración de residuos, pero a pesar do cal a institución “mantén a súa pegada ecolóxica na parte baixa do intervalo de valores que presentan outras universidades”.

A constante e sostida redución da pegada ecolóxica da Universidade de Vigo na última década e froito da posta en marcha dunha serie de medidas encamiñadas a mitigar o impacto da vida da institución nos tres campus. A aposta polas enerxías renovables foi e segue a ser unha constante, tanto con instalación solares e térmicas, como a través da xeotermia e a biomasa en diversos edificios dos tres campus. Ademais, en 2015 comezouse un proceso de ampliación da rede de gas natural en Vigo e, entre 2016 e 2017, adaptáronse a este combustible caldeiras de gasóleo C das facultades de Fisioterapia, Ciencias Sociais e da Comunicación, Belas Artes, o Polideportivo de Ourense e Filoloxía e Tradución.

Está planificado desenvolver este mesmo proceso nos vindeiros anos en Ciencias Experimentais, as escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación e na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Ademais, tamén se mellorou o illamento térmico dos edificios, así como os sistemas de iluminación, pero a materia pendente para a mitigación do impacto ambiental segue a ser o transporte, que no caso de Vigo representa o 56% das emisións totais deste campus, mentres en Pontevedra son o 64%  e en Ourense o 36%. Para iso apostouse polo uso compartido de vehículos, o transporte público e os desprazamentos en bicicleta, ao tempo que se desenvolven campañas de concienciación e boas prácticas ambientais, pero a mobilidade continúa sendo a responsable de máis da metade das emisións da Universidade. Con todo, dende a OMA subliñan que este tipo de iniciativas están tendo efectos reais, xa que axudan á redución da pegada ecolóxica e das toneladas de CO2 por persoa emitidas á atmosfera.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un anticiclón subtropical afecta Galicia con máximas de 36 graos e con calor prevista ata inicios de xullo

MeteoGalicia advirte dun forte ascenso térmico en toda a comunidade e da posible aparición de tormentas no interior

Unha dorsal africana rompe os termómetros e as temperaturas acadarán os 30 graos en Galicia

O ascenso dos graos impulsará valores estivais no interior e nas Rías Baixas, con ambientes máis calorosos durante as horas centrais do día