Sábado 27 Abril 2024

Tres mil especies de anfibios, en posible perigo de extincion

Un estudo publicado en "Current Biology" afonda na situación dos taxóns sobre os que existen poucos datos acerca da súa conservación

Sabíase que arredor do 25% das especies de anfibios coñecidas no mundo (son unhas 8.000 en total), están en perigo de extinción na actualidade. Non en tanto, o descoñecemento sobre outro gran volume de taxóns (unhas 2.200) provoca que non se teñan datos suficientes para avaliar a súa situación real. E niso quixo afondar un equipo de científicos que acaba de publicar un traballo en Current Biology: desenvolveron un modelo, a partir das características ecolóxicas, xeográficas e evolutivas das especies, para valorar o seu nivel de ameaza. E os resultados preocupan, xa que revelan que polo menos 1.000 especies máis están en perigo.

“Atopamos que máis de mil anfibios con datos deficientes están en perigo de extinción, e delas case 500 están en perigo crítico, sobre todo en Sudamérica e o sueste asiático”, explica Pamela González del Pliego, primeira autora do traballo e investigadora na universidade de Sheffield (Reino Unido) e a universidade de Yale (Estados Unidos).

Publicidade

Os autores advirten ademais de tres especies que poderían estar xa extintas. “Necesítanse accións de conservación urxentes para evitar a perda destas especies”, engade González del Pliego. Segundo os científicos, o alto número de especies con datos insuficientes débese ás altas taxas de descrición de especies e a un atraso nas taxas de avaliación nos últimos 15 anos.

Para predicir o estado de ameaza destas especies das que non se coñecía o seu estado de conservación, o equipo de investigación aplicou un marco estatístico espazo-filoxenético, baseado nas características ecolóxicas, xeográficas e evolutivas destas especies. Compararon a continuación estes atributos co risco de extinción, e así puideron saber cales si están en realidade en perigo.

A prioridade, os anfibios sen datos

Os achados suxiren que algunhas das especies máis vulnerables tamén poden ser as menos coñecidas. Con todo, os investigadores recalcan que, grazas a este traballo, nalgunhas zonas do mundo, os esforzos para protexer ás especies que se sabe están ameazadas poderían beneficiar ás especies en perigo e con datos deficientes.

“Nas selvas suramericanas, as especies que sabemos que están ameazadas teñen distribucións xeográficas moi similares ás especies con poucos datos que poderían estar en perigo”, apunta a científica. “Por tanto, se tentamos e conservamos as áreas onde están as especies ameazadas, tamén protexeremos a estas outras especies”, comenta.

Con todo, a situación no sueste asiático ou en África central é diferente. Nestas rexións hai unha escasa coincidencia na distribución das especies ameazadas coñecidas coas que teñen datos deficientes. Por tanto, “a porcentaxe de anfibios ameazados é moito máis alta do que sabiamos anteriormente”, lamenta a experta.

A investigación podería permitir tomar as decisións adecuadas en función da localización destas especies das que non se teñen datos e que probablemente están en perigo de extinción. “Necesitamos actuar rápido para considerar como unha alta prioridade de conservación aos anfibios e incluír ás especies con deficiencia de datos nas estratexias de conservación”, conclúe.

Referencias: Phylogenetic and Trait-Based Prediction of Extinction Risk for Data-Deficient Amphibians (Publicado en Current Biology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un consorcio europeo reducirá a captura accidental de especies mariñas ameazadas

O obxectivo é minimizar o dano en animais en perigo de extinción ou que na actualidade están protexidos para evitar que desaparezan

As nove especies de fauna e flora ameazadas polo megaproxecto industrial de Palas de Rei

A multinacional portuguesa Altri quere construír unha fábrica de fibras téxtiles na comarca da Ulloa, nun espazo ambiental sensible e preto da Rede Natura

O mexillón de río hospédase no salmón para garantir a súa supervivencia en Galicia

Unha tese de doutoramento da USC achega novas solucións para o cultivo dunha especie de molusco que está en perigo de extinción

A píllara das dunas vence o quecemento e a presión humana: alivio para unha especie singular

Entidades como SEOBirdLife e investigadores como a bióloga María Vidal constatan a recuperación desta ave en Galicia