O U-Ranking das universidades españolas volve situar a USC no quinto posto de entre 61 universidades públicas e privadas, ordenadas en función do seu rendemento nos ámbitos docente, de investigación e de innovación e desenvolvemento tecnolóxico. A institución compostelá comparte clasificación coas universidades de Deusto, Navarra, Miguel Hernández de Elche, Barcelona, Illas Baleares e Valencia.
Os datos utilizados para a realización da análise, elaborada pola Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (Ivie), proceden da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do Observatorio IUNE e Thomson Reuters.
Ademais da clasificación xeral, defínese un segundo nivel de análise –U-Ranking Volume– que ten en conta o volume total de resultados, e no que a USC sube un posto con respecto á clasificación de 2016, pasando do 12 ao décimo primeiro lugar de entre as 61 universidades da clasificación.
A USC é 4º na avalición da actividade investigadora
No que respecta á avaliación da actividade investigadora, a USC ascende ao posto número catro da clasificación, compartindo nivel coas universidades de Cantabria e Illas Baleares. Para a avaliación considéranse os recursos públicos competitivos por profesorado doutor, os contratos de persoal doutor e bolsas de investigación e apoio técnico sobre o orzamento total; documentos citables con referencia ISI por doutor/a, sexenios totais sobre posibles e teses lidas por cada cen doutores.
Tamén se ten en conta o factor medio de impacto, a porcentaxe de publicacións no primeiro cuartil e as citas por documento, así como os fondos de investigación europeos ou internacionais por profesorado doutor e a porcentaxe de publicacións en coautoría internacional.
Finalmente, no apartado de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, Santiago de Compostela volve a escalar postos, neste caso do 13 ao 8, unha posición especialmente relevante tendo en conta que, como di o propio documento, “a clasificación está claramente liderada polas universidades politécnicas, máis orientadas pola súa natureza cara á transferencia de coñecemento ao sistema productivo”.
Neste capítulo mídense os ingresos por licencias e por contratos de asesoramento e os de formación continua; así como o número de patentes por cada cen doutores e as horas de formación continua e o número de contratos por profesorado doutor. Finalmente, compútanse tamén as patentes comercializadas, as triádicas e os ingresos por contratos internacionais.