Domingo 28 Abril 2024

Un equipo da UVigo avalía o posible impacto da inxección de aerosois na atmosfera para contrarrestar o cambio climático

Os investigadores galegos aseguran que a técnica reduciría a cantidade de enerxía solar que chega á superficie e reduciría a temperatura

Desde decembro de 2022 e ata decembro de 2024, persoal investigador dos grupos da Universidade de Vigo (UVigo) Environmental Physics Laboratory (EPhysLab) e Post-Growth Innovation Lab desenvolven o proxecto estatal Limitacións e perigos da inxección de aerosois de sulfato: o caso de España (Odeón). No marco da súa programación, celebraron recentemente un obradoiro de consulta con axentes sociais sobre a investigación para intervir o clima do planeta e das cuestións éticas e perigos que implica.

O obradoiro, titulado Taller sobre investigación en intervención climática, tivo o apoio do Consello Social da UVigo e celebrouse na Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense. Contou coa participación de arredor dunha ducia de persoas tanto da comunidade universitaria como de fóra dela. Durante a sesión, de carácter experimental, responsables do proxecto expuxeron as diversas técnicas de intervención climática que se están barallando, as liñas de investigación que se levan a cabo na UVigo sobre os impactos das mesmas e debateuse sobre elas. A sesión enmarcouse na liña de traballo do proxecto de “investigación responsable e difusión dos resultados, incluíndo medios para a participación cidadá e o compromiso público, aumentando a concienciación sobre a intervención climática e, polo tanto, avanzando na mitigación do cambio climático”.

Publicidade

A actividade forma parte do proxecto de investigación Odeón, financiado pola Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación e polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Ten como investigadores principais a Laura de la Torre e Juan Antonio Añel, físicos de EPhysLab, e conta cunha ampla presenza do grupo do campus de Pontevedra Post-Growth Innovation Lab, con Mario Pansera (o seu director), Javier Lloveras e Brais Suárez. De fóra da UVigo están implicadas entidades como o Centro Nacional de Investigacións Atmosféricas de Estados Unidos (NCAR) e The State University of New Jersey (Rutgers). Trátase, indican desde o proxecto, dun equipo multidisciplinar formado por investigadores do eido científico (EPhysLab) e social (Post-Growth Innovation Lab) elixido para implementar un marco de investigación e innovación responsable, en liña co enfoque promovido polos programas de investigación da UE e tamén polo Plan Nacional de Investigación 2021-2023, que, sinalan, fomenta a cocreación de coñecemento científico e a aliñación da I+D cos intereses sociais. Deste xeito, subliñan, Odeón tratará de achegar “os seus resultados á sociedade a través do compromiso efectivo coas partes interesadas” e levando a cabo accións como a celebrada este venres.

Impacto na atmosfera, na enerxía solar e na calidade do aire

Segundo explica Juan Antonio Añel, “neste proxecto avaliamos os impactos de contrarrestar os efectos do cambio climático utilizando técnicas de intervención climática, cun foco especial nunha técnica baseada en aumentar os aerosois na estratosfera da Terra. Esta técnica reduciría a cantidade de enerxía solar que chega á superficie, reducindo polo tanto a temperatura na mesma”. Trátase, detalla o físico da UVigo, de “imitar o comportamento dos volcáns que inxectan aerosois na estratosfera e arrefrían así o planeta”. Alén de centrarse en estudar os impactos destas técnicas na estrutura da atmosfera do planeta, no proxecto tamén se afonda no seu potencial impacto na produción de enerxía solar e na calidade do aire en España. A metodoloxía empregada abrangue a comparación de datos de simulacións de modelos climáticos existentes de proxectos internacionais sobre intervención climática (por exemplo GeoMIP e GLENS), a reanálise de última xeración (por exemplo MERRA2 e ERA-5) e simulacións de control do cambio climático que abarcan o período 1980-2100.

O último informe de avaliación do IPCC (AR6), sinalan desde Odeón, indica que o quecemento inducido polo home en 2011-2020 alcanzou entre 0,99 graos e 1,10 graos en comparación con 1850-1900. Entre o 20% e o 40% da poboación do planeta vive en rexións que, entre 2006 e 2015, apuntan, xa experimentaran máis de 1,5 graos de quecemento polo menos nunha estación. Deste xeito, explican desde o proxecto, os obxectivos establecidos polo Acordo de París xa se viron seriamente comprometidos e as emisións de carbono seguen aumentando desde 2010. “Neste contexto, as técnicas de intervención climática póñense sobre a mesa de xeito recorrente como medida potencial de adaptación complementaria á mitigación”, afirma Juan Antonio Añel, apuntando a necesidade polo tanto de avaliar cientificamente os seus posibles impactos e conveniencia.

Así, no marco deste proxecto da UVigo o pasado mes de xullo un equipo internacional formado por especialistas de 13 centros de investigación de sete países, entre eles o citado físico do campus de Ourense, publicaron na revista Nature Communications un estudo que supón “o  primeiro cálculo de que sería necesario e que consecuencias tería tentar mitigar o cambio climático eliminando metano da atmosfera empregando cloro”, apuntando entre os resultados que hai “efectos perniciosos que non fan recomendable” o uso desta técnica.


Podes acceder á noticia completa na seguinte ligazón.

1 comentario

  1. Coido que está claro que o máis coherente e realista é reducir este consumismo desaforado que practicamos hoxe en día, que xaora, implica renunciar a certas ‘comodidades’ segundo o modelo do imperio capitalista, máis gañaríamos seguro en calidade de vida e humanidade, ademáis de converxer cun xeito de vida realmente sustentable. Soluciós coma que propoñen estes científicos parécenme realmente propia de inocentes, de xente que non coñece a lei natural ou da vida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A comunicación cuántica como chave da ciberseguridade do futuro: o proxecto QURSA de atlanTTic

A iniciativa emprega como tecnoloxías de base a QKD e a criptografía avanzada para definir un caso de uso nun escenario con distintas posibilidades

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacional