Santiago pon en marcha o Centro de Biomedicina Experimental

Esta mañá asinouse un convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co fin de impulsar a investigación universitaria nas áreas da física, biomedicina e biotecnoloxía. O acordo, que conta cun investimento de máis de 900.00€ por parte da Consellaría, permitirá a posta en marcha e adecuación de espazos ao nivel de excelencia dos proxectos que se están a desenvolver no Campus Vida da universidade santiaguesa.

Por un lado, permitirá a apertura e posta en funcionamento do Centro de Biomedicina Experimental da USC (CEBEGA), un gran centro de experimentación que naceu coa misión de centralizar e satisfacer a demanda de animais de laboratorio de calidade, definidos ética, legal, sanitaria e xeneticamente, e de infraestruturas para a realización das máis avanzadas técnicas de experimentación biomédica.

Publicidade

Unha das misións do centro será a xestión dos animais de laboratorio

Para dar resposta a estas necesidades, así como para garantir a apertura e a súa posta en funcionamento, a Xunta financiará os sistemas de control, monitorización de instalacións, seguridade, sinalética e comunicacións; o equipamento sanitario, de esterilización, desinfección e servizos varios; o equipamento científico auxiliar; así como o mobiliario de apoio e dotación de vestiarios e baños. Ademais, tamén se fará cargo da obra de urbanización do entorno do edifico.

Este centro ten a visión de converterse nunha grande infraestrutura singular que preste servizo a toda a comunidade biomédica no conxunto da eurorrexión que conforma Galicia e o norte de Portugal, así como o noroeste español. O CEBEGA prestará servizo a todos os axentes do Biocluster de Ciencias da Vida integrados no Campus Vida, en particular grupos de investigación universitarios, institutos de investigación sanitaria de Galicia, OPIs (Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, CSIC,…) pero tamén a actores do sector empresarial no ámbito da biomedicina, a biotecnoloxía e a agroalimentación.

Publicidade

O CEBEGA poderá dar servizo a toda a comunidade biomédica do Norte de España

Por outra banda, o acordo permitirá a adecuación de laboratorios e espazos de investigación na Facultade de Física para apoiar as actividades científicas da Agrupación Estratéxica de Física Fundamental e Aplicacións na Tecnoloxía e a Saúde (AEFIS) impulsando o desenvolvemento de estratexias colaborativas dos grupos que se integran na Agrupación. Complementariamente, con esta iniciativa habilitaranse espazos para acoller a implementación de proxectos Starting Grant financiados polo Consello Europeo de Investigacion, (European Research Council) liderados por investigadores asociados á citada agrupación.

Na sinatura estiveron presentes, ademais do conselleiro e o reitor, a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica da Xunta, María Jesús Nieto Tallón; o director do CEBEGA, Anxo Vidal Figueroa; a secretaria da Facultade de Física, Elena López; e o investigador Starting Grant Carlos Salgado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

BioSpain pecha con máis de 1.900 asistentes e anuncia Barcelona como sede en 2027

A décimo terceira edición reuniu representantes de preto de 900 entidades de 32 países ao longo de tres días de congreso en Bilbao

Galicia exhibe a súa biotecnoloxía en BioSpain coa participación de máis dunha decena de organizacións

O ecosistema galego reúne en Bilbao empresas, universidades e centros de investigación, e pon o foco no crecemento dun sector que xa suma 162 compañías activas

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades