Xoves 25 Abril 2024

Por que a gripe case desapareceu, pero o coronavirus segue a propagarse?

Poderían parecer semellantes, pero son virus moi diferentes: os autores enumeran oito factores que responden a pregunta que se fan moitas persoas

* Un artigo de

As medidas de prevención implantadas polos países fixeron que apenas se detectasen infeccións polo virus que causa a gripe no mundo nos últimos meses. Con todo, os casos de Covid-19 non paran de aumentar e xa superan a triste cifra dos 100 millóns de infectados e 2 millóns de falecidos.

Publicidade

Fonte: OMS/Flunet.
Fonte: OMS/Flunet.

Como é isto posible se as máscaras e as medidas de protección deberían servir para os dous virus? Estamos diante dunha conspiración a nivel mundial para facernos crer que están a aumentar os casos de Covid-19 cando realmente se corresponden co pico anual de gripe?

É normal que esta aparente contradición xere confusión. É o que acontece cando se tentan comparar dous virus que, aínda que parecidos nalgúns aspectos, son moi diferentes.

É normal que a aparente contradición xere confusión, pero a gripe e o SARS-CoV-2 son virus moi diferentes

A continuación podemos atopar algunhas das razóns polas que, aínda que as medidas de prevención serven para ambos os dous virus, non afectan aos dous por igual:

1. O virus da gripe é estacional

O virus da gripe é un virus estacional cuxa incidencia é maior nos meses de inverno. Noutras palabras, é un virus que circula continuamente ao redor do mundo e vai saltando dun hemisferio a outro segundo a estación que corresponda. Polo xeral, de decembro a marzo hai máis casos no hemisferio norte; de xuño a setembro, no hemisferio sur.
Freepik

Por iso, a restrición de mobilidade entre países e a diminución do número de viaxes que vimos durante a pandemia puido favorecer que diminúa a diseminación do virus da gripe dun hemisferio a outro.

Con todo, ao contrario do que ocorre co virus da gripe, polo momento o virus responsable da Covid-19 non é un virus estacional. En consecuencia non se vería tan afectado polas restricións de mobilidade entre países.

2. Este ano vacinouse máis xente contra a gripe

A campaña de vacinación fronte á gripe adiantouse en 2020 con especial atención a residencias de maiores e sanitarios para evitar que se solape co coronavirus.

Ademais, este ano vacinouse máis xente que en anos anteriores, polo que habería máis persoas inmunes ao virus.

3. Os períodos de incubación son diferentes

O período de incubación do coronavirus é de entre 2 e 14 (ou mesmo máis) días, un período moito maior que a gripe, que polo xeral é de 1 a 4 días. Como consecuencia, se unha persoa ten Covid-19, podería contaxiar a xente por un período máis prolongado que se tivese gripe.

4. O coronavirus é máis contaxioso

Aínda que o virus da Covid-19 e o da gripe son virus respiratorios que se propagan de modo similar, o coronavirus é máis contaxioso entre certas poboacións e grupos de idade que o da gripe.

Polo xeral, estímase que o número de persoas que se contaxiaría a partir dun individuo infectado (número reprodutivo básico ou R₀) é de 1,3 no caso da gripe e de 2 a 2,5 no caso do coronavirus.

5. A transmisión por aerosois é fundamental

Os estudos parecen indicar que a transmisión por aerosois podería xogar un papel moi importante na transmisión do coronavirus. Os aerosois son partículas que se producen cando os humanos respiran, falan, cantan ou rin (mesmo en individuos asintomáticos) e quedan suspendidas no aire por máis tempo que outras gotitas máis grandes. O principal problema dos aerosois é que son tan pequenos que poden permanecer no aire, alcanzar máis de 2 metros e acumularse en altas concentracións en lugares mal ventilados.

Doutra banda, considérase que a principal fonte de transmisión do virus da gripe é mediante pingas máis grandes, as cales non chegan moi lonxe (uns 2 metros) e caen ao chan relativamente máis rápido ao ser máis pesadas.

Por tanto, para contaxiarse co virus da gripe faría falta estar bastante preto do individuo infectado, cousa que se evita en gran parte grazas á distancia de seguridade que tantos países implementaron.

6. O coronavirus xera máis ‘superpropagadores’

Observouse que o coronavirus xera máis casos de ‘superpropagadores’ que o virus da gripe. Un ‘superpropagador’ é un paciente que pode transmitir unha infección a un gran número de persoas en comparación cun paciente medio. Polo xeral, as superpropagacións son eventos que teñen un impacto significativo moi importante en como se expande unha enfermidade.

Isto significa que o coronavirus pode transmitirse rápida e facilmente a moitísimas persoas e provocar a propagación continua entre as persoas a medida que o tempo avanza.

7. Os asintomáticos

A infección polo coronavirus xera unha gran cantidade de individuos sen síntomas que, ao non saber que están infectados polo virus, seguen facendo vida normal repartindo o virus a outras persoas –aínda que logo os desenvolvan–. De feito, os últimos estudos indican que os individuos sen síntomas serían responsables de máis da metade dos contaxios polo coronavirus.

É certo que a infección polo virus da gripe tamén produce infeccións asintomáticas pero a principal diferenza é que nestes casos adoita suceder pola existencia dunha inmunidade previa parcial ao virus. Por tanto, aínda que estes individuos estean infectados e poidan contaxiar non o fan coa mesma intensidade que os que teñen síntomas.

8. A infección por coronavirus podería evitar outras infeccións

A infección por coronavirus podería evitar a infección por outros virus nun fenómeno de interferencia viral. Moi resumidamente, nalgúns casos a infección por un virus fai que sexa máis difícil que esa persoa poida infectarse con outro virus durante un tempo determinado. Isto adoita ocorrer porque na primeira infección créase un “estado antiviral” que impide outras infeccións.

En resumo, aínda que é posible que a pandemia afectase á capacidade diagnóstica dos casos de gripe, a diminución nos casos de gripe é real e ten unha explicación lóxica. Por tanto, atribuír o aumento de casos de Covid-19 a gripes non diagnosticadas ou pensar que as máscaras deixan pasar a uns virus si e a outros non é demasiado simplista e non reflicte a complexidade real da situación.


* José M. Jiménez Guardeño é investigador do departamento de Enfermidades Infecciosas no King’s College de Londres, e Ana María Ortega Prieto é investigadora posdoutoral asociada na mesma institución.

Cláusula de divulgación: os autores non reciben salario, nin exercen labores de consultoría, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declaran carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

2 COMENTÁRIOS

  1. Pon “Non é demasiado simplista”, sobra o non.
    Ademais de simplista estaría equivocado, pero vaia, iso xa sería cambiar as conclusións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais