Venres 6 Decembro 2024

Unha nova App para profesores facilita as clases 3.0

Facilitarlle aos mestres e mestras de ensino primario e secundario a dixitalización das clases. Este é un dos grandes obxectivos da rede de investigadores TELGalicia, integrada por dez grupos de investigación das tres universidades galegas, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e centro tecnolóxico Gradiant. TELGalicia vén de presentar a plataforma Edu-AREA, “unha aplicación para dispositivos móbiles Android que acabamos de publicar no Google Play e que xa está dispoñible para todo o mundo que a queira baixar”, explica Manuel Caeiro, profesor da Escola de Telecomunicacións de Vigo e coordinador da rede.

Aplicación de TELGalicia para clases e actividades docentes.
Aplicación de TELGalicia para clases e actividades docentes.

A nova App deseñada polos investigadores de TELGalicia permite que os mestres poidan acceder aos cursos dispoñibles na web de Edu-AREA a través das súas tabletas ou teléfonos móbiles, seguir os plans e facer trocos nos mesmos, introducindo novas actividades se o ven preciso, rexistrar observacións, e tamén subir fotos, vídeos ou outro tipo de ficheiros. “Con esta ferramenta o profesor pode seguir durante a aula o seu plan de clase, vendo os recursos e as orientacións que preparou e, cando o considere oportuno, facer unha foto ou gravar un vídeo para recoller algo que lle chama a atención”, explica Caeiro.

Publicidade

As funcionalidades da nova App están dispoñibles aínda que o dispositivo non conte con conexión a Internet, algo bastante habitual, sobre todo cando se desenvolven actividades ao aire libre, como excursións ou traballos de campo. “Todas as observacións rexistradas se sincronizan de modo automático coa plataforma web en canto se dispoña de conexión, co que a partir dese momento pódense ver neste medio”, recalca o coordinador da rede, que explica que a App dispón tamén dunha funcionalidade para a detección e difuminado de caras nas fotos, o que permite “agochar” as caras dos nenos e cumprir así coas normas de moitos centros de ensino non universitario.

A nova App desenvolvida en Galicia está dispoñible gratis en Google Play

A maiores, desde a rede están xa traballando noutras funcionalidades relacionadas, como a publicación de observacións en blogues públicos e nunha App para que os alumnos poidan facer entregas a modo de observacións que despois queden dispoñibles para o mestre. “Trátase de seguir traballando para facilitarlle aos mestres a realización de certas tarefas que lles poidan servir de achegamento ao mundo dixital e a Edu-AREA en particular”, explicou o coordinador, ao que engadiu que nos vindeiros meses tratarán de desenvolver unha experiencia para pór a proba a funcionalidade de licenzar recursos educativos, en especial conforme a licenzas Creative Commons. “É preciso mellorar o coñecemento sobre as opcións de licenzamento dispoñibles e ofrecer axuda técnica para que a xestión de licenzas se poida facer con máis seguridade”, recalcou o investigador.

Podes ver a aplicación
nesta ligazón de Edu-Area

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas e outros proxectos de Galiciencia 2024

A feira científica reúne un centenar de traballos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda a comunidade

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

O impacto da intelixencia artificial na educación sexual

Por María José Figueiredo e Daniel González Peña, da UVigo, e Ricardo Fandiño Pascual, da USC