E chegou a sexta onda: seis claves para entender o que está a pasar

Un artigo de 

Estabamos xa finalizando a campaña masiva de vacinación de covid-19, iniciando a dos nenos e administrando a terceira dose para persoas maiores cando, de súpeto, xorde con forza unha nova variante, a ómicron, que veu a alterar as nosas vidas e os nosos plans do Nadal. Ademais de que nos debuxa un futuro incerto.

Publicidade

1. Que é a variante ómicron?

É un virus SARS-CoV-2 que contén moitas máis mutacións das que se estaban vendo ata o momento, sobre todo nunha zona de interacción coas nosas células, e tamén que podería escaparse da actividade neutralizante dos anticorpos. Con todo, a pesar de estar altamente mutada, segue sendo unha variante, e non adquiriu o nivel de nova cepa, que sería moito máis preocupante.

2. Nivel de contaxio?

Os datos que veñen de Sudáfrica, o primeiro país que deu a voz de alarma e secuenciou esta variante (aínda que talvez se orixinara noutro sitio), indican que a súa expansión é case exponencial, e pronto se empezou a detectar noutros países e a ser a maioritaria en moi pouco tempo, desprazando á anterior variante delta.

Publicidade

A Organización Mundial da Saúde, dada a súa condición de alta contaxiosidade, incluíuna na lista de variantes de “preocupación”, xunto a alfa, beta, gamma e delta. Esta última era a maioritaria antes da chegada de ómicron.

3. Por que é máis contaxiosa?

As mutacións que ten ómicron permítenlle adherirse e entrar mellor no interior das nosas células. É coma se limaramos unha chave para que entrase mellor nunha fechadura e, no canto de necesitar dúas voltas para abrir, fose suficiente con unha.

4. É realmente ómicron máis perigosa?

Por agora os datos procedentes de Sudáfrica indican que é moito máis contaxiosa, pero non se detectou unha maior gravidade na súa poboación por esta variante, aínda que é xeralmente unha poboación moi nova.

O contaxio está a producir na maioría dos afectados unha enfermidade leve ou asintomática. Hai un estudo da Universidade de Hong Kong (HKUMed) que indica que se podería unir máis á parte alta das vías respiratorias, e menos á parte baixa (os pulmóns), o que explicaría que non producise enfermidade grave.

As persoas que foron hospitalizadas non estaban na súa maioría vacinadas, o que indica que as vacinas seguen sendo eficaces. Nun estudo en Sudáfrica aínda non publicado estímase que as vacinas protexerían nun 70% fronte a enfermidade grave, pero isto tería que confirmarse noutros países cunha poboación máis avellentada.

5. Que pode supoñer esta variante en España?

España é un país cunha alta taxa de persoas vacinadas, polo que é previsible que, se se contaxian con esta variante, o seu sistema inmunitario consiga recoñecer partes do virus que, aínda que mutase, non cambia substancialmente. Se o noso sistema inmunitario xa viu fotos do “inimigo”, será máis fácil recoñecelo despois, grazas ás nosas células inmunitarias de memoria.

A gravidade desta variante irase vendo ao longo das próximas semanas. Por agora esta onda non ten nada que ver coas previas á vacinación, sendo moito menores os casos de enfermidade grave e falecementos, sobre todo en persoas vacinadas.

Haberá que ir vendo, pero un incremento de contaxios pode saturar os servizos sanitarios (primaria e hospitais), causar demoras en atención doutras enfermidades (non todo é Covid-19), obrigar a persoas a gardar corentena ou disparar o número de colexios afectados por casos. Ademais de sumar un cansazo engadido ao que xa se vai notando.

6. Hai outras opcións de tratamentos?

Unha boa noticia é que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) aprobou xa unha nova vacúa, NUVAXOVID, da compañía Novavax, cunha alta porcentaxe de prevención de enfermidade (90%). Só é válida para maiores de 18 anos, e demostrou ser moi segura.

Tamén se desenvolveron dous novos tratamentos antivirais:

  • EVUSHELD, que contén dous anticorpos monoclonais preventivos para persoas inmunodeprimidas ou con reaccións adversas que non poden vacinarse. Pode axudarlles a non infectarse durante 6 meses.
  • XEVUDY é un anticorpo monoclonal que bloquea o virus e pretende diminuír o risco de hospitalización e morte en persoas infectadas por covid de alto risco.

Estas terapias que empregan anticorpos monoclonais únense aos anteriormente aprobados: Regkirona e Ronapreve.

Hai que seguir insistindo en que, ademais da vacinación, as mellores medidas son a máscara, a distancia social e evitar espazos pechados con moita xente.

Sería recomendable facer un test (PCR preferiblemente) ou de antíxenos antes da reunión familiar, pois, aínda que esteamos vacinados, podemos infectarnos e contaxiar aos máis vulnerables.


*África González Fernández é catedrática de Inmunoloxía no CINBIO (Centro de Investigacións Biomédicas) da Universidade de Vigo.

Cláusula de divulgación: África González Fernández é co-promotora da empresa NanoImmunoTech, pero non recibe ningún salario nin realiza labores de consultoría relacionadas con este artigo. É membro da Sociedad Española de Inmunología e foi a anterior presidenta de dita sociedade científica, sen ánimo de lucro.

África González
África González
Catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Memorias dunha pandemia

Como sobrevivir á histeria colectiva ante un gromo de hantavirus. Por Andrea Veiga

O epidemiólogo Juan Gestal: “Non vai ser a próxima pandemia”

O experto explica que o perigo para a poboación global é baixo e que a resposta das autoridades debe centrarse na investigación da orixe do gromo

Coller frío enférmanos? Por que as infeccións aumentan no inverno

A baixa temperatura favorece a transmisión viral e debilita as defensas nasais, explicando o incremento das patoloxía durante a estación

Badiola: “Hai unha probabilidade moi alta de que a nova gran pandemia teña orixe animal”

O doutor especialista en sanidade animal, sobre a gripe aviaria: “O risco para a cidadanía é extremadamente baixo, pero non completamente inexistente”