Domingo 28 Abril 2024

A Universidade de Vigo incorpora a dous científicos que acadaron a Starting Grant

Mario Pansera e Sara Varela desenvolverán durante cinco anos os seus traballos ao abeiro do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación

Dous dos científicos que acaban de recibir as bolsas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) desenvolverán os seguintes anos da súa carreira na Universidade de Vigo. Ao abeiro do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación (Gain), os investigadores Mario Pansera e Sara Varela traballarán grazas aos 1,5 millóns de financiamento para cada un nos seus proxectos sobre modelos económicos alternativos, por unha parte, e as interaccións entre xeografía, clima e vida, por outra, respectivamente. “Son unhas axudas tremendamente competitivas, é como gañar unha medalla nas Olimpíadas”, salienta a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. “É de salientar”, engade, “o prestixioso recoñecemento” acadado por Varela e Pansera na convocatoria dunhas bolsas dirixidas a “fomentar a investigación da máis alta calidade en Europa”, que edicións anteriores, lograran outros investigadores da Universidade viguesa como o catedrático David Posada e a investigadora Elena Ojea.

O programa Oportunius, destinado a atraer e reter talento investigador de primeiro nivel, que implica, máis aló dos fondos outorgados polo ERC, o financiamento “dalgunhas das actividades e contratos adicionais no proxecto”, explica Belén Rubio. “A incorporación destes dous investigadores significa a apertura dun futuro científico moi prometedor e punteiro na UVigo”, apunta Rubio, que lembra que os seus proxectos traerán aparellada a “atracción de máis talento” coa incorporación doutros “investigadores relevantes”, así como “un incremento das publicacións en revistas de prestixio”, que redundará “nun mellor posicionamento nos ránkings da UVigo”.

Publicidade

Xunto a Beatriz Pelaz, do CiQUS de Santiago, Pansera e Varela son os tres científicos baseados en Galicia que acadaron financiamento nesta convocatoria do Consello Europeo de Investigación. Dos 436 proxectos que recibirán financiamento en Europa, 23 están en España.

A científica Beatriz Pelaz, do CiQUS de Santiago, acada unha bolsa Starting Grant

Mario Pansera

Ao longo dos próximos cinco anos, o italiano Mario Pansera levará a cabo unha investigación que ten como obxectivo analizar “como sería unha sociedade que prospera sen necesidade de aumentar de maneira indefinida indicadores como o PIB”, explorando “novas formas de organizar a produción máis sustentables e xustas”.

Partindo da posta en cuestión de se as economías poden crecer eternamente e se ese crecemento económico perpetuo é “factible e desexable”, Mario Pansera pregúntase se “habería espazo para a innovación nun modelo “poscrecemento”, xa que, ao seu xuízo, “desenredar a innovación do crecemento é a clave para imaxinar unha era” non baseada nun crecemento “insostible”. Pansera incide nese senso en que innovar tense convertido “nun imperativo para a supervivencia e expansión de calquera forma de organización”, polo que serán precisas “novas narrativas para a innovación”, que vaian máis aló da tecnoloxía e impliquen un “cambio cultural e institucional”.

O proxecto de Mario Pansera abordará “como sería unha sociedade que prospera sen necesidade de aumentar de maneira indefinida indicadores como o PIB”

Deste xeito, a súa investigación buscará dar resposta ás preguntas de “como serían as organizacións nun sistema que non se basea nun crecemento sen fin; que niveis de complexidade tecnolóxica podemos alcanzar nunha economía que non crece; e que políticas, infraestruturas e formas organizativas se precisan para este novo paradigma da innovación”.

Deste xeito, o proxecto seleccionado polo ERC, destaca, “crea as condicións para que a UVigo se poña en primeira liña na investigación sobre economías e organizacións alternativas, centradas no benestar das persoas e non na maximización dos beneficios económicos”, permitindo explorar, “en tempos da Covid-19, novas formas de organizar a produción que sexan máis sustentables e xustas”.

A chegada á Uvigo supón “unha oportunidade única para acelerar a miña carreira académica” valora Mario Pansera, actualmente profesor axudante na Universitat Autónoma de Barcelona. Prospera (Prospering without growth: Science, Technolohy and Innovation in a post-growth era) é o nome dun proxecto que, sinala, “abre a posibilidade de crear na UVigo un grupo de investigadores moi ben conectados a nivel internacional” e que foi un dos 126 seleccionados na liña de Ciencias Sociais e Humanidades. Tras doutorarse en Management pola Universidade de Exeter, Pansera desenvolveu unha estadía posdoutoral en Bruxelas, a través dunha bolsa Marie Curie, para logo traballar como investigador na Universidade de Bristol. A investigación e innovación responsables (RRI) e a innovación para a sustentabilidade centran as liñas de traballo de Pansera, que se incorporará á UVigo a comezos de 2021, tendo como grupo de referencia á agrupación estratéxica Ecobas.

Sara Varela

A outra investigadora que acadou o financiamento é Sara Varela, que retornará nos vindeiros meses ao seu Vigo natal para desenvolver unha liña de traballo que, a través da interacción entre clima, xeografía e vida, busca avanzar no coñecemento dos procesos que levan á aparición e desaparición de especies. Actualmente é investigadora no Museo de Historia Natural de Berlín. Tras licenciarse en Bioloxía na UVigo e realizar a súa tese de doutoramento no Museo Nacional de Ciencias Naturales de Madrid, o seu labor investigador levouna á República Checa, Brasil e Alemaña, antes de obter con esta bolsa a oportunidade de “consolidar a miña carreira como investigadora na Universidade de Vigo”, sinala. “É unha oportunidade única para desenvolver un proxecto multidisciplinar e complexo, que necesita dun equipo grande e estable de investigadores“, salienta Varela, que, dentro do Grupo de Ecoloxía Animal, buscará reunir un equipo de “especialistas en diferentes disciplinas, desde física do clima ata paleontoloxía” para o seu proxecto Mapas (Mapping biodiversity cradles and graves), un dos 124 seleccionados na liña de Ciencias da Vida.

O proxecto de Sara Varela busca avanzar no coñecemento dos procesos que levan á aparición e desaparición de especies

“Facer unha síntese do coñecemento que temos sobre bioxeografía (onde habitan as especies) e evolución (cando cambian as especies) da vida na Terra” é o propósito central do “ambicioso” proxecto que Sara Varela desenvolverá grazas a esta bolsa e que, recoñece, “abrirá novas posibilidades de traballo en Galicia en temas de paleomacroecoloxía e paleobioxeografía”. A idea, engade, é estudar “como interactúan o clima, a xeografía e a vida, modificándose os uns aos outros”, cun primeiro obxectivo de xerar “mapas paleoclimáticos para os últimos 540 millóns de anos, que á súa vez permita “programar un modelo que simule os mecanismos de diversificación da vida”. Deste xeito, o obxectivo final, sinala, “é comprobar se entendemos os procesos que xeran diversidade o suficiente para poder predicir onde e cando aparecen e desaparecen as especies”

Para levar a cabo este proxecto, contará coa colaboración do Potsdam Climate Institute alemán e de investigadores do Reino Unido, Brasil e Bélxica, Tamén colaborarán no proxecto a ilustradora Cirenia Arias Baldrich e o ‘paleoartista’ Douglas Henderson, o que fará posible divulgar, explica Varela, “non só os resultados da nosa investigación, senón como é o noso traballo día a día”. Nese senso, está prevista a realización dunha serie de vídeos e dunha exposición sobre a vida na Terra, “para falar do movemento dos continentes no tempo, dos eventos climáticos do pasado e das especies que habitaban o planeta en temos remotos”, na que contarán coa colaboración de Henderson.


Podes consultar a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

Alberto Gago: “O cambio climático é o principal reto deste século”

O científico social ingresa na Real Academia Galega de Ciencias cun discurso centrado na importancia de aplicar medidas de mitigación

“Ciencia de ida e volta”, sete meses de divulgación científica na UVigo

A proposta da universidade busca dar a coñecer as liñas de investigación, á vez que mellorar a capacidade de comunicación do PDI