O premio Nobel de Física Serge Haroche visita Santiago

O premio Nobel de Física en 2012, Serge Haroche (Casablanca, 1944), é o próximo convidado do programa de divulgación científica ConCiencia que desenvolve a USC co apoio do Consorcio de Santiago. A visita do físico francés terá lugar en dúas semanas e culminará o mércores 19 coaconferencia pública titulada ‘Como se nutren mutuamente a investigación fundamental e a innovación tecnolóxica’.

Haroche, na actualidade investigador e profesor no Collège de France (París ), recibiu o Premio Nobel xunto con David J. Wineland por descubrir uns innovadores métodos experimentais que permiten a medida e manipulación de sistemas cuánticos individuais.

Publicidade

Nado en Marrocos, Haroche trasladouse a Francia aos 12 anos e acabou vinculado aos dous centros máis representativos da elite científica francesa, o Collège de France e a École Normale Supérieure. Alí atopou a quen sería o seu director de tese de doutoramento, Claude Cohen-Tannoudji, Premio Nobel de Física 1997 e visitante do Programa ConCiencia en 2015.

Observar estados cuánticos
A medida que nos achegamos aos compoñentes máis minúsculos do universo, a nosa comprensión habitual de como funciona o mundo deixa de aplicarse. Nese campo, o da física cuántica, fanse patentes novas regras que parecen sorprendentes, como a que di que a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento.

Publicidade

Diante desta afirmación, nos anos 80 do século pasado Serge Haroche marcouse como obxectivo algo que parecía imposible: observar directamente partículas cuánticas individuais sen destruílas. Conseguiuno deseñando enxeñosos experimentos con láseres para estudar fenómenos cuánticos cando a luz interacciona coa materia. Así, deu capturado e estudado fotóns usando unha trampa formada por dous espellos de xeito que facía pasar átomos a través dela.

Co seu traballo na chamada óptica cuántica non só puido observar estados cuánticos fráxiles, algo considerado ata entón inexpugnable, senón tamén controlalos, o que supón un dos primeiros pasos para a construción de computadores extraordinariamente rápidos baseados en física cuántica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Antía Lamas, física: “A investigación cuántica en Galicia é moi prometedora”

A científica compostelá, que traballa en Estados Unidos, dará unha charla en Santiago sobre a segunda revolución cuántica ao abeiro da Semana da Ciencia do IGFAE

O Nobel de Física premia a tres científicos que fixeron visible o mundo cuántico

John Clarke, Michel H. Devoret e John M. Martinis amosaron os efectos da física cuántica de escala microscópica á macroscópica

Pódcast | Os experimentos que marcarán o futuro da física

Escoita a conversación co investigador do IGFAE Néstor Armesto sobre o novo acelerador do CERN e o futuro Einstein Telescope

Investigadores da UDC contribúen á observación da desintegración de barións máis rara rexistrada

O científico Jeremy Dalseno foi recoñecido pola 'American Physical Society' polo seu papel na confirmación deste proceso, que ocorre unha vez cada 100 millóns de decaementos