O Instituto de Ciencias Forenses da USC é un dos gañadores dos Premios Solidarios ONCE-Galicia 2016 por ser un referente internacional no labor científico que desenvolve. Os premios outórganse ás empresas, organizacións, medios de comunicación, persoas físicas e estamentos da administración pública que máis contribuíran á integración das persoas con discapacidade e doutros colectivos en risco de exclusión.
Na concesión do recoñecemento ao instituto da USC, o xurado subraia a traxectoria científica que realizan os seus máis de cen investigadores de distintas nacionalidades nos campos da xenética forense e clínica, e dálle visibilidade a este traballo a través das figuras dos profesores de Medicina Legal Anxo Carracedo e María Victoria Lareu, sen esquecer o catedrático xubilado Luis Concheiro, fundador do Instituto de Medicina Legal, xermolo do actual, hai máis de 30 anos.
A USC recibiu este premio xunto xunto co proxecto Enki da Fundación Abrente, o xornalista Pepe Domingo Castaño, as oftalmólogas ferrolás Ana González e Raquel Vidal e Mulleres Colleiteiras, nas súas respectivas categorías.
O xurado estivo presidido por Carlos Fernández Lamigueiro, presidente do Consello Territorial de ONCE-Galicia, e tamén formaron parte del o delegado territorial de ONCE-Galicia, Manuel Martínez Pan; o conselleiro xeral da ONCE, Eugenio Prieto; o director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, Arturo Parrado; o presidente do CERMI-Galicia, Anxo Queiruga; e os xornalistas Consuelo Bautista, Eva Iglesias, Lara Rodríguez Vivero, Gloria Ferreiro e Rafael Cid.














