Sábado 27 Abril 2024

As empresas Imatia e Situm, gañadoras dos Premios Galicia Spin-off

A empresa viguesa Imatia, dedicada ao desenvolvemento rápido de software innovador, e a compostelá Situm, especializada en xeoposicionamiento en interiores, foron elixidas polo xurado como as gañadoras dos premios Galicia Spin-off nas categorías Selo de Calidade e Idea Emerxente, respectivamente. A empresa de biotecnoloxía Celtalga recibirá tamén unha distinción ao resultar finalista na categoría Idea Emerxente.

Os enxeñeiros fundadores de Situm Technologies, na presentación da empresa.
Os enxeñeiros fundadores de Situm Technologies, na presentación da empresa.

Os premios foron convocados por Pastor e GCiencia co obxectivo de distinguir ás spin-off galegas máis destacadas pola súa traxectoria (Selo de Calidade) e pola posta en marcha de ideas innovadoras (Idea Emerxente). Os galardóns entregaranse nun acto que terá lugar a finais de novembro na sede da Fundación Barrié de la Maza en A Coruña.
O xurado, composto por expertos de Pastor, do CSIC, da Real Academia Galega de Ciencias, do portal GCiencia e profesionais da ciencia de recoñecido prestixio, tivo un difícil traballo para elixir as propostas gañadoras entre unha ducia de iniciativas que accederon á selección final do premio. Entre as empresas participantes atopábanse spin-off dedicadas á creación de software innovador, outras que innovan cos seus produtos no sector sanitario, empresas agroalimentarias punteiras e compañías que investigan novos produtos procedentes do medio mariño.
Imatia, a empresa gañadora no apartado Selo de Calidade, é unha spin-off especializada no desenvolvemento rápido de software innovador para empresas e administracións públicas. O seu obxectivo estratéxico é a comercialización de produtos de software a través das marcas Ontimize, Cividas e Elastic. Entre os méritos que o xurado tivo en conta para a concesión do premio destaca a súa traxectoria de excelencia ao longo de dez anos, nos que conseguiu fitos como a venda dos seus produtos nos países máis avanzados do mundo (Estados Unidos., Canadá, Reino Unido, Holanda) e situarse como provedor de empresas punteiras como Inditex, BNP Paribas ou ADIF. Imatia conta actualmente cun persoal de 71 traballadores (moitos deles titulados nas tres universidades galegas) e prevé uns ingresos este ano superiores aos 3,5 millóns de euros. Como gañadora do premio Galicia Spin-off no apartado Selo de Calidade, Imatia recibirá unha oferta de financiamento de Pastor e recibirá unha peza escultórica exclusiva.

Imatia ten a súa sede no Citexvi de Vigo e conta cunha plantilla de 71 traballadores

No apartado Idea Emerxente a candidatura gañadora foi a da spin-off Situm Technologies, nacida na Universidade de Santiago de Compostela. Dedícase ao desenvolvemento e comercialización da súa propia tecnoloxía de localización en interiores para smartphones. Situm desenvolveu unha das tecnoloxías máis precisas no mercado LBS, baseada nos coñecementos adquiridos polos promotores da empresa durante a súa etapa investigadora. Aínda que Situm apenas conta con algo máis dun ano de vida, a súa tecnoloxía implantouse xa en máis de 30 edificios repartidos por diversas partes do mundo (Galicia, Madrid, Barcelona, EUA, Xapón e Colombia). O seu produto principal, Situm RTLS, é unha plataforma de localización en interiores para teléfonos intelixentes. O premio que recibirá como gañadora no apartado Idea Emerxente consistirá en 2.000 euros en metálico, unha peza de deseño exclusivo e unha oferta de financiamento de Pastor.

Logotipo de Celtalga.
Logotipo de Celtalga.

A candidatura finalista no apartado Idea Emerxente é a spin-off da Universidade de Santiago Celtalga Extract. A empresa dedícase á produción de extractos acuosos de macro algas procedentes das costas galegas. Os produtos obtidos aplícanse de xeito prioritario ao sector cosmético aínda que tamén se poden utilizar noutros campos como a alimentación e a agricultura. As vendas da empresa alcanzarán os 250.000 euros en 2016. Como finalista neste apartado, Celtalga recibirá unha peza física de deseño exclusivo.
En Galicia, o Grupo Banco Popular conta con 260 oficinas e un total de 757.000 clientes, dos que 142.000 son pemes, autónomos e comercios. Mediante Pastor, Galicia é o principal mercado do banco, onde conta coa maior cota de todo o territorio nacional, tanto en créditos como en depósitos. Pastor apoia aos emprendedores e aos empresarios galegos e proba diso é que tras a integración no Grupo Banco Popular, sumaba algo máis do 18% de cota de mercado en créditos e actualmente a súa cota é xa do 22,6%. En definitiva, trátase de apostar por Galicia e de materializar o seu compromiso a longo prazo coas súas familias, empresas, autónomos e comercios.
GCiencia é o portal da Ciencia en Galicia, unha publicación de Ciencia Galega Industrias Creativas S.L. que se converteu nun medio de comunicación de referencia a través das súas reportaxes, entrevistas, audiovisuais, informacións e contidos multimedia, moitos deles trilingües. Ao longo de dous anos de existencia, GCiencia suma máis de dous millóns de visitas, cun constante crecemento en audiencia. GCiencia foi seleccionada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), do Ministerio de Economía e Competitividade, para o seu programa de Fomento da Cultura Científica, Tecnolóxica e da Innovación, converténdose así nun dos catro medios de comunicación de toda España que forman parte do proxecto.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario