Un 20 de agosto de 1960, en plena Guerra Fría, a Unión Soviética sumaba outra vitoria na carreira que iniciaran cos Estados Unidos para conquistar o espazo. Belka (Blanquita) e Strelka (Flechita), as dúas cadeliñas a bordo do transbordador Sputnik 5, aterraban na rexión de Orsk, en Kazakstán, tras pasar 26 horas paseando polo espazo.
Este fito converteu a estas dúas cadelas nos primeiros seres vivos en regresar con vida tras un voo orbital, posto que tres anos antes, en 1957, a famosa Laika faleceu entre cinco sete horas despois do despegue debido ao estrés e a un colapso térmico, cando viaxaba a bordo do Sputnik 2.
Belka e Strelka despegaron o 19 de agosto de 1960 ás 11:44 hora de Moscú, dende cosmódromo de Baikonur (Kazakstán). Non o fixeron soas. Na súa viaxe, que os levou a completar 17 voltas á órbita terrestre, estiveron acompañadas por 40 ratos, dúas ratas e unha variedade de plantas e fungos.
Moitos cans descendentes de Belka e Strelka viven nos Estados Unidos
Durante o voo, o control de terra temeuse que puidesen correr a mesma sorte que Laika cando, nada máis entrar en gravidade cero, os animais quedaron inmóbiles durante uns minutos. Afortunadamente, instantes despois, comezaron a ladrar e a moverse, tratando mesmo de quitarse os arneses, o que provocou que Beltra vomitase.
A viaxe do Sputnik 5 foi retrasmitido pola televisión oficial soviética, que difundiu imaxes das dúas cadelas vestidas con traxes de astronauta e que tras o seu regreso e posterior rolda de prensa, se converteron en celebridades da URSS. Foron auténticas heroínas da Unión Soviética e se imprimiron selos conmemorativos coas súas efixies.
Strelka, tras rematar a súa misión espacial, tivo unha camada de seis cachorros con Pushok, un macho que participou en probas espaciais pero nunca viaxou ao espazo. En 1961 Jrushchov, que presidía o Consello de Ministros da URSS, regalou un deses cachorros a Caroline Kennedy, filla do presidente estadounidense John F. Kennedy. era unha cadeliña chamada Pushinka.
Pushinka creceu e viviu na Casa Branca e tivo cachorros con Charlie, outro can dos Kennedy, o que na época se catalogou como o triunfo dun romance imposible entre dúas potencias enfrontadas en plena Guerra Fría.
Dous dos cachorros, Butterfly e Streaker, foron entregados en adopción a nenos da Rexión Medio Oeste de Estados unidos, mentres que os outros dous: Tips e Blackie viviron na residencia Kennedy en Squaw Island ata que os regalaron a amigos da familia. Hoxe en día, os descendentes de Pushinka seguen vivos e no Museo Zvezda de Moscú se poden ver as fotos dos descendentes de todos os cans que participaron na conquista do espazo.