Así é o primeiro barco solar deseñado pola Universidade de Vigo

O Boeiro I, de seis metros de eslora e dous de manga, foi presentado na Escola de Enxeñería da Telecomunicación

Un trimarán de seis metros de eslora e dous de manga no que a maior parte do equipamento procede de fabricación propia. Así é o Boeiro I, o primeiro barco solar da Universidade de Vigo, un proxecto ilusionante nado hai arredor de tres anos da man da asociación estudantil CES UVigo, acrónimo de Clean Energy Ship, integrada na actualidade por unha vintena de alumnos e alumnas das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo: Telecomunicación, Industrial e Minas e Enerxía

Tras moitos meses de intenso traballo, “nos que houbo sabores e sen sabores”, este mércores puideron presentar en sociedade a súa embarcación. Fixérono na escola na que naceu o proxecto, Enxeñaría de Telecomunicación, da man de Lorena Gil e Marcos Pardeiro, as principais cabezas visibles deste proxecto, e arroupados por quen lles axudou a facer realidade esta iniciativa: a propia Universidade de Vigo, representada pola directora da escola, Rebeca Díaz, e o adxunto do reitor para a Sostibilidade, Jacobo Porteiro;  as empresas patrocinadoras, con Bruno Lema, de Marine Instruments, e Patricia Malaver, de Sicnova, á fronte; o Consorcio Zona Franca de Vigo, da man de Ana Mejías, e a Xunta de Galicia, coa directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, como principal cabeza visible do apoio do goberno galego a este proxecto.

Publicidade

Un proxecto cheo de “empeño, empuxe e paixón”

Todos amosaron o seu orgullo polo “empeño, empuxe e paixón” que este alumnado das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo puxo nun reto que non era doado: a construción dun trimarán propulsado unicamente con enerxía solar. Polo camiño non lle faltaron atrancos, “non todo sae á primeira”, pero “con moito traballo e implicación sempre saístes adiante”, “demostrando a vosa paixón pola profesión fixestes enxeñaría en maísculas”.

O barco nunha das probas de navegación. Foto: DUVI

Bautizado como Boeiro I, en honra do illote menor do arquipélago das Cíes, o trimarán está construído principalmente a base de fibra de carbono, escumas de alta densidade e algunha madeira. Na cuberta leva instalados seis metros cadrados de paneis solares, 386 células repartidas nunha ducia de paneis construídos integramente polo equipo. “Estes paneis teñen a vantaxe con respecto aos convencionais de que teñen un baixo peso”, explicaron os responsables do equipo, ao que engadiron que foron construídos con fibra de vidro, xa que, sen chegar a pesar tanto como o vidro, material convencional na construción deste tipo de paneis, achega a rixidez necesaria para este tipo de aplicacións.

‘Hidro-ás’ que elevan o casco da auga e fai que gañe velocidade

A fabricación manual caracteriza a maior parte dos elementos da embarcación. Como consecuencia das limitacións impostas polas distintas competicións europeas, a batería na que verten a potencia os paneis está limitada a 1,5 kWh. Esta batería tamén está construída por eles mesmos, empregando neste caso a soldadura por puntos para configurar o seu propio paquete de baterías coas que se alimenta ao motor da embarcación. 

Marcos Pardeiro e Lorena Gil, principais responsables do equipo. Foto: DUVI

Tal e como explicaron no acto de presentación, o trimarán ten a peculiaridade de que eleva o casco principal por encima da auga grazas a un particular sistema de navegación moi utilizado tanto en embarcacións recreativas como en competicións de alto nivel, coñecido como ‘hidrofoils’. Trátase dunhas pezas que funcionan de xeito similar ás das ás dun avión, pero neste caso mergulladas, de maneira que, cando se alcanza certa velocidade, sosteñen toda a estrutura por enriba da auga. “Trátase dunha técnica de navegación bastante novidosa e é o que fai brillar este proxecto respecto a outros”, salientou Pardeiro, quen tamén fixo fincapé en que deste xeito se aumenta tamén a autonomía como consecuencia da diminución da forza de arrastre.

“Se a esta eficiencia hidrodinámica se lle suma a xeración solar podemos chegar a desenvolver un prototipo de embarcación completamente independente dos combustible fósiles, un desafío ao que nos teremos que enfrontar nos vindeiros anos”, explica o responsable do equipo.

Na busca de financiamento para viaxar a Mónaco

Con respecto das competicións deportivas ás que lle gustaría acudir, dende que se fundou a asociación hai un obxectivo claro na mente de todos os estudantes que formaron e forman o equipo; a Energy Boat Challenge de Mónaco. “A principal problemática desta competición é conseguir o financiamento necesario para chegar alí”, apunta Pardeiro. Por unha banda, enfróntanse ao problema de trasladar o barco ata o Club de Iates de Mónaco, “xa que a maioría de transportistas non teñen Mónaco na súa ruta” e, pola outra, está o problema de financiar a viaxe das persoas do equipo. “Aínda que coa inscrición nesta competición xa se paga o aloxamento de cinco persoas, “é un tema que nos preocupa porque somos máis de cinco, e Mónaco non é precisamente barato”. 

Por todas estas cousas están a expensas do financiamento que poidan conseguir e, en función disto, tomarán a decisión. A súa ilusión é ir a Mónaco, pero se isto finalmente non fose economicamente viable optarán por outras competicións europeas que poidan quedar máis en ruta para os transportistas e con posibilidades de aloxamento máis económicas. 
 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo revela contaminación por nitratos na Cova do Rei Cintolo

Un equipo da UVigo e da UDC cre que a orixe da polución nas augas do lago pode estar nos xurros que se empregan para abonar prados

Un estudo da UVigo constata os beneficios de exercicios hipopresivos durante o posparto

As investigadoras realizaron un ensaio clínico para tratar os problemas nos músculos abdominais debidos ao crecemento do feto e os cambios hormonais

Azulillos, esmeraldas e emperadores: a guía do nomes comúns das libélulas en España

O catedrático da UVigo Adolfo Cordero participa na definición das nomenclaturas para facilitar a identificación de especies

Un proxecto da UVigo avanza nunha tecnoloxía máis intelixente para protexer a saúde humana

Un equipo atlanTTic desenvolve unha nova xeración de dispositivos máis sensorizados que poidan adaptarse mellor ás persoas para unha relación "máis natural"