Homeostase e crise do coronavirus

Os autores expoñen a necesidade de coidar e manter os equilibrios internos na sociedade para afrontar a crise, tal e como demostra a propia evolución

A homeostase, un concepto clave na bioloxía e a evolución, pode axudar tamén a comprender e evitar os conflitos que poden xurdir destas crises.
A homeostase, un concepto clave na bioloxía e a evolución, pode axudar tamén a comprender e evitar os conflitos que poden xurdir destas crises.

* Un artigo de

Homeostase é unha palabra pouco común, que se utiliza en bioloxía, pero que podería ser útil no contexto da epidemia que estamos a padecer. A homeostase ten que ver co equilibrio, e á vez co desequilibrio. Fálanos, en definitiva, dun desequilibrio equilibrado, ou dun desequilibrio estable. A vida é un puro paradoxo.

O ser humano tivo sempre a sensación de vivir nun mundo estable. Nunca pasa nada e as montañas non cambian de sitio. E iso é certo, pero só na escala da xeración humana. Houbo un tempo en que esas montañas que sosteñen o horizonte foron o fondo dun mar, ou unha xigantesca cámara de magma subterráneo.

Os continentes tampouco estiveron xamais quedos. En realidade seguen a moverse. A terra sepárase, xúntase, crébase. Son fenómenos xeolóxicos, movidos por forzas enormes que operan no interior da Terra, onde se atopa a caldeira do seu motor. Tamén o clima cambiou, e diso si que alcanzamos a ser testemuñas. Hai só un século, os glaciares estendíanse moito máis ca agora. Podémolo comprobar en postais antigas. Sen sabelo, os nosos avós e bisavós vivían ao final dunha pequena glaciación.

Pero a realidade é que tampouco hai estabilidade en bioloxía, a ningunha escala. As especies están permanentemente enfrontadas ás crises, non coñecen outro tipo de existencia. Poderiamos afirmar que os seres vivos están sempre ou ben sufrindo unha crise ou recuperándose dela. Poderiamos ir máis aló e asegurar que unha especie está continuamente a piques de extinguirse. A extinción consiste, simplemente, en non ser capaz de superar a última crise.

A vida consiste en resolver problemas

Nesa loita continua, os organismos, como individuos, tampouco deixan de estar sometidos a tensións. O filósofo Karl Popper acertou coa súa definición da vida: consiste en resolver problemas. Os minerais e os mortos non teñen problemas que poidan resolver, e por iso nunca cambian. Os nosos átomos cambian, as nosas moléculas cambian, as nosas células cambian, pero nós ficamos.

E é aquí onde entra a palabra homeostase. Homeostase é a capacidade dun organismo de reaxustarse despois dunha grave alteración. Os organismos viven en equilibrios dinámicos, non estáticos. O acueduto de Segovia está en equilibrio estático, arquitectónico. Se cae un só alicerce afúndese unha parte da canalización e a auga deixa de circular, polo que o acueduto se volve inútil por completo. Non hai forma de que o propio acueduto segregue un novo alicerce. O equilibrio (ou o desequilibrio) constante é inherente a estar vivo.

Así, unha bacteria é un sistema moi complexo, con numerosas estruturas internas ben diferenciadas que se reparten o traballo. Calquera célula do noso corpo é aínda máis complexa, e a complexidade será maior nos tecidos, nos órganos e no que en bioloxía se denominan propiamente os sistemas, tales como o sistema respiratorio, o nervioso, o circulatorio, o locomotor, o inmune, o dixestivo, o reprodutor ou o excretor. Finalmente, o individuo (unha planta, un animal, unha persoa) é un sistema de sistemas de sistemas de sistemas. Pero non acaba aí.

“O equilibrio (ou o desequilibrio) constante é inherente a estar vivo”

Por encima do individuo está o sistema social que os filósofos, a partir de Platón, compararon cun organismo biolóxico. Tamén o corpo social ten homeostasis e iso é o que, precisamente, permítelle superar as crises. En contra do que adoita pensarse, a caída dun imperio, como o romano de Occidente (non o de Oriente) ou o maia, non se produciu por unha crise única, senón por unha serie de perturbacións encadeadas e moi seguidas ás que o imperio non puido facerlle fronte. A resiliencia consiste, simplemente, en recuperarse o bastante rápido como para que a seguinte perturbación nos colla en equilibrio.

Outras crises virán

O coronavirus provocou unha crise sanitaria, económica e social que superaremos sen ningunha dúbida. Outras crises virán no futuro e probablemente serán moi distintas, porque aprenderiamos a previr esta e outras parecidas. Como non podemos adiviñar a natureza do seguinte embate, o único que nos queda é reforzar a homeostase da nosa sociedade, que é cada vez máis global.

Iso non quere dicir que debamos permanecer estáticos, senón todo o contrario. Trátase de mellorar a nosa capacidade de acadar equilibrios dinámicos que permitan afrontar calquera perturbación sen perder a estabilidade. Non é cuestión de imitar os acuedutos romanos, senón aos organismos biolóxicos.

No seu monumental libro A montaña máxica, Thomas Mann recolle en boca do mozo Hans Castorp a definición da vida como unha “febre da materia” que se balancea en precario equilibrio “dentro deste complexísimo e febril proceso de descomposición e renovación”. A nosa sociedade aínda ferida, está viva. Tras os golpes, dos obxectos inanimados só quedan cachizas; e aos seres vivos sáenlles cicatrices.

E esa é a lección política, no mellor sentido da palabra, que podemos extraer da crise do Covid-19. A homeostase só se acada se o organismo está ben organizado, se non incuba no seu seo distorsións que o fagan inestable. Superaremos esta crise, e a seguinte, e a seguinte, e a seguinte, se nos preocupamos agora de reducir os desaxustes internos en educación, saúde, medio ambiente, democracia, riqueza, cultura, ciencia, xustiza, solidariedade e sensibilidade.

Homeostase é, por tanto, a palabra oportuna. Se a nosa sociedade mantén os seus equilibrios internos, é seguro que sobrevivirá a todas as crises. Preocupémonos de que a corda sobre a que facemos equilibrios non sexa demasiado feble.


* María Martinón Torres é directora do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (Cenieh) e Juan Luis Arsuaga é catedrático de Paleontoloxía do centro mixto ISCIII-Universidad Complutense de Madrid de Evolución e Comportamento Humanos.

Cláusula de divulgación: Os autores non reciben salario, nin exercen labores de consultoría, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

1 comentario

  1. Mi mayor consideración:
    En mineralogía se da como técnica para definir un mineral el uso de las “propiedades intensivas” de las sustancias.
    Hoy en el campo de de la “nanotecnología” nos encontramos que estás cambian.
    Lo comento por qué en el artículo que nos antesede asegura de la constancia mineral o de rocas.
    Saludos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.