A competición de robots que organiza a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo acada na súa cuarta edición un récord de participación coa inscrición de máis de 185 equipos das catro provincias galegas, que achegarán ao centro, o vindeiro 4 de maio, a máis de 1000 participantes. Juan Pardo, director da EEI, asegura sentirse sorprendido pola resposta, “que aínda que agardabamos que fose boa, superou as expectativas. De feito, creo que é a primeira vez que as inscricións cubríronse antes de pechar o prazo”. En total, para a cuarta edición da competición, rexistráronse máis de 170 equipos na categoría Wall-E, dirixida a alumnado da ESO e Bacharelato, e 15 equipos na R2D2, para estudantado de titulacións superiores e outras persoas interesadas. A competición realizarase por equipos, que deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu robot a partir dun kit básico que lles entrega a organización da proba.
Máis de 170 equipos serán de alumnos de ESO e Bacharelato de toda Galicia
Cun total de 60 equipos, o 1º curso de Bacharelato é o que máis inscricións rexistrou, seguido de 2º da ESO con 41 e 4º da ESO con 37. Por provincias, a de Pontevedra sitúase á cabeza en canto á procedencia das e dos centros participantes, cun 63% do total, seguida de a de A Coruña con case un 34%. “Residualmente tamén temos algúns centros das provincias de Lugo e Ourense, pero son maioría os de Pontevedra e A Coruña que van tomar parte nesta competición, coa que buscamos que o alumnado, en especial as mozas, perdan o medo ás disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Art and Mathematics), sobre todo no caso dos estudos de enxeñaría, ao tempo que se achegan a coñecer a nosa escola”, explica Juan Pardo.
Récord despois de tres edicións
Tras tres edicións, o director da Escola de Enxeñería Industrial considera que boa parte do éxito no récord de participación na competición de robots cómpre buscala no boca a boca que realizan os propios colexios entre si dun ano para outro, ao que se suma que por parte do centro tamén se incrementou a difusión da celebración do evento. Superada a barreira dos 1.000 participantes, a organización da competición está a considerar introducir algunhas modificacións respecto a anteriores edicións, “dunha banda, estudamos a posibilidade de habilitar algunhas aulas para que alí as e os participantes poidan poñer a punto os seus robots e, da outra, pensamos en implantar algunhas melloras tecnolóxicas na medición dos tempos, para facelo dun xeito máis profesional”, explica o director do centro.
A competición de robots está organizada pola Escola de Enxeñería Industrial en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo.