O Laboratorio de Radiofísica da USC constitúe un importante activo universitario na loita contra o cancro, un cometido a cuxo éxito contribúe de xeito silencioso, aínda que coa máxima fiabilidade, e a cuxa optimización pode contribuír o acelerador de electróns médico que vén de ceder ao centro universitario o Centro Oncolóxico de Galicia e o Sergas. Este novo equipamento permitirá mellorar os servizos de calibración, ensaios de radiación e radioterapia animal que desde hai máis dun lustro centran a actividade deste laboratorio universitario.
A acción contra o cancro que desenvolven na actualidade os investigadores agromados neste centro de investigación da USC, dirixido por Faustino Gómez non é baladí. De feito, este grupo de investigación é responsable de supervisar e garantir a exactitude dosimética de arredor de 30.000 tratamentos de radioterapia que se expiden nos hospitais españois, un factor de precisión que redunda nunha maior calidade e eficacia dos tratamentos.
O da USC é o único laboratorio de calibración acreditado pola ENAC
A implicación do Laboratorio de Radiofísica da USC nesta laboriosa batalla a prol da saúde humana e animal non é nova, senón que xa vén de hai tempo, tal e como o proba o feito de que esta instalación universitaria radicada en Santiago de Compostela constitúe o único laboratorio secundario de calibración para os servizos hospitalarios de radioterapia que conta coa acreditación da Entidade Nacional de Acreditación e Certificación (ENAC).
A calibración de servizos hospitalarios de radioterapia centra un dos principais cometidos que desenvolve o Laboratorio de Radiofísica da USC, segundo indicou Faustino Gómez, quen explicou que esta actividade abrangue tanto a análise e comprobación dos sistemas de medición das doses como a calibración dos equipos e instrumental científico.
O número de hospitais españois que confían ao Laboratorio de Radiofísica da USC a exactitude dosimétrica dos seus servizos de radioterapia cóntase por deceas, xa que este centro universitario compostelán e o do Laboratorio Nacional de Madrid, son os únicos dous centros que realizan estas medicións. Daquela, resulta lóxico que a pegada desta plataforma tecnolóxica da USC non se circunscribe exclusivamente a Galicia, senón que se estende por todo o territorio español.
É o primeiro que presta servizos de radioterapia animal
A implicación do Laboratorio de Radiofísica da USC na loita contra o cancro supera con creces esta dimensión de certificación ou control da precisión equipamentos científicos, pois, ademais doutras achegas científicas neste eido, o centro universitario compostelán tense convertido tamén na primeira instalación española que presta servizos de radioterapia animal.
O servizo de radioterapia para animas que realiza o Laboratorio de Radiofísica da USC desenvólvese en colaboración co Hospital Veterinario Rof Codina de Lugo, cuxos facultativos remiten os animais susceptibles de someterse a este tipo de tratamento. A casuística de mascotas que reciben este tipo de asistencia no centro compostelán podería cuantificarse en dous animais cada mes.
O laboratorio compostelán é, xunto con outra instalación de Córdoba, os únicos centros nos que se expiden tratamentos de radioterapia para animais, un campo no que a USC tamén é pioneira e no que agarda aumentar nun futuro próximo o número de casos atendidos coa incorporación de tecnoloxía máis avanzada para o tratamento de cancros no sector veterinario, segundo indicou Faustino Gómez.