A obesidade converteuse nun grave problema de saúde na sociedade actual. Case un 40% da poboación adulta ten esta enfermidade ou sobrepeso, o que implica un aumento da mortalidade, a susceptibilidade de sufrir máis dun trastorno á vez e un aumento do risco de desenvolver cancro. Na actualidade, aínda son descoñecidos gran parte dos mecanismos implicados nos efectos prexudiciais desta patoloxía, o que dificulta dispoñer de estratexias terapéuticas viables ou desenvolver novos tratamentos para combatela.
Agora, investigadores do grupo de Control traduccional da enfermidade hepática e o cancro do Institut d’ Investigacions Biomèdiques August Pi Sunyer (IDIBAPS), dirixido por Mercedes Fernández-Lobato, identificaron a proteína CPEB4 como unha potencial diana terapéutica contra a obesidade. Segundo os resultados publicados na revista Molecular Metabolism, unha alimentación rica en graxas aumenta a expresión de CPEB4 no tecido adiposo de humanos e ratos. Isto activa un conxunto de xenes implicados na expansión das células adiposas, a inflamación e o aumento da graxa corporal.
CPEB4 contribúe á alteración da microbiota intestinal asociada á obesidade
A ausencia desta proteína normaliza a composición da microbiota e favorece a presenza de bacterias que protexen a barreira intestinal. Así mesmo, tamén reduce a acumulación de lípidos na cavidade abdominal, a inflamación do tecido adiposo, e o aumento de peso, aínda que os animais reciban unha dieta rica en graxas. O estudo, asinado por Núria Pell como primeira autora, supón un primeiro paso adiante que permitirá ao grupo profundar e entender os mecanismos que aumentan o risco de padecer cancro de fígado en persoas obesas.