Un grupo do ciclo de maiores da USC presenta un traballo sobre a gripe de 1918 en Galicia

Cúmprese o centenario da gripe de 1918, unha pandemia que provocou nuns meses maiores cifras de vítimas que toda a Primeira Guerra Mundial, que finalizou aquel mesmo ano. Adoita coñecerse como gripe española, xa que durante moito tempo creuse que comezara en España. Unha crenza errada que, segundo apuntas diversas publicacións, debeuse a que en países onde xa houbera casos anteriormente, como Francia e Estados Unidos, censuráronse as informacións sobre a doenza para non minar a moral dos cidadáns e os soldados.

Os alumnos analizaron os datos de numerosas vilas galegas

Coincidindo co aniversario, un grupo de alumnos do 1º curso do IV Ciclo da USC (a universidade de maiores) acaba de presentar un extenso traballo, baixo a supervisión do profesor de Historia da Medicina Fernando Ponte, no que analizan o impacto da pandemia en Galicia. Pepe Cambeiro, María López, Fina Ramallal, Margarita Fernández e Pilar Fraga, realizaron un traballo “de gran nivel”, segundo sinala o seu propio docente.

Publicidade

“É un traballo extenso e completo sobre a incidencia e distribución da gripe de 1918, en Galicia en particular, pero comprendendo moi ben o contexto mundial no que tivo lugar aquela tremenda pandemia”, di o profesor Ponte, que engade que “traballaron moito e ben, sorteando a dificultade de que non son, obviamente, profesionais da Medicina, con gran seriedade e responsabilidade”.

No traballo, segundo explica Fina Ramallal, unha das autoras da investigación, analizaron durante meses as hemerotecas dos xornais da época e a documentación de vilas como Ourense, Pontedeume, A Estrada, Rianxo ou Betanzos. “Detallan perfectamente todos os aspectos humanos, sanitarios e sociais, de múltiples concellos, axudando a comprender como foi aquilo e as súas consecuencias”, salienta o profesor Fernando Ponte.

Publicidade

Cos datos recollidos, explican, por exemplo, como a doenza chegou a Galicia desde Francia, co regreso dos temporeiros españois e portugueses que foran contratados no país galo para cubrir a carencia de man de obra debido á Gran Guerra. E contan tamén, entre outros datos, que en toda a provincia da Coruña houbo que prohibir os actos de Defuntos, e clausuráronse colexios, teatros, cines e actos públicos para evitar a propagación da gripe. Houbo que tomar tamén medidas semellantes noutras vilas como Vigo e Ourense.

A ilusión dos maiores

O IV Ciclo da USC, que se imparte en Santiago e Lugo, está dirixido a persoas maiores de 50 anos interesadas en ampliar os seus coñecementos en diversas materias. Divídese en cinco cursos, con varias asignaturas en cada un deles. “Á xente recomendaríalle matricularse porque nunca se deixa de aprender, coñecen xente con intereses semellantes e ocupan con proveito un tempo que, en moitos casos, estando xubilados, deixarían pasar sen pena nin gloria”, explica o profesor Ponte.

No mesmo sentido fala Fina Ramallal, alumna, que enumera as razóns para apuntarse a esta iniciativa: “Obrigarse a ter disciplina; un horario e unhas tarefas que cumprir, mellorar as relacións sociais, exercitar a mente, marcarse retos…”. Fina, mestra durante 40 anos da súa vida, e agora xubilada, cre que seguir aprendendo é un bo xeito de motivar tamén aos máis novos. “Os meus netos ven o meu carné de estudante e quedan sorprendidos de que siga estudando, e eu dígolles que sempre hai que ter ilusión polas cousas”.

Esta ilusión é tamén o que máis valora Fernando Ponte, quen sinala que “o feito de que persoas coa súa vida máis que resolta, con frecuencia profesionais espelidos no seu, queiran volver ás aulas para profundizar en aspectos das ciencias ou as letras nos que, ata ese momento, non tiveron ocasión de facelo”.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia amplía a cobertura da vacina reforzada contra a gripe e adianta a do sarampelo aos dous anos

A inmunización contra o virus respiratorio comezará a administrarse na próxima campaña á poboación xeral de entre 65 e 69 anos

Fronte á nova variante: así está a cambiar a epidemia de gripe

O impacto da mutación H3N2 e as limitacións da vacina nesta tempada marcan a evolución da enfermidade no terrritorio

Seis consellos de Europa ante a epidemia de gripe: “Non esperes a vacinarte”

A enfermidade respiratoria entra en fase de epidemia de forma máis temperá do habitual e Galicia xa rexistra 223 ingresos nunha semana

O frío adianta a tempada de gripe en Galicia: o que debes saber ante o aumento de casos

As hospitalizacións aumentan a 182 na última semana mentres o goberno galego activa medidas do Plan sanitario de inverno ante a aparición temperá de virus respiratorios