Así é Proxector: máis de 600 vídeos didácticos para aprender ciencia

A USC e o Concello da Cultura Galega lanzan un redeseño da súa páxina web cuxo principal obxectivo é ofrecer contidos de calidade en galego para o ensino

Que sabemos sobre os alimentos procesados? Que nos pode ensinar a vacinación de morcegos vampiros sobre as pandemias? Se tes curiosidade, podes atopar as súas respostas en Proxector, unha páxina con 600 vídeos didácticos feitos ou subtitulados ao galego. O seu obxectivo é o de outorgar visibilidade a materiais científicos, de calidade e en lingua galega, dirixidos a docentes e alumnado universitario e de Ensino Medio. Así o expresaron o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gumersindo Feijoo, e a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, na presentación da renovación do espazo.

O proxecto é moito máis que un redeseño visual, trátase dun cambio de concepto para ofrecerlle á comunidade universitaria e ao estudantado de secundaria recursos didácticos en galego. Rosario Álvarez fixo fincapé en que é un produto que une tres eixes de acción “ciencia e divulgación científica; un público novo e o feito lingüístico”. Ámbitos nos que tamén coincidiu Gumersindo Feijoo, quen engadiu a importancia de ser un produto audiovisual e en acceso aberto, fundamental nas institucións públicas.

Publicidade

Os seus comezos

Mais Proxector non é un proxecto novo. Xa iniciou a súa andaina en 2015 pero entra agora nunha nova etapa. Unha das novidades é o aloxamento dos vídeos nun repositorio creado polo CCG. A outra, a ampliación do seu público para incorporar recursos para o ensino secundario. Deste xeito, actúase nun ámbito relevante para a normalización lingüística —ESO, bacharelato e FP— ofrecendo recursos para materias que non poden darse en galego por lei.

Proxector non produce vídeos propios; funciona como repositorio de materiais xa existentes

Antropoloxía social, bioloxía, dereito, economía, comunicación audiovisual, xornalismo… son moitos os ámbitos temáticos nos que se pode buscar dentro deste repositorio que non produce vídeos propios, senón que concentra nun espazo materiais que existen noutras redes, xa filtrados e etiquetados. Ademais, ofrece especiais que agrupan materiais  sobre aspectos de actualidade ou relevantes. A renovación de Proxector arrinca cun especial sobre “virus, epidemias e vacinas”.

Publicidade

Funcionamento de Proxector

Dende este martes os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que consideramos que poden ser empregados. A maiores, ofrécese unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Pódese acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregables que permitirán filtrar resultados. Co ánimo de apoiar a introdución do portugués no sistema educativo galego, tamén se ofrecen vídeos gravados ou subtitulados neste idioma.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Unha conversa con Otero Pedrayo: un chatbot permite dialogar co escritor a partir da súa obra

O Consello da Cultura Galega e Galaxia presentan un modelo de intelixencia artificial para explorar o legado do autor coa garantía da fidelidade histórica