O escroto dos carteiros, a pizza contra o cancro… estes son os gañadores dos Ig Nobel

A Universidade de Harvard acolleu a entrega dos galardóns, caracterizados por premiar a investigacións científicas cunha gran carga de humor

Intervención de Silvano Gallus, Ig Nobel de Medicina 2019. Fonte: Youtube.
Intervención de Silvano Gallus, Ig Nobel de Medicina 2019. Fonte: Youtube.

Como cada ano, o teatro Sanders da prestixiosa Universidade de Harvard acolleu a entrega de premios dos Ig Nobel, probablemente os galardóns máis trangalleiros da ciencia no mundo. Os galardóns, creados en 1991, recoñecen a investigacións “que non poden ou non deben ser postas en práctica”, pero que ben serven para botar unhas gargalladas. O seu obxectivo é “facer a xente rir, e despois pensar”. En cada edición, varios galardoados cos premios Nobel (os de verdade) toman parte na cerimonia; este ano foi o turno de Rich Roberts (Medicina, 1993), Eric Maskin (Economía, 2007), e Jerome Friedman (Física, 1990). Aquí pode verse un resumo da gala celebrada a pasada noite:

E como nos Nobel, repártense recoñecementos nas diferentes ramas do coñecemento. Estes foron os premiados deste ano.

Ig Nobel de Medicina

O galardón foi para Silvano Gallus, científico italiano autor de varios estudos que relacionan o consumo de pizza coa protección contra as enfermidades e unha maior mortalidade, pero coa condición de que a pizza sexa fabricada e comida en Italia.

Ig Nobel de Aprendizaxe Médica

Recaeu en Karen Pryor e Theresa McKeon, que usaron unha sinxela técnica de adestramento animal chamada “clicker training” para adestrar aos cirurxiáns para mellorar as operacións ortopédicas.

Ig Nobel de Bioloxía

Foi para os investigadores franceses Roger Mieusset e Bourras Bengoudifa, que demostraron as diferenzas na temperatura dos escrotos dereito e esquerdo dos carteiros, en función de que estiveran vestidos ou espidos.

Ig Nobel de Química

Os premiados foron os xaponeses Shigeru Watanabe, Mineko Ohnishi, Kaori Imai, Eiji Kawano e Seiji Igarashi, por conseguir estimar a cantidade total de saliva producida nun día por un neno de cinco anos (arredor de medio litro).

Ig Nobel de Enxeñaría

Foi para unha patente do enxeñeiro iraní Iman Farahbakhsh, autor dunha patente para unha máquina de cambiar cueiros.

Ig Nobel da Paz

Un equipo de científicos de Arabia Saudí, Reino Unido, Singapur e Estados Unidos (Ghada A. bin Saif, Alexandru Papoiu, Liliana Banari, Francis McGlone, Shawn G. Kwatra, Yiong-Huak Chan e Gil Yosipovitch) recibiu o premio por intentar medir o nivel de pracer que sentimos cando nos rascamos ao sentir un proído.

Ig Nobel de Psicoloxía

O galardoado deste ano foi o alemán Fritz Strack, por descubriu que aguantar o bolígrafo coa boca fainos sorrir e, polo tanto, fainos máis felices (aínda que despois contrastou que a cousa non era así).

Ig Nobel de Física

Un equipo internacional de investigadores de Estados Unidos, Taiwan, Australia, Nova Celandia, Suecia e Reino Unido (Patricia Yang, Alexander Lee, Miles Chan, Alynn Martin, Ashley Edwards, Scott Carver e David Hu), por investigar as razóns polas cales os excrementos dos wombats son cúbicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.